Noticias

Museo do Prado prestará á Cidade da Cultura un cadro de Brueghel o Novo e un Luqueto para 'Galicia, un relato no mundo'

A Fundación Cidade da Cultura vén de pechar un acordo co Museo do Prado para exhibir dúas das súas obras: El Paraíso Terrenal, de Pieter Brueghel o Novo, e La muerte de Lucrecia, atribuído a Luca Cambiaso, Luqueto. Ambos cadros formarán parte da recreación da pinacoteca dos Condes de Lemos na exposición Galicia, un relato no mundo, que afondará no papel e contactos internacionais de grandes figuras da aristocracia galega dos séculos XVI e XVII, de destacado peso político e intelectual na Europa do seu tempo. A partir de novembro poderanse contemplar obras cun elevado valor simbólico para a nosa cultura e identidade, algunhas delas por vez primeira na Comunidade.

Centrada nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo, a mostra dedicará un dos seus bloques a afondar en figuras da nobreza galega que destacaron en eidos como o exército, o mecenado cultural e relixioso e o exercicio da diplomacia. Unha delas foi Pedro Fernández de Castro, coñecido como o Gran Conde de Lemos, un dos persoeiros políticos máis relevantes do reinado de Felipe III, presidente dos consellos de Indias e Italia e vicerrei en Nápoles, ademais de Alguacil Maior do Reino de Galicia.

Unha das coleccións de arte máis notables do seu tempo –hoxe desaparecida– foi precisamente a dos Condes de Lemos, que incluía obras de varios mestres da arte europea. A recreación desta pinacoteca en Galicia, un relato no mundo incluirá, ademais dos dous cadros do Prado, tres obras emprestadas polo Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte: El juicio final de Giovani Bernardino Azzolino, Santa Catalina de Alejandría de Andrea del Sarto e unha reprodución do coñecido Retablo de Monforte –unha Adoración dos Reis pintada por Hugo van der Goes que está actualmente na Gemäldegalerie de Berlín–.

Cartas entre Erasmo de Róterdam e Alonso III de Fonseca

En estreito diálogo cos Condes de Lemos, outra das biografías destacadas que recupera Galicia, un relato no mundo é a de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, figura fundamental para entender a diplomacia europea de comezos do XVII. Actualmente estase a tramitar o préstamo de diferentes pezas relativas á figura deste home feito a si mesmo, de vasta cultura, que venceu en varias ocasións a Francis Drake e foi un destacado embaixador na corte de Inglaterra. Gondomar mantivo unha estreita relación co rei inglés Xacobe I, amizade moi criticada polos ingleses da época que acusaban a Gondomar de dominar a vontade real a favor dos intereses españois. Alcumado en Inglaterra o Maquiavelo español, foi obxecto de numerosas críticas políticas, en folletos que se imprimían nos Países Baixos e entraban clandestinamente no país británico e comunicábase co rei a través de mensaxes codificadas de acordo con claves que cambiaban continuamente.

Completan este bloque da exposición obras como as cartas entre Erasmo de Róterdam e Alonso III de Fonseca. O que fora no século XV arcebispo de Compostela e Toledo é unha das figuras destacadas do humanismo e do Renacemento e favoreceu a difusión da obra de Erasmo en España, ademais de situar a igrexa española e galega nas correntes culturais da época.

Galicia en 300 pezas

Comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño, Galicia, un relato no mundo reunirá na Cidade da Cultura ao redor de 300 pezas senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo. Algunhas destas obras serán prestadas por entidades da categoría do Trinity College de Dublín, a Biblioteca Vaticana ou a Cambridge University-Parker Library, entre outras 80 institucións culturais e coleccións privadas, tanto de Europa e América como por suposto do resto de España e de Galicia.

Así, na mostra poderán verse por vez primeira en Galicia pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, o Itinerario de Exeria –o libro de viaxes desta aristócrata galaicorromana, a primeira escritora coñecida da Península Ibérica–, o Cancioneiro da Vaticana ou dous códices calixtinos –procedentes da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca–.

Galicia, un relato no mundo, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e que se inaugurará o vindeiro 8 de novembro no Museo Centro Gaiás, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega –a través de asesoramento especializado e o préstamo de diversos fondos vinculados á diáspora e á emigración galegas– e da Secretaría Xeral da Emigración.

R., 2019-08-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES