
Galicia rematou o mes de maio con 1.111.867 afiliacións á Seguridade Social, o que supón 17.061 cotizantes máis que no mesmo mes do ano pasado. Ademais, o número de persoas desempregadas situouse en 109.355, unha cifra que representa 2.286 menos que en maio de 2025. Así o puxo hoxe de relevo o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na súa valoración dos datos de paro e afiliacións, que en ambos casos marcan os mellores rexistros para un mes de maio desde o inicio da serie histórica.
No que atinxe ás afiliacións, estas experimentan un incremento interanual do +1,56 % e tamén avanzan en comparación co mes anterior, con 8.048 afiliacións máis (+0,73 %).
Polo que respecta ao desemprego, a tendencia continúa sendo positiva tanto en termos anuais como mensuais. Así, o paro baixa un -2,05 % respecto de maio do ano pasado e un -2,62 % en relación con abril de 2026 máis dun punto por enriba da media nacional, o que se traduce en 2.938 persoas desempregadas menos. De feito, Galicia é a segunda comunidade autónoma na que máis descende o paro en termos relativos durante o último mes.
En comparación co ano anterior, o desemprego tamén diminúe en todos os sectores económicos. A maior redución rexístrase na construción (-8,09 %), seguida do sector primario (-4,14 %), da industria (-3,63 %) e dos servizos (-1,85 %).
No referido aos colectivos prioritarios, tanto as mulleres como as persoas desempregadas de longa duración presentan a segunda mellor cifra de paro de toda a serie histórica iniciada en maio de 2005. No caso das mulleres, o descenso interanual é de 1.512 persoas (-2,31 %), mentres que entre os parados de longa duración a redución alcanza as 1.635 persoas (-2,88 %).
González subliñou que, analizados cunha perspectiva de medio e longo prazo, estes indicadores indican a boa evolución do mercado laboral galego, afianzando un modelo dinámico e que crea emprego de calidade, apoiado tamén no bo desempeño do tecido empresarial da Comunidade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.