
Na súa intervención, Gómez subliñou que detrás destes datos hai proxectos reais; explotacións mellor preparadas para competir; empresas que incorporaron innovación e tecnoloxía; servizos no rural que melloraron; emprego e actividade económica; e persoas que decidiron quedar e desenvolver no rural o seu proxecto de vida.
Por iso, a conselleira agradeceu a todos os axentes do rural galego o seu compromiso na aplicación dun plan co que o rural galego respondeu diante das dificultades que se presentaron no período, desde a pandemia ata a incerteza derivada da guerra de Ucraína, pasando pola crise de custos ou os cambios profundos na Política Agraria Común. Foi unha tarefa de todos, feita con traballo, con capacidade de adaptación e tamén cun enorme sentido da responsabilidade, aseverou.
Recoñecemento colectivo
Así, Gómez quixo trasladar un recoñecemento explícito e colectivo ás explotacións, á xente nova, ás cooperativas, ás comunidades de montes, ás industrias agroalimentarias, aos grupos Leader e a todo o persoal técnico implicado, que fixo que este programa chegase ao territorio. Abundando nas cifras do PDR, a conselleira engadiu que grazas a el máis de 3.400 explotacións agrícolas recibiron apoio para investimentos en modernización e reestruturación; preto de 2.400 mozos e mozas tiveron axuda para incorporarse ao agro; impulsáronse centos de proxectos de transformación agroalimentaria e cooperación e, a través do Leader e doutras iniciativas, xeráronse máis de 1.500 empregos no rural galego. Asemade, segundo explicou Gómez, Galicia soubo orientar unha parte importante de recursos cara a obxectivos que hoxe son fundamentais, como son a sustentabilidade, a conservación ambiental, a xestión responsable do territorio ou a loita contra o cambio climático.
Retos e motivos para a confianza no futuro
Mirando cara o futuro, a conselleira sinalou que a nosa comunidade afronta desafíos moi importantes, como son a remuda xeracional, a rendibilidade das explotacións, a ordenación do territorio ou a necesidade de seguir xerando oportunidades para que vivir e traballar no rural sexa unha opción atractiva para as novas xeracións.
Ao tempo, puxo en valor os motivos para a confianza, como son o feito de ter un sector agroalimentario cada vez máis profesionalizado, innovador e competitivo ou o de contar con produtos recoñecidos pola súa calidade. Ademais, salientou o enorme potencial forestal de Galicia e, como elemento clave, dispor de persoas con capacidade, experiencia e compromiso co territorio. Tamén en relación co inmediato futuro, Gómez insistiu en que Galicia seguirá reclamando unha PAC que entenda a nosa realidade e, nesta liña, advertiu que necesitamos máis recursos para o medio rural, menos burocracia e a garantía de que os fondos de desenvolvemento rural manteñan o seu peso e a súa importancia estratéxica.
Participación de axentes de desenvolvemento rural
O acto de peche do PDR de Galicia contou coa participación de diferentes axentes relacionados co desenvolvemento rural en Galicia. Así, tras a inauguración a cargo da conselleira, proxectáronse varios vídeos ilustrativos sobre o programa e celebráronse dúas mesas redondas, que estiveron precedidas de cadansúa conversa co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.
A primeira das mesas redondas, sobre o impacto do PDR no sector produtivo, contou coa participación de Adolfo Picáns, director financeiro de Granbazán; Daniel Rodríguez, director económico da Asociación Forestal de Galicia; e Laura Seoane, socia da gandaría Ugasma S.L. A segunda mesa versou sobre os proxectos que transforman o rural galego e nela tomaron parte Carmen Calderón, responsable de programas de desenvolvemento rural para Galicia, DG Agri, Comisión Europea; Domingo Lojo, xerente da Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes; Lorena Collazos, co-propietaria de Pallozas Ridicodias; e Manuel Arias, propietario da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Seixas-Xeou! O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, foi o encargado da clausura institucional do acto.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.