
Consiste nun curso práctico e de aplicación directa no propio proxecto utilizando a metodoloxía do grao oficial universitario LEINN Liderazgo Emprendedor e Innovación-, realizado por TeamLabs, o laboratorio de aprendizaxe de Mondragon Unibertsitatea. AddVenture combina formación, titoría e networking para que os participantes poidan validar a súa idea, mellorar a súa estratexia e desenvolver as súas competencias en liderado, vendas e dixitalización.
Este programa de emprendemento e innovación é gratuíto, financiado e certificado polos Consellos Sociais da UDC e a USC. Ten unha duración de tres meses e 265 horas de formación en sesións online en directo e encontros puntuais presenciais (hackaton e peche) para facilitar a aprendizaxe e a interacción con expertos.
As inscricións estarán abertas ata o 28 de marzo. Están dispoñibles 30 prazas, que se outorgarán ás diferentes candidaturas tras a realización dunha entrevista e tendo en conta a nota media do expediente académico como criterio dirimente.
Transforma ideas en negocios sostibles
AddVenture está dirixido a persoas graduadas, licenciadas, posgraduadas universitarias, microempresas e profesionais que queiran lanzar ou facer crecer o seu negocio cun enfoque práctico e estratéxico. O programa estrutúrase en dúas fases.
A primeira fase está centrada na construción do proxecto. Inclúe sesións aplicadas sobre proposta de valor, modelo de negocio e validación de mercado, ademais dun hackathon inicial para axudar aos participantes para identificar oportunidades e formar equipos.
A segunda fase, enfocada no crecemento e lanzamento, traballará en estratexias de venda, automatización con ferramentas non-code e acceso a financiamento.
Ademais, o programa ofrece actividades adicionais como sesións de titorías individualizadas, encontros con expertos, masterclass con emprendedores de referencia e dinámicas de networking, facilitando o acceso a unha comunidade de apoio clave para o éxito do proxecto.
Os participantes concluirán o seu paso por AddVenture cun Pitching Fest, un espazo para presentar o seu proxecto ante especialistas.
Formación con TeamLabs, referente en emprendemento
O claustro de profesores estará integrado por docentes e expertos vinculados a TeamLabs, laboratorio referente pola súa metodoloxía de aprendizaxe, baseada no emprendemento en equipo e learning by doing (aprender facendo), que proporciona as capacidades e a cultura para innovar en contornas incertas. A metodoloxía que aplica no grao oficial universitario LEINN, cuxo orixe se atopa na unidade Team Academy de Finlandia, céntrase na aprendizaxe práctica a través da creación de empresas e proxectos reais, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades e competencias máis que na adquisición de coñecementos, permitindo ás persoas emprendedoras avanzar con seguridade no seu proxecto.
Desde o seu lanzamento, AddVenture formou máis de 50 persoas emprendedoras e impulsou máis de 20 proxectos. Con esta terceira edición, consolídase como unha referencia na formación para emprendedores en Galicia.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.