A Real Academia Galega e PuntoGal convocaron por segundo ano o concurso de microrrelatos, aberto a textos de ata 200 palabras, co obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico Manuel González; a escritora e académica correspondente Mercedes Queixas Zas; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e coordinadora de Luzes, Valeria Pereiras, conformaron o xurado que avaliou os relatos presentados ao certame, case un cento máis que na primeira edición.
A psicóloga e logopedista Jessica Rodríguez Sánchez fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos cun relato de 85 palabras titulado A fiestra. O mellor texto na modalidade xuvenil foi para Cacería nocturna, de Óscar Fernández Freire, alumno de primeiro de bacharelato do Colexio Eirís da Coruña; e o primeiro premio de infantil gañouno Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria no CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela co relato "O valor dos nomes".
Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para A primeira palabra, un texto presentado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, veciña de Naraío (San Sadurniño) de 22 anos; e o terceiro foi para Black Friday, de Eduardo Cameselle Iglesias, vigués de 75 anos e enxeñeiro técnico xubilado.
Na modalidade xuvenil, Martina Lois Cuns, estudante de bacharelato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, mereceu o segundo premio por Un día máis; e Cristina Fojo Rubio, alumna do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña, gañou o terceiro con O amigo mar.
O xurado tamén premiou co segundo e o terceiro premio da modalidade de infantil os relatos A fada Every, de Alba Díaz Mera, alumna de sexto de primaria do CEIP A Gándara de Narón; e O can enxesado, de Pablo Mirás Sánchez, estudante do mesmo curso no CEIP de Rebordáns de Tui.
As nove persoas premiadas recibirán diferentes premios de perfil tecnolóxico, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios, un dominio .gal gratuíto durante un ano. A Real Academia e PuntoGal publicarán os textos seleccionados nas súas páxinas web. Luzes tamén reproducirá unha escolma dos relatos participantes e agasallará as persoas gañadoras na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.