
É precisamente ese diálogo entre arte ciencia, indagar nas súas interseccións e tender pontes entre ambas, o propósito da exposición Cosmoloxías da artista plástica Irene Dubrovsky que se inaugurou onte no Colexio de Fonseca e que é ademais a primeira actividade de ArtLAB, unha nova iniciativa interdisciplinar do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Na apertura participaron, ademais da autora, o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, e o director do IGFAE, Carlos Salgado.
Cosmoloxías componse dunha serie de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky (Bos Aires, 1972) que evocan os mapas reais que tentan explicar a súa orixe mediante grandes pregos de papel entretecido e discos perforados. A obra visual desta artista plástica arxentina residente en Cidade de México articúlase nunha poética da cartográfica onde conflúen a súa historia e herdanza migrantes, en obras minuciosas e sutís. Utiliza a xeometría como linguaxe primordial, estruturando as súas pinturas en grandes pregos de papel tecidos, pregados ou perforados en forma de discos, mapas e partituras. Traballa con espazos reticulares e redes curvas que aluden a espazos infinitos, propiciando un diálogo interdisciplinario que permita os entrecruzamentos de arte e ciencia.
Dubrovsky presentou o seu traballo en numerosas exhibicións, entre elas a Bienal da Habana (Cuba), coa exposición Cartografías Satelitales, así como na Bienal de Curitiba e a Bienal de Cuenca. A súa obra Mapas de la alteridad espúxose no Palacio Exipto de Lisboa e no Centro Pére Prune de Barcelona, ademais de no Instituto de Cultura de México en Viena e Madrid. Outras obras destacadas que itineraron por centros de arte internacionais foron Vuelo de Cronos (Museo Universitario del Chopo, México), Universos Progresivos (Galería Puerta Roja, Hong Kong) e World Maps (Galería Couturier, Los Ángeles). Na actualidade, desenvolve o proxecto Un espejo de agua para las estrellas para o xardín botánico de Oaxaca, en México.
Coloquio entre ciencia e arte
Á mostra, que poderá visitarse ata o 15 de marzo, súmase un coloquio entre a artista e distintas personalidades do mundo da arte e a ciencia que acollerá o Centro ABANCA Obra Social o 6 de marzo ás 19:30 horas. Participarán o escritor Agustín Fernández Mallo, o físico e pintor David Crooks, a decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón, o físico José Edelstein e a cantante Uxía, e a moderadora do encontro, a xornalista Ainhoa Apestegui.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.