Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A mostra Galicia, un relato no mundo, que se inaugura no Gaiás a próxima semana, concibe as novas tecnoloxías como un elemento central do relato da exposición, empregando sistemas punteiros de realidade virtual, realidade aumentada e dispositivos de detección sensorial. Entre outras aplicacións, a mostra converterá a arquitectura do Museo Centro Gaiás –a través de realidade virtual– nun transatlántico da emigración galega a América; permitirá dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos; recreará o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante ¬–o Sebasteion das Afrodisias en Turquía– ou fusionará linguaxes tan distintas e afastadas no tempo como os códices medievais e a estética propia do cómic e do graffiti.
O audiovisual galego está representado na selección do Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) a través das películas Arima, de Jaione Camborda, e Longa noite, de Eloy Enciso, que contan co apoio da Xunta de Galicia para a súa promoción neste encontro. O certame andaluz está a celebrar a súa décimo sexta edición desde o pasado venres e ata o día 16 coa cinematografía europea como protagonista. Con motivo destas seleccións, ofreceuse este mediodía unha recepción baixo o título ‘Celebrando o cinema galego’, dirixida prioritariamente aos profesionais de toda Europa que están a participar no programa SEFF Industria.
A exposición ‘Valente e a unidade das artes’ fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón á Universidade do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. Neste senso, o director da cátedra, comisario da mostra e amigo persoal do autor galego, Claudio Rodríguez Fer, subliña que Valente manifestou na súa obra a necesidade de recorrer ao diálogo multiartístico á hora de establecer o seu propio pensamento estético e a súa propia autopoética. José Ángel Valente (Ourense, 1929 - Xenebra, 2000), doutor honoris causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra.
O primeiro relato de viaxes do que se ten constancia en España foi escrito hai 16 séculos por unha aristócrata da Gallaecia romana, Exeria, que movida pola curiosidade por coñecer os escenarios bíblicos emprendeu unha peregrinación desde Galicia ata Terra Santa. O manuscrito máis antigo conservado no que se narra a súa viaxe –datado no século XI– está xa no Museo Centro Gaiás, a onde chegou procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia para ser exhibido na mostra 'Galicia, un relato no mundo'. Exeria está considerada a primeira muller escritora –da que se ten constancia– da Península Ibérica. Tamén é a primeira peregrina que relatou a súa viaxe nun diario, que foi escribindo a modo de cartas nas que describiu aqueles lugares que percorría e que inclúen Exipto, Antioquía, Edesa ou Constantinopla.
A editorial viguesa Dos Acordes volve dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tanto este novo título, que fai o número 33 da colección, como o volume 32 contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.
Convócase o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que ten como obxectivo estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe, por calquera das causas posibles. A iniciativa estrutúrase en tres accións: a concesión do Selo Biblioteca Escolar Solidaria, o Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria) e o Voluntariado de lectura-A (Primaria). Poderán optar a este selo aquelas bibliotecas que propician especificamente valores de xustiza e solidariedade, e procuran de forma destacada a compensación de desigualdades.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI - Filmoteca de Galicia) arranca mañá a súa última carteleira bimestral de 2019 co primeiro dos sete filmes do ciclo que lle dedica ao realizador Roberto Gavaldón, considerado un dos máximos representantes do cinema mexicano dos anos 50 e 60 do pasado século. 'La barraca', adaptación da novela de Vicente Blasco Ibáñez, foi o seu debut na dirección e o filme elixido pola cinemateca galega para abrir este especial cunha sesión dobre, ás 18,00 e ás 20,30 h. Pola súa banda, Italia é o común denominador doutros tres especiais que o CGAI preparou para esta recta final do ano, dedicados a Rino Lupo, Franco Piavoli e a documentais producidos pola Italia de Mussolini sobre a Guerra Civil Española.
San Facundo de Ribas de Miño(Paradela) foi escenario da festa celebrada nas vísperas de Santos e Defuntos, para exaltar que todas as lápidas están en idioma galego, desde a restauración do cemiterio a finais dos anos noventa do pasado século. Un acto institucional no salón de plenos do Concello de Paradela foi ocasión para asinar unha acta de reafirmación da galeguidade.
A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza esta fin de semana en Santiago a décimo terceira edición do seu Certame Galego de Bandas de Música Populares, que será a máis internacional e numerosa de todas as celebradas ata o momento, e que os vindeiros días 2 e 3 de novembro congregará no Auditorio de Galicia a 1300 músicos de 21 formacións, das que 16 son galegas, catro portuguesas e outra de Castela e León. O Certame Galego de Bandas será retransmitido en directo a través da canle da FGBMP en YouTube, e nesta 13ª edición avánzase nas novidades introducidas en 2018 para abrirse á participación de bandas doutros puntos da Península, neste caso procedentes de Benavente e de Portugal.
O Festival Internacional Outono de Teatro baixará o pano da súa 28ª edición con dous dos éxitos da tempada escénica: a recentemente estreada Fariña, dirixida por Tito Asorey, e A.K.A. (Also Known As), a creación dramática da Sala Flyhard de Barcelona que se posicionou como un dos fenómenos teatrais na escena estatal. A.K.A., unha peza valente e comprometida escrita por Daniel J. Meyer e dirixida por Montse Rodríguez Clusella, aborda cuestións como a identidade sexual e racial a partir da historia de Carlos, un mozo de 15 anos que inicia unha relación coa tamén adolescente Claudia, e que por unha serie de circunstancias alleas ao protagonista, este relatará un periodo da súa mocidade no que treman as súas raíces.
« Anterior | 90  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Foi inaugurada na sala Losada Quiroga do Seminario de Mondoñedo a exposición "350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA A XESÚS SACRAMENTADO NA CATEDRAL DE LUGO", con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen facendo en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia.
A Comisión de selección para os finalistas do Proxecto Runas 2019, unha vez analizados os grupos finalistas, a súa música, afinación, son, afinidade co Festival, determinou que os tres grupos que deben pasar á final son os seguintes: UKI KOJIMA BAND (Xapón), DEQUENVESSENDO (Galicia) e TÚA (Murcia). Actuarán en Ortigueira o 11 de xullo, cada grupo percibirá ademais 1.500 € e terá a posibilidade de actuar en 2020.
Entre os días 2 e 8 de Xuño, de domingo a domingo, celebrarase a décimo terceira edición do Festival Alternativo Millo Verde, que este ano se volverá a aloxar na “Punta” da Praia de Cesantes. Como todos os anos, o obxectivo da Asociación Millo Verde é converter este evento gratuíto nun microcosmos de encontro lúdico para persoas de todas as idades co fin de crear unha plataforma onde os novos creadores poidan mostrar a súa arte, onde se potencie a música galega mesturada con músicas internacionais.
De Xabier P. DoCampo dicimos que foi un pioneiro, un dos pais da Moderna Literatura Infantil e Xuvenil de Galicia. A el, xunto con outros escritores e escritoras da súa xeración, correspondeulle crear unha nova literatura máis acorde cos tempos e cun concepto de infancia que xa non era considerada unha etapa imperfecta de transición, senón un importante momento da vida, con características propias e necesidades específicas.
A viola luguesa Iria Fernández Silva ofrecerá este luns no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o concerto ‘Vibrando en catro cordas’, no que esta artista luguesa que xa se ten convertido nun valor en alza no ámbito da música de cámara, interpretará un amplo repertorio. O concerto que ofrecerá esta música nada no barrio lugués da Milagrosa encádrase no ciclo de novos talentos artísticos ‘Na Calzada’.
A tempada comezará con 'Divinas palabras', unha peza de Valle-Inclán dirixida por José Carlos Plaza e coa interpretación de María Adánez e Charo López. Virán despois 'La strada' (a versión para teatro do clásico de Fellini dirixida por Mario Gas e cun elenco conformado por Alfonso Lara, Mar Ulldemolins e Alberto Iglesias) e 'Perfectos desconocidos', dirixida por Daniel Guzmán e á que darán vida Alicia Borrachero, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Elena Ballesteros, Jaime Zataraín, Ismael Fritschi e Inge Martín.
Ao certame poderán concorrer, desde hoxe ata o vindeiro 24 de agosto, todos os e as poetas de calquera lugar do mundo que presenten un poemario orixinal en galego ou castelán, cuxo contido oscile entre os 450 e os 550 versos arredor do tema “a vida como camiño” e que manteñan unha vinculación co Camiño de Santiago desde a perspectiva do conxunto do poemario. A obra gañadora recibirá 1500 euros, un diploma acreditativo e a publicación da obra, tanto en galego coma en castelán.
Os vindeiros días 6 e 7 de xuño desenvolveranse en Santiago de Compostela as II Xornadas de Patrimonio Bibliográfico, que reunirán a preto de douscentos especialistas de primeira orde de toda España. Organizadas polo grupo de traballo de Patrimonio Bibliográfico de REBIUN e a Universidade de Santiago de Compostela, nas xornadas debaterase sobre os diversos aspectos da xestión das coleccións patrimoniais en bibliotecas históricas e das coleccións especiais en bibliotecas e arquivos.
A exposición DESTACADOS poderá visitarse o 15 de setembro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Esta exposición comprende unha selección de pintura, escultura e obra en papel das pezas máis significativas e icónicas da colección, non só polo estilo artístico que representan, senón tamén pola importancia e a transcendencia dos seus autores. As pezas reunidas no MARCO permiten trazar unha breve panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da historia da arte do século XX.
“Hai concellos que apoian certames de narrativa ou de poesía, pero son escasos os que apoian a escrita dramática. Por iso é de agradecer iniciativas como a do Concello de Brión e desexar que teña continuidade”. Con estas palabras Xavier Lama iniciaba o seu discurso tras recibir de mans do alcalde de Brión, José Luís García, o galardón da primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais en galego.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES