Notas de prensa

'Alguén que respira!' congrega na capital galega máis de medio cento de artistas para celebrar a poesía

Alguén que respira! II Festival de Poesía para o Corpo Principal, promovido polo Concello compostelán e pola Xunta de Galicia e posicionado desde a súa primeira edición como un dos máis importantes encontros arredor da poesía de toda a Península, congrega en Santiago durante a semana que vén a máis de cincuenta poetas, performers, músicos e actores para celebrar a poesía como forza aglutinadora da cultura.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na rolda de prensa de presentación, na que estivo acompañado pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e polo director artístico do encontro, Antón Lopo.

“Alguén que respira! é moito máis que un festival de poesía, xa que tamén aposta pola oralidade, que é fundamental para promocionar o uso da lingua entre a mocidade, un dos principais eixos de traballo da política lingüística neste momento", declarou Valentín García. Neste sentido lembrou "a importancia da fala na dinamización do idioma propio de Galicia e o éxito de fenómenos vencellados a ela e baseados na improvisación e no dominio da lingua na oralidade, como a regueifa, que vive hoxe un momento de total expansión".

No ambicioso programa, caracterizado pola aposta da oralidade, figuran nomes como Xosé Luís Méndez Ferrín, o poeta chileno Raúl Zurita, a brasileira Elisa Lucinda, Pilar Pallarés, a portuguesa Golgona Anghel, a catalá Sònia Moll, Alejandro Palomas, Estevo Creus ou José Luis Piquero.

Tres días para celebrar a poesía

O II Alguén que respira! comezará o propio 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, co lanzamento de 300 bombas de palenque dende o barrio das Galeras, que lle dará paso ao encontro máis esperado do famoso colectivo galego Ronseltz, en voga a mediados dos anos oitenta, no Principal. Xosé Luís Méndez Ferrín será encargado do acto central do programa e de ler o Manifesto galego do Día da Poesía asinado por el, acompañado por Pilar Pallarés e Estevo Creus, en representación da lingua galega; Golgona Anghel pola portuguesa; Sònia Moll pola catalá e José Luis Piquero pola casteláa. Pechará o acto o chileno Raúl Zurita, unha das voces máis famosas do panorama internacional.

A oralidade centrará a xornada do 22 de marzo, con slam, actuación dos bertsolaris vascos e un recital de propostas de música e poesía, coa participación de Iolanda Zúñiga, Oriana Méndez, Carmen Conde, Vanessa Glemsel, Luix Kaf, Malvares de Moscoso, Clara Gayo e Silvia Casal. Jon Maia e Amets Arzallus, dous dos bertsolaris vascos máis prestixiosos, actuarán no Principal. Pechará o día un recital de poesía con García Mc & LAR Legido, Lucía Aldao e Pablo X Suárez e Dudu.

Xa na terceira xornada do festival, está prevista a estrea do proxecto poético e musical no que colaboran a poeta Nuria Vil e a banda de rock, psicodelia e new wave Rabuda. Ademais, o programa chegará aos recunchos máis inaccesibles do Teatro Principal coa sección Atravesei a cerca, na que participarán Gonzalo Hermo, Elena Medel, Ana Romaní e Chus Silva, Alejandro Palomas e Margarita Ledo. Todos eles protagonizarán accións individuais para grupos reducidos de 20 persoas cada un. O festival clausurarase cun recital de grande intensidade da man de sete artistas: Alfredo Rodríguez e Mónica Caamaño, cun traballo sobre versos de Jesús Castro, Xela Arias, Olga Novo ou Chus Pato, Afonso Traficante, Félix Fernández, Silvia Penas, Hard GZ e a brasileira Elisa Lucinda.

Actividades paralelas e estreas absolutas

O festival complétase cun programa matutino de sesións de conversa con Café con Moha, sobre temas vinculados coa poesía, como a importancia do corpo nas novas linguaxes líricas, o escenario como soporte, a esencia do poema ou o reto de publicar poesía na actualidade. Na iniciativa participarán poetas como Raúl Zurita, Elena Medel, Marta Dacosta, Henrique Alvarellos, Pablo X Suárez, Sònia Moll, Mario Regueira, Wladimir Vaz, Miguel Anxo Fernán Vello, Mónica Caamaño, Luís Tosar ou Elisa Lucinda, moderados polos xornalistas Daniel Salgado, María Obelleiro, Caetano Díaz, Francisco Novo e Anxo Quintela.

O encontro fai este ano, ademais, un esforzo no impulso da produción propia e acollerá nove estreas absolutas de Margarita Ledo, Ana Romaní, Nuria Vil, Mónica Caamaño, Alfredo Rodríguez, Garcia Mc & LAR Legido, Félix Fernández, Afonso Traficante e Silvia Penas. As entradas para as diferentes actividades son de balde e poderanse retirar na billeteira do Teatro Principal a partir do próximo martes, 19 de marzo.

Concello de Santiago, 2019-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES