Notas de prensa

A Axencia Galega de Infraestruturas recibe a encomenda da execución das obras da estación intermodal de Lugo

O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas das obras da estación intermodal de Lugo. Trátase da construción da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo necesario para a estación de ferrocarril, cuxas obras foron licitadas por 20 millóns de euros.

As empresas interesadas neste contrato teñen ata o 10 de xaneiro para presentar as súas ofertas para levar a cabo as obras, que teñen un prazo de 25 meses.

A través desta encomenda, o departamento de Infraestruturas da Xunta asume a participación na contratación e adxudicación das obras, así como a súa dirección e execución.

A Xunta construirá estas actuacións da estación intermodal de Lugo, como gran centro de transporte público no que sexa posible pasar do autobús ao tren en apenas 2 minutos, desde unhas instalacións modernas e accesibles, dotadas, ademais, dun grande aparcadoiro subterráneo.

Para iso, executará unha nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril, que a Xunta financia integramente, achegando 8,5 M€. A nova estación de autobuses intermodal contará cun total de 23 dársenas -18 para viaxes e 5 de regulación- e un edificio de servizos aos usuarios á mesma cota, preparada para albergar uns 620.000 viaxeiros cada ano.

A Xunta asume, tamén, o compromiso de construír un aparcadoiro subterráneo con 240 prazas, 8 delas para persoas con mobilidade reducida, que responden a unha necesidade da estación de ferrocarril e da propia cidade. O aparcadoiro ten un orzamento de 11,4 M€ dos cales a Xunta achega 4,3 M€.

Ao investimento da contratación destas obras, por case 20 M€, hai que sumar as correspondentes ás asistencias técnicas, o que eleva o investimento autonómico a case os 21 M€.

A achega autonómica para a construción da estación intermodal de Lugo elévase aos 12,8 M€, incrementando un 50 % máis do que lle correspondería para a terminal de autobuses.

A intermodal de Lugo complétase cos traballos na estación de ferrocarril, que inclúe un novo edificio e un paso inferior e a integración urbana, a construción dun novo paso de cidade, un paso inferior peonil entre o centro urbano e o parque Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados das vías vertebrando a cidade.

O proxecto da intermodal de Lugo será cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.

Os Orzamentos da Xunta de 2024 reservan unha partida de 5,75 millóns de euros para iniciar as obras da estación de autobuses intermodal na vindeira primavera.

Axencia Galega de Infraestruturas, 2023-12-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES