Noticias

Ourense renova a súa programación cultural apostando polas festas tradicionais, pola programación propia e polo talento local

Mantén a súa aposta por citas como a MOTI, o Enclave de Cámara, ou Ciclo Lírico, e deixará de apoiar economicamente iniciativas con custes de produción inflados e escaso retorno. Seguirá a programar actividades das diferentes modalidades escénicas, mais de forma directa. Entre as novidades está a creación dunha Orquestra Xove, que lle dea saída ao talento ourensán, un bono cultural, que favoreza o acceso ás actividades culturais para as rendas máis reducidas (parados, estudantes e pensionistas con rendas baixas) ou un convenio con artistas locais que garantirá que cada semana un artista da cidade das diferentes modalidades escénicas actúe ante o público de Ourense.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Cultura, Mario González, anunciaron esta mañá as novidades máis destacadas que incorporará a programación cultural do Concello de Ourense. O goberno municipal aposta por potenciar a celebración do Samaín, que incorporará unha Noite da Santa Compaña, o San Martiño, que durará 4 días (8, 9, 10 e 11 de novembro) con carpas e actividades na Praza Maior e As Burgas -onde se instalará unha 'Viaxe ao mundo celta'- e un Magosto infantil, ou o Nadal, con escenas de belén a tamaño natural.

O Concello mantén a súa aposta por citas como a MOTI, o Enclave de Cámara, ou Ciclo Lírico, e deixará de apoiar economicamente “iniciativas con custes de produción inflados e escaso retorno”. Seguirá a programar actividades das diferentes modalidades escénicas, mais de forma directa, confiando no traballo do equipo da Concellería de Cultura.

Entre as novidades, Jácome e González anunciaron a creación dunha Orquestra Xove, que lle dea saída ao talento ourensán, un bono cultural, que favoreza o acceso ás actividades culturais para as rendas máis reducidas (parados, estudantes e pensionistas con rendas baixas) ou un convenio con artistas locais que garantirá que cada semana un artista da cidade das diferentes modalidades escénicas actúe ante o público de Ourense.

“Queremos dar un novo enfoque e impulso para revitalizar certos eventos e festas populares e darlle un enfoque distinto ao desenvolvemento de certos eventos culturais que custan moitos miles de euros e teñen un retorno pequeno”, asegurou o alcalde de Ourense, quen asegurou que tras analizar os datos de custes e público asistente algúns casos, o custe por espectador “é maior que os espectáculos de Broadway”. O alcalde expresou a súa aposta pola programación propia do Concello, tras comprobar que eventos que produce e contrata directamente saen moito máis económicos.

Novidades da programación cultural e festiva

O Samaín. Manterase a programación que se viña realizando, basicamente orientada a colexios e nenos e incorpora un novo apartado para adultos: A Noite da Santa Compaña, unha procesión que percorrerá as rúas da cidade, con diferentes grupos que sairán desde diferentes puntos para confluír na Praza Maior.

San Martiño. Daráselle un impulso a esta festa, que é a que máis identifica á cidade. Estenderase durante 4 días: do 8 ao 11 de novembro. Instalarase unha gran carpa na Praza Maior, que será o centro das actividades programadas, con concertos todos os días, desfiles, e cantos de taberna.

No Magosto participarán as catro denominacións de orixe ourensás e haberá produtos típicos da terra, así coma unha promoción dos menús típicos de San Martiño, logo de chegar a un acordo coa Federación Provincial de Hostalería. Esta festa estará centrada, ademais, nos máis pequenos, con actividades propias para eles.

Así mesmo, instalarase unha carpa temática na explanada das Burgas, que amosará “Unha viaxe ao Mundo Celta”, e que será o primeiro paso para poñer en marcha a Semana Celta de Ourense,

Nadal. Sacar a festa á rúa é, en palabras do concelleiro Mario González, a idea máis importante para estas datas. Así, representaranse en cinco puntos da cidade escenas do belén a tamaño natural, con actuacións musicais para ambientar e cun percorrido guiado para que se poidan visitar.

Bono Cultural. Crearase un bono cultural que fomente o acceso ás actividades culturais das persoas das clases menos favorecidas: persoas desempregadas, mozos estudantes e pensionistas con rendas baixas.

Banda de música Orquestra Xove de Ourense. Logo de iniciar conversas co Conservatorio de Ourense, quen apoiou a iniciativa con satisfacción, crearase unha Orquestra que lle dea saída aos talentosos novos músicos que se forman na cidade.

Por outra parte, o alcalde de Ourense defendeu a creación dunha banda amateur de música que encha o baleiro deixado pola banda municipal, cuxo custe anual ascendía a 400 mil euros. Estaría formada por músicos afeccionados, xubilados, ou estudantes de música.

R., 2019-08-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES