Noticias

O emprego industrial bate récords en Galicia con 192.300 persoas ocupadas e un crecemento do sector que xa supera en case catro puntos a media de España

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os datos dun informe sobre as políticas industriais aplicadas polo Goberno galego no período 2023-2025 que revelan que 'o emprego industrial bate récords en Galicia con 192.300 traballadores' e o sector 'medra por riba da media española'. 'Os datos avalan o éxito das políticas da Xunta', asegurou, na aposta por atraer novos proxectos industriais estratéxicos á comunidade. Con máis de 192.300 persoas ocupadas na industria e un crecemento do Índice de Produción Industrial (IPI) dun 6,5% interanual en decembro de 2025, fronte ao 2,8% do conxunto do Estado, Galicia estase a converter no principal polo de atracción industrial do norte peninsular.

O documento pon de relevo a importante contribución da estrutura industrial galega ao PIB rexional e á creación de emprego grazas a sectores como a automoción, construción naval, o sector metalmecánico, a industria forestal, a alimentaria ou a das TIC, entre outros.

Segundo se desprende do informe, a Xunta está a levar a cabo importantes iniciativas co obxectivo de incrementar a actividade industrial na comunidade autónoma, como motor da súa economía. Esta planificación aséntase nunha estratexia que ten nos plans directores dos distintos sectores da Comunidade e no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais os seus piares fundamentais.

O resultado destas políticas, indicou Rueda, sitúan Galicia “como a terceira comunidade autónoma con maior crecemento interanual do Índice de produción industrial (IPI)” a decembro do 2025, cun incremento do 6,5 %, fronte a unha subida media estatal do 2,8%. Isto fai que a nosa comunidade peche o ano 2025 superando en case 4 puntos o ritmo de crecemento da produción industrial de España, que se sitúa no 2,8 %. Deste xeito, Galicia acada un índice do 96,72, superando o índice estatal que acada un 95,377.

O informe tamén sinala que a industria galega xa representa o 16,4% do total da poboación ocupada en Galicia, porcentaxe que supera en case tres puntos a media estatal, que acada un 13,5%. Así as cousas, a nosa comunidade pechou 2025 cunha media de 192.300 persoas ocupadas na industria e incrementando a cifra nun 4,9% con respecto ao dato de 2024 e volvendo marcar un récord histórico de ocupación. A estes datos cómpre sumar o Valor Engadido Bruto (VAB) industrial, que rexistrou un incremento do 5,2% e alcanza deste xeito cifras récord, ao tempo que se reforza o peso estrutural do sector na economía galega.

Os plans directores

Unha das bases da estratexia industrial da Xunta aséntase nos plans directores, follas de ruta dos distintos sectores clave da Comunidade galega que xorden da necesidade de analizar, detectar oportunidades e deseñar accións de apoio co fin de promover o desenvolvemento da actividade industrial no sector específico que corresponda. Na actualidade téñense declarado nove sectores estratéxicos polo Consello da Xunta: automoción, construción naval, loxística industrial, metalmecánico, TIC, industria forestal, industria alimentaria, téxtil e confección e industria da construción.

Tal e como explicou o presidente, “os dous primeiros sectores -automoción e naval- xa contan co plan aprobado”, mentres que os sete restantes están en diferentes graos de tramitación, prevéndose a aprobación dos plans directores dos sectores industriais forestal-madeira e industria das TIC no próximo trimestre.

O impulso a proxectos industriais

Outro instrumento da política industrial autonómica para que Galicia ocupe un lugar destacado na creación de riqueza e emprego é o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, que inclúe unha serie de medidas dirixidas a facilitar a implantación de novos proxectos industriais, así como a ampliación dos existentes.

Neste marco, Galicia conta con figuras de axilización administrativa que permiten reducir os prazos de tramitación dos proxectos industriais, ben sexan novos ou ampliacións. Entre estas, cómpre salientar a figura dos Proxectos industriais estratéxicos (PIE), instrumento fundamental para a axilización de iniciativas empresariais nas que se estime que teñen tal carácter estratéxico pola súa función no desenvolvemento, implantación ou execución da política industrial autonómica e a súa incidencia económica ou social.

Así, na actualidade, tal e como explicou Rueda, “hai 14 Proxectos industriais estratéxicos declarados” como a planta de xeración, almacenamento e distribución de hidróxeno verde en Arteixo, promovida por AccionaPlug; a factoría de biometano impulsada por Norbiogas Biometanol no polígono industrial de Curtis; a nova planta de produtos do mar conxelados de Congalsa, na Pobra do Caramiñal (A Coruña) ou a ampliación da fábrica de Urovesa en Valga, entre outros. Ademais, explicou que outros catro xa teñen o PIE aprobado definitivamente mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia: o centro de procesamento de datos impulsado pola empresa Galicia Green Data Center no concello coruñés de Curtis, a planta de produción de metanol verde de Triskelion en Mugardos, a de manipulado e envasado de peixe de Stolt Sea Farm en Rianxo e a de fabricación de carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones S.A.U. (Xeal) no municipio de Dumbría.

Apoios económicos ao investimento

De maneira paralela, o Goberno galego, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), desenvolve distintas liñas de axudas que permiten atraer empresas a Galicia e mellorar a competitividade das existentes. Entre o amplo abano de apoios, cómpre subliñar as axudas para atracción de empresas a Galicia, cuxo obxectivo é o de estimular a posta en marcha de grandes proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de potenciar a actividade económica e o mantemento e creación de emprego, así como atraer novas iniciativas empresariais a Galicia, sen renunciar ao crecemento e mellora das empresas existentes nin á creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Os apoios diríxense ás pequenas e medianas empresas dos sectores de actividade máis importantes para Galicia, pola súa función decisiva na creación de emprego e por constituír un factor de estabilidade social e de desenvolvemento económico, así como polas especiais dificultades para acceder ao capital e ao financiamento. O pasado 16 de xaneiro publicouse a terceira convocatoria destas axudas, que permanecerá aberta ata o 30 de setembro. Desde a súa posta en marcha no ano 2024, apoiáronse 50 proxectos por importe de máis de 40,1 millóns de euros que mobilizarán un investimento superior aos 135 millóns de euros.

A colaboración público-privada, a simplificación administrativa ou as políticas de solo industrial, coa creación de novas figuras para reducir trámites e abaratar prezos, tamén forman parte da política industrial da Xunta.

R., 2026-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES