//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O ciclo Cultura no Camiño ofrecerá durante o mes de setembro 60 actuacións de música e artes escénicas como peche da súa sétima edición, que botou a andar a primeiros de maio para lle achegar 284 citas culturais ao público de 76 concellos das Rutas Xacobeas. A Consellería de Cultura e Turismo encárgase da organización deste circuíto, para o que conta coa colaboración dos municipios participantes. Desde os seus inicios, o programa mantén como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia por formacións artísticas profesionais. Con este fin, Cultura no Camiño conta este ano coa participación de 127 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma á carteleira de 2019.
O Centro Dramático Galego (CDG) abre a nova temporada de actividade no Salón Teatro de Santiago, que ata o vindeiro domingo 8 acollerá unha das residencias artísticas do programa Camiño Escena Norte de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco. Este programa de exhibición e de actividades paralelas que terá lugar en Galicia dentro deste proxecto está promovido polas principais asociacións empresariais de produción escénica das comunidades polas que discorre a ruta de peregrinación do Camiño do Norte. No marco desta iniciativa, o Salón Teatro é a sede en Galicia de Habitación Peregrina PRO, apartado que promove unha serie de residencias de creación escénica para fomentar o intercambio entre as compañías das catro autonomías participantes.
O Gaiás abre coa inauguración da instalación Stay here, nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia, a convocatoria de creacións artísticas neste espazo expositivo vinculadas co Xacobeo 21. A peza escultórica de Alejandro Ginés resultou gañadora da VI Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os participantes do Encontro de Artistas Novos (EAN) 2018. A partir de hoxe, os artistas emerxentes que participaron no #EAN9 teñen de prazo ata o 14 de outubro para presentar un proxecto que teña como eixe as Rutas Xacobeas e afonde na relación do complexo do Gaiás -que ten un vencello visual coa Vía da Prata e a catedral compostelá co Camiño de Santiago. A inauguración da peza supuxo o peche da edición deste ano do IX Encontro de Artistas Novos.
Mantén a súa aposta por citas como a MOTI, o Enclave de Cámara, ou Ciclo Lírico, e deixará de apoiar economicamente iniciativas con custes de produción inflados e escaso retorno. Seguirá a programar actividades das diferentes modalidades escénicas, mais de forma directa. Entre as novidades está a creación dunha Orquestra Xove, que lle dea saída ao talento ourensán, un bono cultural, que favoreza o acceso ás actividades culturais para as rendas máis reducidas (parados, estudantes e pensionistas con rendas baixas) ou un convenio con artistas locais que garantirá que cada semana un artista da cidade das diferentes modalidades escénicas actúe ante o público de Ourense.
O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Fundación Cidade da Cultura enmarcándose ademais na programación do Xacobeo 21 e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Participan artistas galegos pero tamén procedentes do resto de España e doutros países como Colombia, Romanía ou Arxentina. As nove edicións celebradas ata o de agora consolidan o EAN como unha das citas de referencia da arte contemporánea da Península, como demostra cada ano a traxectoria e talento dos e das participantes seleccionados.
A Fundación Cidade da Cultura vén de pechar un acordo co Museo do Prado para exhibir dúas das súas obras: El Paraíso Terrenal, de Pieter Brueghel o Novo, e La muerte de Lucrecia, atribuído a Luca Cambiaso, Luqueto. Ambos cadros formarán parte da recreación da pinacoteca dos Condes de Lemos na exposición Galicia, un relato no mundo, que afondará no papel e contactos internacionais de grandes figuras da aristocracia galega dos séculos XVI e XVII, de destacado peso político e intelectual na Europa do seu tempo. A partir de novembro poderanse contemplar obras cun elevado valor simbólico para a nosa cultura e identidade, algunhas delas por vez primeira na Comunidade.
O Teatro galego ten unha nova cita no Carballiño, do 2 ao 6 de setembro, coa celebración da XXX edición do Festival de Teatro Galego (FETEGA), que ofrecerá un completo e variado programa de actividades aos asistentes. As obras de teatro que se celebrarán no Auditorio Municipal do Carballiño, ás 22.00 horas, comezarán o luns 2 de setembro coa obra "Anatomía dunha serea", da Compañía Iria Pinheiro -A Berbechería-Chévere. Como actividades paralelas, haberá animación de rúa, un coloquio de creadoras baixo o título "Arte con nome de muller", obradoiros, monólogos cómicos e actividades infantís.
O Gaiás celebra este sábado, 24 de agosto, unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, convidando as familias a gozar dunha tarde lúdica ao aire libre, con entrada de balde, que transformará o complexo nun sorprendente mundo de fantasía, grazas a espectáculos e teatros circenses con música, xogos e obradoiros para todas as idades, incluído un espazo para bebés. Visitar o incrible circo de bechos xigantes do Dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis.
A sétima edición do ciclo Cultura no Camiño acolle ata finais de setembro 284 actuacións escénicas e musicais en 76 dos concellos polos que discorren as 10 rutas xacobeas en Galicia. O programa mantén como principal obxectivo a dinamización e descentralización da oferta cultural galega, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional. A sétima edición, que arrancou en maio e se prolongará ata finais de setembro, intensifica a súa actividade durante o período vacacional, coincidindo cunha maior afluencia de peregrinos e contribuíndo tamén a enriquecer o programa turístico das localidades nas que se celebra.
Camiño Escena Norte xurde por iniciativa das asociacións profesionais de empresas de produción escénica das devanditas comunidades, que aglutinan un centenar de compañías de teatro, monicreques, danza e novo circo: Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena).
A 24ª edición do Ourense Film Festival celebrarase do 27 de setembro ao 5 de outubro e a súa sede oficial será o centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. En canto á convocatoria da sección oficial de longametraxes, as bases recollen que poderán concursar as persoas físicas ou xurídicas (produtoras, distribuidoras...) que posúan o debido control legal sobre as obras que presenten á competición.
O colectivo de mulleres artistas 85C ultima a segunda edición do festival punk e feminista: Nas Verzas, máis duras cós cañotos das verduras, que este ano ofrecerá un mercadiño, actuacións na rúa, varios concertos e pinchadas, obradoiros e un faladoiro. Unha grande cita cultural que terá como pano de fondo a relación entre o rural galego e a escena máis underground do garaxe e do punk. "O noso lema fai lembranza ás nosas avoas, esas bravas que loitan cada día na súa casa, no campo, coa súa familia
"
Valle-Inclán, Bernardo Atxaga, Marta Pessarodona, Kerstin Hensel e Zéno Bianu acaban de incorporar a súa obra ao Xardín das pedras que falan, localizada a carón do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela. Por cada un dos novos autores/as descubriuse unha pedra cun breve fragmento da súa autoría que pasarán agora a conformar unha espiral de palabras iniciada a mediados do pasado ano con Rosalía de Castro.
Alguén que respira! II Festival de Poesía para o Corpo Principal, promovido polo Concello compostelán e pola Xunta de Galicia e posicionado desde a súa primeira edición como un dos máis importantes encontros arredor da poesía de toda a Península, congrega en Santiago durante a semana que vén a máis de cincuenta poetas, performers, músicos e actores para celebrar a poesía como forza aglutinadora da cultura.
Presentouse hoxe a nova colección permanente do Museo de Belas Artes da Coruña que acaba de ampliar o seu catálogo con novas pezas procedentes do Museo Nacional del Prado, do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e doutras institucións como o Círculo de las Artes de Madrid ou de préstamos de particulares. En total incorpóranse á exposición do museo coruñés 39 obras de distintos autores.
O concurso para músicos e bandas emerxentes SonidosMans acaba de abrir a convocatoria da súa terceira edición, organizada de novo pola Fundación Paideia Galiza coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O obxectivo é facilitarlles aos grupos e solistas que están a comezar a súa carreira unha plataforma de difusión do seu traballo.
A nova edición do programa No Bico un Cantar estará centrada na tradición musical da Raia, e se celebrará o vindeiro 7 de xuño en Tui. Baixo o título de 'Nenas e nenos cantan na Raia', o proxecto unirá música galega e portuguesa. Neste sentido, convidouse a participar ao alumnado da Academia de Música da Fortaleza de Valença e da Academia de Música José Atalaya de Fafe, ambas do país veciño. Ademais deles participarán as alumnas e alumnos dos 7 conservatorios profesionais de Galicia.
O Festival Atlántica comeza este martes, 12 de marzo, a súa sétima edición, que se vai desenvolver ata o vindeiro día 23 en 16 concellos de toda Galicia: Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén, A Fonsagrada, Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Coruña, Ourense, Vigo, Rianxo, Brión e Cuntis. Están programadas máis de 90 funcións dirixidas a todos os públicos e nas que participarán unha trintena de artistas.
Parece inexplicable que perdure o divorcio entre arte e ciencia, dous campos do saber que son inseparables para comprender a complexidade do ser humano. Aparentemente dispares nos seus métodos e linguaxes, comparten por exemplo ese proceso de busca, estimulado pola creatividade, dunha idea ou de respostas a un interrogante aínda sen resolver. Debido á influencia que se exercen mutuamente e á frecuente indefinición das súas fronteiras posibilítase un diálogo entre ambas.
A música e as letras de Fran Pérez Narf volverán soar este xoves no Círculo das Artes de Lugo, no espectáculo Encontrarte, un espectáculo multidisciplinar co que o Lubicán, un dos ciclos de música galega feita por artistas da terra máis consolidados no panorama cultural de Galicia, rende tributo a un dos seus valedores cun concerto na súa lembranza co que agarda que a música de Narf non esmoreza co paso do tempo.