
A economía galega medrou un 2,6% no ano 2025, por riba das previsións. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, nunha rolda de prensa na que fixo unha valoración dos datos da contabilidade trimestral publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Miguel Corgos salientou que este dato demostra que Galicia consolida un crecemento sostido da súa economía nos últimos cinco anos, cunha mellor evolución que a media de España no período postpandemia. O PIB de Galicia está 12,3 puntos por riba do de 2019, 2,2 puntos máis que o de España no mesmo período, explicou Corgos.
A este avance da economía galega contribuíu en 2,4 puntos a demanda externa. A formación bruta de capital aumentou un 4,2 %, o gasto das administracións pública subiu un 2,3 % e o gasto dos fogares medrou un 2 %. As exportacións mantivéronse estables, tendo en conta que vimos de niveis récord, consolidando por riba de 30.000 millóns de euros anuais as vendas ao exterior, debullou o conselleiro de Facenda.
No que respecta á oferta, a construción medrou un 7,3 %, ao que contribuíu a aposta do Goberno galego pola vivenda, co obxectivo de duplicar nesta lexislatura o parque público de inmobles, afirmou. Os servizos amosaron un bo comportamento, cun avance do 2,8 %, a industria subiu o 2,2 % e o sector primario un 1,3 %.
Miguel Corgos explicou que ao dato positivo do PIB se suman outros indicadores, como o crecemento do emprego, cun incremento de 17.715 empregos e un descenso da taxa de paro ata o 8,35 %, preto do mínimo histórico.
Mellora da converxencia
Ademais, Galicia segue mellorando a súa converxencia, cunha tendencia mellor que a media, explicou Corgos. Esta evolución fai que, en relación a España, Galicia acade en 2024 (o último ano do que se teñen rexistros pechados) o seu mellor nivel de converxencia con España, o 92,6 %.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.