Noticias

A Xunta ultima o lanzamento do Bono Peixe que estará dispoñible a partir do vindeiro 28 de xullo para a súa descarga

Alfonso Rueda informou de que o Consello 'aprobou a orde para a posta en marcha do Bono Peixe' que ofrecerá 'ata 50 €' para mercar peixe e marisco frescos nos establecementos da comunidade adheridos. Unha medida coa que a Xunta busca 'incentivar o consumo' destes produtos galegos que son sinónimo 'de excelencia e calidade' por todo o mundo e 'facer unha chamada atención' sobre o descenso destes alimentos na dieta que se está a vivir 'a nivel nacional, europeo e mundial e do que Galicia non é allea'.

Nesta liña, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, salientou a importancia de reforzar 'a dieta atlántica' e poñer en valor 'a despensa que temos nas rías galegas' que son un dos máximos expoñentes de esa 'Galicia Calidade'.

Tras o acordo do Consello, e unha vez que xa foi seleccionada a entidade colaboradora o pasado mes de xuño, dáse inicio á ultima fase da tramitación desta medida pioneira, que busca reforzar a actividade da cadea mar-industria na súa condición de sector estratéxico para a Comunidade. “Concentra o 5% do PIB e xera 50.000 empregos directos”, salientou a conselleira.

Para a posta en marcha desta medida, tal e como explicou Rueda, o Goberno galego mobiliza “2,5 millóns de euros” que permitirán a distribución de bonos por valor de 50 euros que se irán liberando progresivamente a razón de 5 euros por semana -con descontos do 25% da compra ata un máximo de 5 euros-, acumulando o importe non gastado nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros, que poderán gastarse ao longo dun total de 10 semanas ou ata que se esgote o crédito.

Nun contexto de progresivo descenso da presenza dos produtos pesqueiros na cesta da compra da cidadanía, esta acción impulsada pola Xunta tamén procura promover hábitos de consumo saudables, dadas as calidades nutritivas destes alimentos e os seus beneficios para a saúde. Ademais, servirá para apoiar a actividade dos operadores comerciais retallistas que xogan un papel esencial para garantir a seguridade alimentaria dos consumidores.

A previsión é que a orde sexa publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 10 de xullo, abríndose o día seguinte o prazo para solicitar a adhesión por parte dos establecementos, máis de 1.600 na Comunidade, ata que finalice o período de vixencia do bono. Só poderán participar aqueles que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, ben como persoas autónomas ou establecementos autorizados, dados de alta nas epígrafes do IAE recollidas na convocatoria e dados de alta no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa). Esta medida xa espertou o interese das principais cadeas de distribución e venda de peixe e marisco.

A estimación é que esta iniciativa alcance a un mínimo de 50.000 potenciais usuarios ata un máximo de 500.000, cunha estimación de 150.000 beneficiarios reais, dadas as experiencias anteriores con medidas análogas en que non se utiliza a totalidade do importe do bono. Así, agárdase a xeración dun impacto económico de, polo menos, 10 millóns de euros. A conselleira do Mar resaltou que “os bonos poderanse descargar a partir do 28 de xullo” desde a plataforma www.bonopeixe.gal ou na app móbil, dispoñible tanto para dispositivos con Android e iOS, deseñada especificamente para esta acción.

Referentes na promoción

Galicia afonda así na súa posición como referente no desenvolvemento de accións de promoción do consumo de peixe e marisco con outras iniciativas exitosas como a campaña Galicia sabe amar. Unha liña de traballo que se está a realizar da man do propio sector e que sitúa Galicia como segunda comunidade que rexistra maior consumo con 23 quilos per cápita, 5 quilos por enriba da media do conxunto de España.

R., 2025-07-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (coralinda-elefante-elegante.jpg) Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Foi presentadoo o novo festival Sons de Vigo que se celebrará do 27 de marzo ao 4 de abril no Ifevi. Este evento aposta tanto por grandes nomes do panorama nacional como por artistas locais da escena galega. A presentación, celebrada no Paseo das Avenidas, xunto ao monumento a Julio Verne como un dos símbolos de Vigo, contou coa actuación de Castle e Milutxo, músicos locais que ofreceron varios dos seus temas. Sons de Galicia forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo organizados pola Xunta de Galicia, unha iniciativa que impulsa a celebración de grandes citas musicais en Galicia. O ciclo comezará o 27 de marzo con Lingua Urbana, un dos cinco eventos musicais que acollerá o Ifevi dentro desta programación.

Notas

Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación da Primavera Cultural, ofrece o xoves 26 de marzo, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro ‘Medios de comunicación: información ou desinformación na era das fake news'.
A Área de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes. O ciclo arrancará o luns 23 coa proxección, do documental 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES