
Os oito primeiros proxectos foron autorizados nos últimos meses e a autorización do noveno -do parque eólico Castelo- foi asinada esta mesma semana pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días. Ao abeiro desta iniciativa, que afecta aos concellos coruñeses de Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra, eliminaranse un total de 21 aeroxeradores (pasando de 25 a 4) cun investimento de arredor de 23,5 millóns de euros.
Deste xeito, o promotor desmantelará os 25 aeroxeradores instalados neste parque e restaurará tanto as canalizacións como os camiños que queden sen uso. A autorización administrativa para proceder á repotenciación do proxecto Castelo suporá ademais a instalación de catro novos aeroxeradores e dunha liña eléctrica soterrada e a enerxía procedente do parque eólico recollerase nunha subestación transformadora próxima.
As nove repotenciacións permitirán reducir de 361 aeroxeradores a 75 os instalados na área de influencia destes parques e mellorar a súa eficiencia pola substitución das máquinas instaladas por outras máis modernas, de forma que con moitos menos aeroxeradores se poida garantir practicamente a mesma potencia e incluso incrementar de maneira substancial a produción renovable.
De feito, estímase que unha vez realizadas as melloras, estes nove parques eólicos pasarán de xerar 615.000 MWh/ano a 828.000 MWh/ano, o que equivale ao consumo eléctrico de máis de 230.000 familias (máis que a poboación da cidade da Coruña). A este beneficio engádese o ambiental, pois estas repotenciacións evitarán a emisión de máis de 100.000 toneladas de dióxido de carbono ( CO2) á atmosfera tras un investimento de 321 millóns de euros, dos que preto de 55 millóns de euros se corresponden con fondos europeos.
Deste xeito, a Xunta continúa avanzando no proceso de descarbonización e transición enerxética da comunidade aplicando o mesmo criterio que a UE, que considera as enerxías renovables de interese público superior -tanto se se tratan de proxectos de nova implantación como de melloras a realizar nos existentes- xa que contribúen a loitar contra o cambio climático, a seguridade e a saúde das persoas.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.