Noticias

Galicia reclama ao Goberno central planificación e investimentos para dotar á comunidade dun sistema ferroviario moderno e competitivo

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, denunciou hoxe no Parlamento galego a situación xeral na que se atopa a prestación do servizo de transporte ferroviario en Galicia, motivada polos problemas acumulados nas últimas semanas con máis incidencias das habituais que dificultan a mobilidade da poboación galega. Nunha comparecencia a petición propia criticou que, como sempre, falta por parte do Goberno central 'información directa, clara e transparente do que pasa, as causas e as medidas que hai que adoptar'. Tamén achacou a 'falta de previsión, mantemento e planificación', así como a necesidade de investimentos para dotar a Galicia dun sistema ferroviario moderno e competitivo con tempos de viaxe razoables e frecuencias suficientes.

Nesta liña, criticou o agravio continuo do Executivo estatal á Comunidade galega cun trato diferente a outros territorios e puxo como exemplo a inacción e falta de transporte alternativo de Renfe hai unhas semanas ante a suspensión de servizos ferroviarios polas condicións climatolóxicas adversas. “Algo que noutros territorios non pasa” e en Galicia foi a Xunta a que ofertou case un cento de reforzos no eixo atlántico ante esta situación.

Fixo referencia aos incumprimentos de horarios e tempos de viaxes ou á deficiente oferta de frecuencias e prazas no eixo atlántico, ademais de que seguen sen recuperarse servizos suprimidos durante a pandemia da covid. A isto hai que sumar, engadiu, a suspensión do servizo entre Ferrol e A Coruña ou a recente eliminación de conexións entre Vilagarcía de Arousa e Santiago. No que se refire á alta velocidade, sinalou que tampouco aumentaron as conexións e, ao mesmo tempo, mantense o agravio con Ferrol, que non recuperou a única conexión directa que tiña con Madrid, Lugo non dispón de novas frecuencias e A Gudiña e Vilagarcía non recuperaron tampouco os servizos eliminados. No caso de Ferrol e Lugo incidiu en que o AVE segue sen chegar a estas cidades e que a urbe ferrolá é a única sen proxecto de estación intermodal polo bloqueo de Adif. De feito, ante a “desidia” do Goberno central coas actuacións necesarias na comarca de Ferrolterra, a Xunta impulsou un estudo para mellorar a mobilidade e o transporte ferroviario nesta comarca. Un estudo que se remitiu ao Goberno central sen que ata o de agora respondese ao Goberno galego respecto do mesmo.

Ademais, criticou que os problemas de puntualidade na alta velocidade “é unha constante” e mantense a ampliación no tempo de demora para que os viaxeiros teñan dereito a reclamar unha indemnización.

No que se refire ás obras pendentes en materia ferroviaria, o conselleiro incidiu nas infraestruturas do Plan Director do Corredor Atlántico, do que a Xunta aínda non coñece as cifras e prazos concretos que manexa o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible sobre a relación de obras e o horizonte temporal da súa execución. Por iso, detallou as iniciativas e foros nos que participou a Xunta para reclamar a necesidade de avanzar nesta infraestrutura estratéxica. A máis recente é a reunión que o propio conselleiro tivo o pasado venres en Bruxelas coa asesora do coordinador do Corredor Atlántico, na que insistiu nesta cuestión e na necesidade de que se detallen todas as actuacións, investimentos e calendario deste Plan e no que se contemple a necesaria coordinación con Portugal.

Neste encontro, como lembrou hoxe, reclamou a integración plena de Galicia neste corredor multimodal transeuropeo e que se garanta a conexión ferroviaria para os principais portos galegos. Isto supón recoñecer a Ferrol e Vigo como portos nodais da rede básica para que a súa comunicación co tren, ao igual que A Coruña, estea rematada en 2030 e non en 2050 coa súa identificación actual na rede global. “Non ten sentido que os portos de Vigo e Ferrol non sexan portos nodais”, incidiu.

No caso do porto de Vigo, sinalou que pese a ser un dos 10 máis activos de España polas súas importantes cifras de tráfico e emprego, a “exclusión” do Ministerio impídelle acceder aos fondos do Mecanismo Conectar Europa e supón quedar fóra dos fondos para portos nodais, unha categoría “que teñen portos con menos tráfico que o vigués”. No caso de Ferrol, o “bloqueo” do Goberno central impide a súa conexión coa península.

Do mesmo xeito, como outras actuacións pendentes neste ámbito destacou a necesidade de modernizar a liña Ferrol-A Coruña -empezando polo baipás de Betanzos- e A Coruña-Monforte, a saída do porto de Bouzas, pola liña do Miño ata Ourense, e a conversión da rede ferroviaria galega ao ancho internacional, xa que actualmente o 80% ten ancho ibérico.

Á falta de concreción sobre o Plan Director do Corredor Atlántico engádese o grupo de traballo para facer seguimento deste plan que o Ministerio constituíu en xaneiro do ano pasado e que está coordinado polo comisionado do Corredor Atlántico. Cómpre indicar que a Xunta non ten información de quen integra o grupo nin de se tivo actividade en máis dun ano en funcionamento.

Obras de alta velocidade pendentes

Canto aos traballos necesarios para optimizar o tempo de percorrido do AVE Galicia-Madrid destacou a necesidade de impulsar a Variante Exterior de Ourense e completar a dotación da dobre vía, xa que o feito de que aínda haxa 120 quilómetros en vía única provoca que esta liña teña ata un 75% menos de capacidade que a media dos corredores de alta velocidade.

Por outra parte, respecto á conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e o norte de Portugal advertiu de que co retraso que acumula a Saída Sur de Vigo e o treito entre O Porriño e a fronteira portuguesa é inviable o horizonte 2030-2032 do Goberno central. Tendo en conta que aínda está por definir unha nova ponte internacional entre ambos estados, tal e como se informou esta semana no Consello da Xunta, coa tramitación actual non sería posible ata polo menos 2038 que esta infraestrutura tan estratéxica para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal sexa unha realidade. A semana pasada o alcalde de Porto ratificoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o compromiso de progresar na infraestrutura en territorio portugués, o que demostra que “en Portugal a vontade política é máis clara”.

R., 2026-02-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES