Notas de prensa

A convocatoria da novena edición do encontro de artistas novos apoiará a 40 creadores emerxentes

O Gaiás vén de convocar unha nova edición o seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que, co obxectivo de apoiar a arte emerxente e promover a creación contemporánea, ofrece a novos e novas creadoras a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura. Así, un total de corenta artistas emerxentes serán seleccionados para presentar no Gaiás o seu proxecto creativo.

Impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, o EAN chega á súa novena edición da man novamente de Rafael Doctor e cun formato xa consolidado no que teñen presentado os seus traballos preto de 600 creadores e creadoras. Recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell participaron nalgunha edición do Encontro cando comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

O programa –a desenvolver entre o 25 e o 29 de agosto– incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os e as corenta participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Ademais terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas cunha importante traxectoria.

Ampla participación

Nesta edición participarán a artista visual Pilar Albarracín (Sevilla, 1968), coñecida polas súas performances, vídeo-arte, debuxos, fotografía e instalacións interactivas; as fotógrafas e fotoxornalistas galegas Lua Ribeira (As Pontes, 1986) –que en 2018 entrou na Axencia Magnum como membro nominado– e Bandía Ribeira (As Pontes, 1980) –participando na actualidade nun proxecto visual sobre a produción intensiva de vexetais nos invernadoiros de Almería– e o comisario e artista audiovisual Nicolás Combarro (A Coruña, 1979), director, entre outras, da premiada longametraxe documental Alberto García-Alix. La línea de sombra. Súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Fernando Sánchez Castillo, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.

Os novos creadores participantes convivirán tamén con observadores ou art followers que, desde o mundo curatorial ou xornalístico apoian os novos talentos e procuran estar ao corrente das novidades do mundo da arte emerxente.

Co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o programa complétase con visitas a outros centros de arte contemporánea de Galicia –como o MARCO, o CGAC ou a Fundación Granell– e coa opción de realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo participando na convocatoria do VII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. Precisamente, o programa do EAN finalizará coa inauguración do proxecto gañador do proxecto de intervención nas Torres Hejduk na anterior edición: Stay Here, de Alejandro Ginés.

O #EAN9 está dirixido a artistas nados entre 1984 e 2001 (ambos inclusive), podendo optar a unha praza estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns, así como todas aquelas persoas que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Ademais, co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións, dez das 40 prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos. Todas as persoas interesadas en participar deberán presentar unha solicitude antes das 15,00 horas do 28 de xuño xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico [email protected]. As bases completas poden consultarse en www.cidadedacultura.gal, así como o boletín de inscrición.

Encontro internacional

O Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura naceu en setembro de 2011 baixo a dirección de Rafael Doctor no marco da primeira programación cultural do Gaiás. Ao longo de nove edicións, o EAN consolidouse como un dos principais foros de intercambio de coñecementos e de apoio a artistas emerxentes. Conta tamén cunha sólida vertente internacional, tanto pola participación no encontro de creadores non só de Galicia, senón do resto de España e doutros países, senón tamén por ser un formato que xa se ten exportado a outros países como Uruguai en 2015 e Arxentina en 2016, ano no que tamén tivo lugar no Centro Villalar de Castela e León.

Encontro de Artistas Novos, 2019-05-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES