Noticias

O ciclo 'Cultura no Camiño' programa 284 actuacións en 76 concellos das 10 rutas xacobeas

A sétima edición do ciclo Cultura no Camiño acolle ata finais de setembro 284 actuacións escénicas e musicais en 76 dos concellos polos que discorren as 10 rutas xacobeas en Galicia. O programa mantén como principal obxectivo a dinamización e descentralización da oferta cultural galega, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional. A sétima edición, que arrancou en maio e se prolongará ata finais de setembro, intensifica a súa actividade durante o período vacacional, coincidindo cunha maior afluencia de peregrinos e contribuíndo tamén a enriquecer o programa turístico das localidades nas que se celebra.

Todas elas están situadas nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Municipios asociados

Por provincias, 107 das actuacións teñen lugar en 29 concellos coruñeses (A Pobra do Caramiñal, Ames, Arzúa, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Cambre, Carral, Cee, Culleredo, Dumbría, Fene, Fisterra, Miño, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Sobrado, Teo e Vilasantar); en Lugo, 20 concellos ofrecerán 74 citas (A Fonsagrada, Baleira, Barreiros, Begonte, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Guntín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Trabada e Vilalba); 11 concellos de Ourense achéganlle ao seu público 44 funcións (A Mezquita, Allariz, Baños de Molgas, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia); e en Pontevedra, 16 municipios programan 59 representacións (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Meaño, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pontecesures, Portas, Redondela, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Vilaboa e Vilanova de Arousa).

Ademais, o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega con nomes como Mago Teto, Cayetano Llefó, Martín Camiña, A Banda de Balbina, Aldaolado, De Vacas, Habitación Vudú, Leilía, Rodrigo Romaní, Roi Casal, Silvia Penide, The Lákazans, Xacobe Martínez Antelo, Xoan Curiel, Magín Blanco, Pistacatro, Culturactiva, Redrum Teatro, Baobab, Elefante Elegante, Os Monicreques de Kukas ou Títeres Cachirulo, citando tan só algúns dos grupos e artistas incluídos nesta ampla carteleira. Moitas das súas actuacións, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, organízanse en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu labor de dinamización cultural.

Catorce funcións e concertos na fin de semana

Este mes de agosto está a ser o de maior actividade dentro do ciclo, con 123 propostas para todos os públicos. Catorce delas terán lugar esta fin de semana, con seis actuacións hoxe venres nas rúas de Boiro (Crunch!, de Muu, ás 12,00 h.), na praza do Concello de Trabada (Pasarrúas máxico, de O Mago Paco, ás 18,00 h.) e na de Riós (Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro, ás 20,00 h.), no Centro Cultural Municipal de Rodeiro (Eu quero ser galega, de De Ste Xeito Producións, ás 20,00 h.), na praza do Corgo do Grove (E se os soños se cumpren!, de O Garaxe Hermenéutico, ás 21,30 h.) e na praza da Vila de Sarria (Odaiko, ás 21,30 h.).

Mañá, sábado 17, será a quenda do Mago Teto, na praza de España da Fonsagrada (17,00 h.), Xoan Curiel, na praza do Camiño de Portomarín (20,00 h.), Culturactiva con Saaabor!, na praza Maior de Xinzo de Limia (20,00 h.), María Faltri Picadiscos, no campo de Vilanova de Allariz (20,30 h.) e Leilía, celebrando o seu 30º aniversario no refuxio de pescadores de Covas, en Negreira (22,00 h.).

Para o domingo 18, Cultura no Camiño ten preparados outros tres concertos: Laroá, no campo de Vilanova de Allariz (19,00 h.), Black, no campo da Igrexa de Cambre (20,30 h.) e A Gramola Gominola, na praza do Concello de Trabada (21,00 h.).

R., 2019-08-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES