Noticias

Galicia reivindica o papel das rexións no desenvolvemento de Europa e reclama o seu protagonismo no novo marco financeiro plurianual

Galicia reivindica o papel das rexións no desenvolvemento de Europa e reclama o seu protagonismo no novo marco financeiro plurianual. O Goberno galego xestiona algo máis de 4.000 millóns de euros (4.058) de fondos europeos de xestión compartida, dos que 1.575 millóns son fondos de cohesión, mentres que 2.117 son da Política Agraria Común e 366 corresponden á pesca. Isto supón o 70% dos fondos asignados a Galicia, tendo en conta que máis da metade dos fondos de cohesión, FEDER e FSE+ destinados á nosa Comunidade os xestiona directamente a Administración central, polo que a Xunta aspira a unha maior capacidade de xestión dos recursos asignados ao noso territorio.

A Xunta de Galicia reivindica o papel das rexións no desenvolvemento de Europa e reclama o seu protagonismo no novo marco financeiro plurianual. Así o explicou hoxe o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío Tobar, en sede parlamentaria, onde deu conta do desenvolvemento dos Fondos Europeos en Galicia, correspondentes ao orzamento da Unión Europea do Período 2021-2027.

O Goberno galego xestiona algo máis de 4.000 millóns de euros (4.058 M€) de fondos europeos de xestión compartida, dos que 1.575 M€ son fondos de cohesión, mentres que 2.117 M€ son da Política Agraria Común e 366 M€ corresponden á pesca. Isto supón o 70% dos fondos asignados a Galicia, tendo en conta que máis da metade dos fondos de cohesión, FEDER e FSE+ destinados á nosa Comunidade os xestiona directamente a Administración central, polo que a Xunta aspira a unha maior capacidade de xestión dos recursos asignados ao noso territorio.

Ángel Tarrío explicou que, tras o peche dos programas do período 2014-2020 coa execución do 100% dos fondos de cohesión aos que se incorporaron 440 M€ de REACT, a Xunta está a cumprir co desenvolvemento dos programas do período 2021-2027. De feito, no primeiro test efectivo da capacidade de execución financeira, que se levou a cabo no 2025, Galicia cumpriu coa senda financeira dos programas dos fondos europeos do período 2021-2027.

Distintas tipoloxías de fondos

O director xeral de Cohesión afondou na súa intervención nas distintas tipoloxías de fondos europeos, distinguindo entre os fondos de xestión compartida coa Comisión Europea, como é o caso dos fondos de cohesión e os sectoriais de agricultura e pesca, fronte aos de xestión directa da Comisión ou os de xestión indirecta, como o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

No que se refire ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, Ángel Tarrío destacou que se caracteriza pola súa centralización e a ausencia dunha cogobernanza real coas Comunidades Autónomas, que se converten, deste xeito, en meros órganos executores dos proxectos definidos polos distintos ministerios.

Así, as CC.AA. xestionan o 36% do tramo de subvencións do Plan, e a Galicia correspóndelle o 6% do total das Comunidades. Tarrío lembrou que a Xunta acadou, a 31 de decembro de 2025, os 1.449 millóns de euros adxudicados dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que lle foron asignados, o cal representa o 93% do importe publicado en convocatorias e licitacións e o 88% do ingresado.

O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos subliñou que o Goberno galego está a facer “unha xestión dilixente dos distintos fondos europeos” que, agás o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, executaranse durante esta década. Lamentou, pola contra, a falta de colaboración do Goberno central no que respecta ao desenvolvemento dos programas do MRR, tanto pola falta de cogobernanza como pola ausencia de información nos prazos de execución ou nas modificacións dos fitos e obxectivos establecidos no Plan, como o demostra o feito de que non se convoque desde 2021 o órgano de coordinación coas CC.AA.

De cara ao novo marco financeiro plurianual 2028-2034, Ángel Tarrío incidiu na demanda dunha descentralización que poña ás rexións no centro da toma de decisións, mantendo unha política de cohesión robusta, que aproveite a experiencia e o coñecemento das CC.AA. na xestión dos fondos.

R., 2026-03-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES