Noticias

O último informe 'A Economía Galega' do IDEGA confirma unha evolución favorable na maior parte dos sectores de actividade

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC presentou o 40º informe 'A Economía Galega', un estudo que realiza de maneira ininterrompida dende 1986. Os seus directores, Dolores Riveiro e Melchor Fernández, explicaron que o documento se pode resumir nunha 'evolución favorable na maior parte dos sectores de actividade, confirmando unha notable capacidade de adaptación nun contexto internacional complexo'.

Os datos de 2025 son 'claramente positivos', afirmaron. 'Galicia pechou o ano co maior aumento de ocupación da última década, no que as mulleres concentran o avance e a inmigración se consolida como un dos grandes motores do emprego'. A presentación tivo lugar no Salón Reitoral da USC e contou tamén coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez Álvarez-Cedrón.

Aspectos controvertidos

Nesta edición, 15 docentes da USC analizaron en 10 capítulos a evolución macroeconómica da comunidade. Na presentación, os expertos destacaron dous aspectos controvertidos do mercado de traballo. Por unha banda, alertaron da dificultade de chegar a conclusións respecto da estimación do número de vacantes existentes en Galicia, posto que as fontes oficiais responden a metodoloxías e coberturas distintas. 'Non existen datos suficientes para falar dunha alarma laboral xeneralizada, xa que o problema parece concentrarse en determinados sectores e territorios. É necesario, ademais, mellorar as estatísticas', explicaron.

Por outra, o estudo conclúe que Galicia presenta unha taxa de absentismo superior á media estatal, pero o informe subliña o problema de identificar o total das ausencias do traballo co absentismo por incapacidade temporal. Os expertos consideran que o maior impacto pode estar no presentismo, persoas que acoden ao traballo estando enfermas, un fenómeno 'menos visible e difícil de medir'.

Análise rigorosa

Os coordinadores explicaron que o informe ‘A Economía Galega’ debe contribuír a ofrecer unha 'análise rigorosa apoiada na evidencia empírica' para comprender mellor os desafíos e retos actuais e orientar un debate máis informado. Neste sentido, sinalaron que a economía galega deberá afrontar o envellecemento da poboación, a necesidade de incrementar a produtividade e o valor engadido, adaptarse á transición tecnolóxica e ambiental e garantir o relevo xeracional para cubrir as necesidades do mercado de traballo.

R., 2026-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES