Noticias

O Gaiás pon de manifesto o seu apoio á arte emerxente no inicio do 'IX Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura'

O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Fundación Cidade da Cultura –enmarcándose ademais na programación do Xacobeo 21– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Participan artistas galegos pero tamén procedentes do resto de España e doutros países como Colombia, Romanía ou Arxentina. As nove edicións celebradas ata o de agora consolidan o EAN como unha das citas de referencia da arte contemporánea da Península, como demostra cada ano a traxectoria e talento dos e das participantes seleccionados.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, deulles esta mañá a benvida aos 40 creadores que participan na novena edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN9. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura –enmarcándose ademais na programación do Xacobeo 21– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.

Na apertura deste encontro no que participan artistas galegos pero tamén procedentes do resto de España e doutros países como Colombia, Romanía ou Arxentina, o titular de Cultura do Goberno galego destacou que as nove edicións celebradas ata o de agora consolidan o EAN como “unha das citas de referencia da arte contemporánea da Península, como demostra cada ano a traxectoria e talento dos e das participantes seleccionados”.

Román Rodríguez resaltou tamén que nesta edición o EAN forma parte da programación do Xacobeo 21 polo que o Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, dirixido aos participantes no Encontro, terá como eixe os camiños xacobeos e profundará na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago.

Xacobeo 2021

Este certame tira así proveito da localización das Torres Hejduk no cumio da faldra de Sar e do seu vencello visual directo coa Vía da Prata e a Catedral de Santiago. Deste xeito, o titular de Cultura valorou que lles dá aos e ás artistas, “a oportunidade e o desafío creativo” de empregar como espazo expositivo non convencional “estas singulares torres de pedra e cristal”.

“A arte transforma o mundo e acende as conciencias. Esa capacidade extraordinaria da arte, da vosa arte, entrará en xogo para aportar novos enfoques e renovar discursos sobre un fito cultural, social, relixioso e espiritual milenario como é o Camiño de Santiago”, enxalzou o conselleiro.

O acto, celebrado no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, contou tamén coa participación do presidente da Fundación Banco Sabadell, Miquel Molins; do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; da comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira; do director do EAN, Rafael Doctor; e da directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, María Pereira Otero.

600 creadores a longo destas edicións

Miquel Molins quixo destacar o compromiso da Fundación Banco Sabadell coa creación contemporánea sinalando que “o talento novo e a cultura tomada no seu senso máis amplo son esenciais para o progreso e benestar social e a razón de ser da Fundación Banco Sabadell”. Por este motivo, asegurou “celebrar” a apertura desta novena edición e gabou que, “da man de Rafael Doctor, ano tras ano, se convoque creación e coñecemento ao servizo da arte nova”.

Pola súa banda, Rafael Doctor tivo unhas palabras de lembranza para os arredor de 600 creadores emerxentes que pasaron xa polo EAN ao longo das súas nove edicións, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, nun momento no que aínda comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

Artistas convidados

Facilitar o intercambio de ideas e visións sobre o mundo da arte, coñecer outros procesos creativos, dialogar e aprender da man de artistas consolidados, así como entrar en contacto con profesionais do ámbito xornalístico e curatorial son as oportunidades que o EAN ofrece aos e ás artistas emerxentes.

Nesta edición do Encontro contarase coa participación da artista visual Pilar Albarracín (Sevilla, 1968), coñecida polas súas performances, vídeo-arte, debuxos, fotografía e instalacións interactivas; as fotógrafas e fotoxornalistas galegas Lua Ribeira (As Pontes, 1986) –que en 2018 entrou na Axencia Magnum como membro nominado– e Bandia Ribeira (As Pontes, 1980) –participando na actualidade nun proxecto visual sobre a produción intensiva de vexetais nos invernadoiros de Almería–; e o comisario e artista audiovisual Nicolás Combarro (A Coruña, 1979), director, entre outras, da premiada longametraxe documental Alberto García-Alix. La línea de sombra. Todos eles súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Fernando Sánchez Castillo, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.

Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers, tres nomes de recoñecida traxectoria que, desde o seu traballo no eido curatorial ou do xornalismo cultural apoian os novos creadores e seguen de preto as novas tendencias da arte emerxente. Neste caso, serán o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola; o artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell Eduardo Valiña; e a comisaria e directora artística das feiras JustMAD (Madrid) e JustLX (Lisboa) Semíramis González.

Residencia artística no Gaiás

Ata o vindeiro xoves, os artistas emerxentes participantes no EAN9 van ter a oportunidade de darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

Ademais, co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o EAN9 inclúe tamén visitas a centros de arte como o CGAC, a Fundación Granell en Santiago de Compostela, e o Museo MARCO en Vigo.

O EAN9 rematará o xoves 29 de agosto coa inauguración da proposta gañadora na edición de 2018 do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, un traballo que leva por título Stay Here, do artista sevillano Alejandro Ginés.

R., 2019-08-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo-peregrinacions-santiago.jpg) O Museo das Peregrinacións e de Santiago celebrará esta fin de semana obradoiros, concertos e un espectáculo de danzas do mundo no para conmemorar o décimo aniversario da apertura, na compostelá Praza das Praterías, da súa sede expositiva, un programa diverso e aberto a todos os públicos, para recoller a mesma esencia e cerna do museo. A programación do sábado, día 8, botará a andar ás 10,30 horas coa artesá Cristina Molares, quen desenvolverá un obradoiro de demostración de vidraría artística. Pola tarde, será a quenda de concertos musicais nas propias salas do museo para os que non será necesario inscribirse. A primeira das actuacións será a de Álex Salgueiro, ao clavicordio; á que lle seguirá Eloi Pérez cun repertorio de melodías celtas interpretadas con gaita irlandesa, e que rematará Juan Collado, un dos fundadores do grupo Odaiko Percussión, cun concerto de vibráfono.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido. En concreto, o pasado mes caracterizouse por unha primeira parte, ata o día 18, con predominio de altas presións, que deixaron tempo seco e moi cálido. A partir do día 19, as temperaturas descenderon e as precipitacións foron aparecendo con máis frecuencia e intensidade. Con todo, as temperaturas medias do mes quedaron moi por riba do que sería de agardar en outubro e as precipitacións que se foron acumulando nos últimos días non puideron chegar aos valores propios deste mes na maior parte de Galicia.

Notas

Tras unha década sen que o acordo de descentralización de Medicina se fixese efectivo e case medio ano despois de que a UDC solicitase a implantación do grao, os reitores do Sistema Universitario Galego confirmaron en Santiago de Compostela a consecución dun preacordo entre as tres universidades, que terá que ser validado, primeiro polo grupo de traballo, do que tamén forman parte as consellerías de Educación e Sanidade, e representantes da Facultade de Medicina e do SERGAS.
A UDC vén de celebrar o acto de entrega dos Premios de Emprendemento, unha das actividades incluídas na xornada UDC TALENTO, a I Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego da UDC desenvolvida no marco de IMPULSA-T. O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES