Noticias

O Gaiás convida este sábado a gozar dunha tarde en familia con espectáculos e teatro circenses na 'Cidade Imaxinaria'

O Gaiás celebra este sábado, 24 de agosto, unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, convidando as familias a gozar dunha tarde lúdica ao aire libre, con entrada de balde, que transformará o complexo nun sorprendente mundo de fantasía, grazas a espectáculos e teatros circenses con música, xogos e obradoiros para todas as idades, incluído un espazo para bebés. Visitar o incrible circo de bechos xigantes do Dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis.

Estas son só algunhas das propostas da que é xa unha das citas clásicas da programación da Cidade da Cultura –con dúas edicións anuais celebradas en primavera e verán–.

Na Cidade Imaxinaria, os máis pequenos da casa poderán gozar de catro horas ininterrompidas de diversión –de 16 a 20 horas– garantida polos malabaristas, equilibristas, saltimbanquis, clowns e outras fabulosas personaxes que invadirán o Gaiás.

Coreografía grupal como fin de festa

A programación de espectáculos de acrobacias, teatro ou marionetas –fixos e itinerantes por todo o complexo– complétase con xogos de enxeño e outros espazos lúdicos pensados para deixar voar a imaxinación da cativada.

Ademais, como novidade desta edición, Cidade Imaxinaria despedirá a tarde cunha multitudinaria coreografía grupal na que todo o público está convidado e participar. Para poder dalo todo na pista de baile, ao longo da tarde desenvolverase un obradoiro no que aprender os sinxelos pasos que despois centos de persoas interpretarán de xeito conxunto guiadas por un grupo de bailaríns e bailarinas.

Escola de saltimbanquis e espazo para bebés

A xa tradicional Escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria non faltará tampouco á súa cita co agosto compostelán e volverá despregar os seus catro espazos para deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno e nena leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.

A programación da tarde complétase cun espazo para bebés de 0 a 3 anos, con diversos xogos e instalacións de estimulación sensorial, e zonas de descanso nas que repor enerxías, con postos de bebida e petiscos doces e salgados para a merenda.

Como vén sendo habitual, e para facilitar que as familias se acheguen a esta tarde festeira, contarase cun reforzo no servizo de autobuses –que se suma ás habituais Liñas 9 e 11– que conecta o Gaiás co centro de Compostela.

R., 2019-08-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES