Noticias

Publícanse as partituras da 'Sinfonía nº 2 nas Montañas de Galicia' de Andrés Gaos

A editorial viguesa Dos Acordes volve dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tanto este novo título, que fai o número 33 da colección, como o volume 32 contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.

Esta Sinfonía nº 2 foi composta ao longo de diferentes etapas da súa vida e, aínda que premiada en concursos auspiciados pola Institución Mitre en 1923 e polo Centro Galego de Bos Aires 30 anos máis tarde, o autor non puido ver interpretada a obra completa. Esta estrea tería lugar o 28 de xullo de 1974, 15 anos despois da súa morte, durante as xornadas organizadas polo Centro Galego de Bos Aires con motivo do centenario do seu nacemento. A estrea europea tería lugar ao ano seguinte no Teatro Colón da Coruña, con Rogelio Groba á batuta, e posteriormente sería executada pola Orquestra Sinfónica de Galicia en diferentes ocasións.

Andrés Gaos Berea (A Coruña, 1874- Mar del Plata, Arxentina,1959) formouse musicalmente en Galicia, Madrid e Bruxelas, e asentouse en Bos Aires, cidade desde a que traballou como docente, compositor e concertista de violín en xiras internacionais. O seu repertorio, con máis de 70 obras, abrangue música para escena, orquestral, música de cámara co violín como protagonista, para canto e piano, así como unha interesante serie de composicións para piano solo, instrumento que chegou a tocar con gran perfección.

Música clásica, contemporánea e para banda

Nacida en 1992, Ars Gallaeciae Musicae pasa a publicarse desde 2006 en réxime de coedición con Dos Acordes, ao tempo que se estrutura en tres series para lle dar cabida a un máis amplo abano de títulos. Así, Agra Vella difunde obras asinadas por compositores galegos ou vinculados con Galicia xa desaparecidos, desde a Idade Media ata o século XX, mentres que Agra Nova e Ávrego ábrense a autores actuais e a composicións para bandas de música. En 2010, a colección foi recoñecida co Premio da Crítica-Galicia de Música pola súa “prolongada actividade investigadora e divulgativa” que, segundo sinalou o xurado do galardón no seu ditame, “enriquece o repertorio das orquestras nacionais e internacionais e potencia os novos autores”.

A edición da Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia está xa á venda en establecementos especializados, na libraría institucional en liña da Xunta de Galicia e a través da páxina web de Dos Acordes.

R., 2019-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES