
Este recoñecemento distingue aqueles traballos de investigación que contribúen ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para o benestar da cidadanía.
O reitor Antonio López presidiu o acto de entrega que se desenvolveu no Colexio de San Xerome e no que se premiou as profesoras da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro, así como a Bruno Blanco Varela. O acto contou coa presenza da presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES), Agustín Hernández Fernández; e a directora do IDEGA, María Dolores Riveiro García.
Os traballos premiados nesta ocasión chaman a atención sobre a necesidade de seguir apostando polo público como garante da igualdade de oportunidades, afirmou o reitor Antonio López ao fío das temáticas dos traballos premiados. Así, continuou o reitor, o premio a traballos en revistas pon en valor a investigación feita dende Galicia e con proxección, incidindo na importancia da transferencia como ferramenta que enlaza o coñecemento cos procesos de toma de decisións en empresas e administracións para unha mellora das condicións de vida. No relativo á modalidade de teses, o reitor destacou como este premio nos recorda a necesidade de seguir apostando por un sistema público e con axudas como garantía da igualdade de oportunidades e do recoñecemento da educación como promotor social. Sanidade, educación, servizos sociais son logros que é preciso conservar, subliñou Antonio López.
Dolores Riveiro destacou, pola súa parte, a calidade científica dos traballos que concursaron, así como a relevancia temática das obras. Agustín Hernández gabou ademais a figura de quen dá nome a estes premios pola súa polifacética actividade en tempos difíciles e sempre movido polo amor a Galicia e o crecemento desta terra. Globalmente sinalou que esta edición concitou moito interese e que agarda isto se repita na décima edición tanto no número como na calidade dos traballos.
Fiscalidade e enerxía
O artigo Renewable energy taxes and environmental impacts: A critical reflection from the wind tax in Spain, do que son autoras as profesoras da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro, fíxose co galardón na modalidade correspondente aos Traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, dotado con 2.000 euros. Publicado na revista Energy and environment, o texto aborda a fiscalidade da actividade eólica establecendo unha análise comparada da situación en Galicia coa doutras comunidades autónomas. Ademais, caracteriza socioeconomicamente este tipo de tributación e avalía a idoneidade desta fiscalidade para gravar os impactos ambientais asociados a esta xeración de enerxía. A dicir das autoras, a tributación verde é unha ferramenta chave para o deseño das políticas enerxéticas sostibles do futuro, desde a perspectiva de penalizar as actuacións lesivas co entorno, mellorar a eficiencia produtiva de ditos parques, aumentar a aceptación social por parte da cidadanía e implementar programas para o avance socioeconómico e demográfico no rural de Galicia.
Vulnerabilidade socioeconómica
Na categoría correspondente ás teses de doutoramento, dotada con 1.000 euros de premio, o certame distinguiu o traballo de Bruno Blanco Varela, titulado Unha análise socioeconómica da vulnerabilidade en Galicia: o camiño dende a escola até a inserción laboral. Esta tese, defendida na USC e dirixida polos profesores María del Carmen Sánchez Carreira e Paulo Jorge Reis Mourão, permite un maior coñecemento da vulnerabilidade socioeconómica en Galicia e das súas implicacións para os ámbitos educativo e laboral, alén de incidir nas políticas aplicadas neste eido e os seus efectos.
Accésit
Na presente edición, outorgouse tamén un accésit a unha investigación sobre o aproveitamento dos recursos micolóxicos nos montes en man común en Galicia e sobre a súa potencial contribución ao desenvolvemento sostible do rural galego. O artigo, titulado Community forest and mushrooms: Collective action initiatives in rural areas of Galicia, e asinado por Damián Copena, David Pérez Neira, Alfredo Macías Vazquez e Xavier Simón, está publicado na revista Forest Policy and Economics.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.