
Galicia pechou marzo con 1.095.875 afiliacións á Seguridade Social, 16.479 cotizantes máis ca en marzo do ano pasado, e con 114.670 persoas no paro, 4.485 menos que no mesmo mes de 2025. Así o destacou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a valoración dos datos de paro e de afiliacións, que en ambos casos son os mellores para un mes de marzo desde que hai rexistros.
En relación co desemprego, cae na comparativa anual un 3,76 %. O paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-9,83 %), seguida do sector primario (-6,65 %), da industria (-4,62 %) e, por último, dos servizos (-2,93 %).
Canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de marzo de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 2.434 persoas (-3,52 %) e no dos parados de longa duración a baixada é de 3.514 (-5,96 %).
Mentres, na comparativa mensual, o paro tamén se recorta (-1,20 %, o que implica 1.388 persoas desempregadas menos), cun mellor comportamento cá media estatal (-0,94 %).
No caso das afiliacións, na comparativa anual aumentan nun 1,53 % e tamén medran na comparativa mensual (+7.644 afiliacións máis, +0,70 %).
Apuntando que os datos deben analizarse desde unha perspectiva a medio e longo prazo, José González sinalou que a tendencia continúa a ser positiva de cara a consolidar un mercado laboral galego máis dinámico, inclusivo e centrado na creación de emprego de calidade.
A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha 'Aquí Sabemos', unha nova identidade destinada a dar maior visibilidade aos produtos agroalimentarios galegos que contan con distintivos de calidade diferenciada. A iniciativa agrupa baixo unha mesma imaxe as denominacións de orixe (DO), as indicacións xeográficas protexidas (IXP), a Artesanía Alimentaria e a Agricultura Ecolóxica, co propósito de facilitar o seu recoñecemento por parte dos consumidores e reforzar a súa presenza no mercado. A nova marca nace como unha ferramenta común de promoción, que mantén os nomes de cada certificación, así como as súas características e garantías específicas, integrándose nunha identidade compartida que pretende amosar a diversidade e riqueza do sector agroalimentario galego.
A instalación, que permanecerá na lagoa ata o 2 de maio de 2026, está realizada con madeira autóctona de castiñeiro e empregando técnicas tradicionais de carpintaría náutica. A obra recupera así saberes vencellados á arquitectura popular e á construción naval galega. A produción da mesma foi realizada pola empresa galega Casabio Timber Frame, contando coa colaboración de Jaime Pareja Arquitectura no seu proceso de deseño estrutural e adaptación ao terreo. 'A auga é un intre que aprendeu a quedar' parte dunha lectura contemporánea do territorio como unha paisaxe híbrida nacida da interacción entre os sistemas naturais e a acción humana.