//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
No programa de actividades deseñado para esta conmemoración inclúense unha trintena de actividades de divulgación científica, espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias. Todos eles, con materiais en galego, se desenvolverán na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Lugo, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Miguel González Garcés da Coruña e na Ánxel Casal de Santiago. Ademais, tamén se organizarán actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua galega e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural. Os centros educativos participantes deben redactar na lingua propia de Galicia un proxecto de pescuda e de posterior divulgación dos resultados que, de ser premiado, recibe dotación para a súa execución durante o curso seguinte co apoio do Museo do Pobo Galego. O desenvolvemento do proxecto culmina cunha exposición semellante ás dúas inauguradas hoxe.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu no Parlamento acompañado do seu equipo para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2020, un ano decisivo na preparación do Xacobeo 21, obxectivo no que a Xunta investirá 82 millóns de euros. Dáse así un impulso decisivo á planificación do Ano Santo, que se está a levar a cabo con máis antelación que nunca para permitir que se faga sentir en toda Galicia. Román Rodríguez sinalou que Cultura e Turismo disporá dun orzamento de máis de 157 millóns de euros, o que supón un crecemento de case o 9%, converténdose na consellería con maior crecemento porcentual.
O libro, coordinado por Eduardo Rodríguez Ochoa, responsable de fotografía do Grupo Fotocinematografico Fonmiñá, entidade editora da publicación, ve a luz con motivo da XLI Semana de Cine de Lugo, e constitúe unha homenaxe que o grupo efectúa a todos os cinéfilos lucenses que ano tras ano manifestan a súa devoción pola Semana de Cine. A tirada é de 2.000 exemplares, que se distribuirán a través das entidades patrocinadoras e aos espectadores que asistan ás proxeccións do Auditorio Gustavo Freire.
Comezou en Lugo a XLI Semana de Cine, que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiña. Rendeuse homenaxe ao actor lucense ANTONIO MOURELOS, publicándose un libro de Manuel Curiel, Director da Semana de Cine, na súa honra, que foi presentado no Auditorio Gustavo Freire, e que será distribuido gratuitamente entre os asistentes ás proxeccións no Auditorio. De seguido, descubríronse as duas primeiras placas do que vai ser o Paseo do Cine en Lugo, a vía central da antiga factoría Frigsa, que vai desde a Avenida de A Coruña cara ao Auditorio. A primeira foi a de Antonio Mourelos, descuberta polo actor, e logo a de Prudencia Grifell, a gran señora do cine mexicano nacida en Lugo.
A Fundación "Eduardo Blanco Amor" conmemora o XL aniversario do pasamento do autor de A Esmorga cun amplo programa de actividades que inclúe o fallo do XXXVIII Premio de novela longa, a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, unha exposición e unha mesa redonda. A presentación das actividades tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial d Ourense, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense e presidente da Fundación, Manuel Baltar; o director da fundación, Luis González Tosar; e a padroa da fundación, Maribel Outeiriño. A fundación vai a propoñer un evento literario de ámbito internacional, evento que o presidente da Deputación de Ourense confirmou que será unha realidade en 2020.
Máis dunha vintena de actividades están programadas esta semana para celebrar o Día da Biblioteca, entre as que destacan obradoiros, visitas guiadas, contacontos e exposicións en Santiago de Compostela, Ourense, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Vigo co obxectivo de celebrar o Día da Biblioteca, unha data que, como cada ano, terá lugar o 24 de outubro. No caso da Biblioteca de Galicia cómpre salientar a mostra Querida Biblioteca, na que se difundirá o valor estético e documental das tarxetas postais, un material do que se custodian neste centro da Cidade da Cultura máis de 3.000 exemplares, moitos deles impresos antes do ano 1958, data de entrada en vigor da normativa de depósito legal. Trátase dunha exposición que se inaugurará o xoves e que contará con catro seccións, unha por cada provincia galega.
A compañía La Quintana Teatro traerá esta semana a Santiago de Compostela Desde o invisible, a súa primeira e aplaudida produción, gañadora do premio Max a mellor espectáculo revelación en 2008 e que se representa agora en versión galega con tradución a cargo de Santiago Cortegoso. O Salón Teatro acollerá a montaxe de xoves a domingo con catro funcións para público xeral e dúas destinadas a escolares. Dirixida por Rolando San Martín a partir da dramaturxia de Irma Correa e Rubén Tejerina, Desde o invisible amosa situacións cotiás que non sempre son consideradas nin están en primeiro plano da actualidade social. A peza descubre distintas perspectivas dunha mesma realidade, o que fai que o espectador reformule o concepto do que é ser normal.
A arte urbana, a innovación na creación musical e as mulleres emprendedoras foron as grandes protagonistas da última xornada de Audacia, festival de artes e emprendemento. Celebrado no Museo Centro Gaiás durante as xornadas do venres e o sábado, Audacia foi todo un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos de traballo que, no ámbito da arte e a creación, poñen en valor a ousadía e o risco. O encontro congregou a artistas, profesionais e emprendedores do eido cultural, da empresa ou da economía, así como a máis dun milleiro de estudantes e docentes de ensinanzas artísticas como belas artes, audiovisual, moda, creación plástica, fotografía ou música.
Presentouse na Sala Videodrome, o templo do frikismo vigués, a programación definitiva da #2 Edition do Galician Freaky Film Festival e, tal e como se agardaba, chega repleta de contido friki espallado ó longo dos tres días que ocupará o certame. Preto de 40 filmes nacionais e internacionais chegados dende Rusia, México ou Países Baixos conformarán unha sección oficial escollida entre case 200 propostas. Hai pezas que veñen de Sitges ou de Nocturna comentou Juan De Castro, director do certame que son a primeira vez que se verán en Galicia.
O cinema feito en Galicia centra esta semana a programación coa que o Centro Galego de Artes da Imaxe se suma á celebración do Día das Letras Galegas en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. A figura pioneira do produtor coruñés Víctor Ruppén, os últimos premios Mestre Mateo do audiovisual galego e o documental etnográfico son os tres eixos da carteleira que poderá verse ata o sábado na sede coruñesa da filmoteca da Xunta.
O Día das Letras Galegas adiántase ao luns 13 nunha nova sesión dos Luns do Ateneo. Nesta ocasión, será momento de lembrar a Antón Fraguas coa conferencia do Antropólogo Manuel Vilar Álvarez, autor da exposición sobre a súa figura realizada no Museo do Pobo Galego en 2006. Así, o Ateneo homenaxeará ao historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista, cun gran coñecedor da súa persoa como é Vilar Álvarez.
A Sala Multiusos acolle 'A muller do século XXI', que estará aberta ata o día 30 de maio, e o Refectorio mostra 'Bruxa! Libres, rebeldes, insubmisas', dispoñible ata o vindeiro 8 de xuño.A primeira mostra un percorrido polo traballo a favor do cumprimento dos dereito humanos, o mellor camiño para alcanzar a dignidade e a igualdade entre todos. A segunda é un proxecto artístico sobre a violencia contra as mulleres e que reivindica a súa liberdade.
A XVIII romaría etnográfica "Raigame" dedica esta edición ás feiras ao longo dos séculos XIX e XX e ao gando, e contará como novidade coa representación dunha feira de gando e coa mostra de exemplares das diferentes razas autóctonas gandeiras, así como demostracións dos traballos que realizaban. As rúas de Vilanova, un ano máis punto de encontro da etnografía galega, encheranse un ano máis de oficios tradicionais e cultura popular.
O Gaiás vén de convocar unha nova edición o seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que, co obxectivo de apoiar a arte emerxente e promover a creación contemporánea, ofrece a novos e novas creadoras a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura. Así, un total de corenta artistas emerxentes serán seleccionados para presentar no Gaiás o seu proxecto creativo.
O vindeiro 28 de setembro Ourense acollerá a III Edición do Piano Meeting, unha cita que este ano apostará por achegarse a un público máis novo cun gran concerto a cargo do pianista e director do evento, Javier Otero, e do cantautor ferrolán Andrés Suárez. A Praza Maior de Ourense foi o escenario escollido para dar a coñecer a vindeira edición do Piano Meeting, que nesta terceira edición tamén apostará pola formación dos seus participantes.
Entre o 27 de xuño e o 6 de xullo, diversos espazos de Vilagarcía de Arousa albergarán a segunda edición do Festival Internacional de Música clasclas. Como avance, o festival presentarase o luns 29 en Santiago de Compostela, nun concerto da man da chelista Anastasia Kobekina na compaña da pianista Olga Kobekina, que interpretarán un programa composto por obras de Stravinsky, Prokofiev e Tchaikovsky.
A cantautora arzuá MJ Pérez ofrecerá este xoves no Vello Cárcere de Lugo un concerto no que interpretará temas do seu terceiro e último traballo, Casandra, no marco do ciclo Lubicán. MJ Pérez, que estará acompañada da súa banda na súa actuación na capital luguesa, acumula tres discos producidos, aínda que Casandra constitúe o seu primeiro traballo de estudio. Nesta nova entrega musical, conta coa colaboración de Paco Cerdeira, Richi Casás, Ailén ou Martiño Cabarcos.
Jessica Rodríguez Sánchez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, Óscar Fernández Freire, coruñés de 17 anos, e Claudia Martínez Asenjo, compostelá de 11 anos, son as persoas gañadoras dos tres primeiros premios, nas modalidades de adultos, xuvenil e infantil, do II Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal. O xurado, reunido na sede da RAG, escolleunos entre as case 500 propostas recibidas xunto a outros seis microrrelatos distinguidos cos segundos e os terceiros premios.
O equipo científico formado por Yara Frateschi Vieira, Maria Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo presentou o Roteiro Virtual da Lírica Medieval, con foco inicial nas relacións entre a lírica galego-portuguesa e a cidade de Santiago de Compostela e arredores. Os tres son integrantes do Grupo Graall (Grupo de Análise de Aspectos Lingüísticos e Literarios da Lusofonía) da USC, sendo a primeira da Universidade de Campinas-São Paulo, e os segundos da USC.