Noticias

A adaptación teatral de Fariña e A.K.A., gañadora de dous premios MAX, pechan esta semana o 28º FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro baixará o pano da súa 28ª edición con dous dos éxitos da tempada escénica: a recentemente estreada Fariña, dirixida por Tito Asorey, e A.K.A. (Also Known As), a creación dramática da Sala Flyhard de Barcelona que se posicionou como un dos fenómenos teatrais na escena estatal. A.K.A., unha peza valente e comprometida escrita por Daniel J. Meyer e dirixida por Montse Rodríguez Clusella, aborda cuestións como a identidade sexual e racial a partir da historia de Carlos, un mozo de 15 anos que inicia unha relación coa tamén adolescente Claudia, e que por unha serie de circunstancias alleas ao protagonista, este relatará un periodo da súa mocidade no que treman as súas raíces.

O público do FIOT poderá asistir este xoves 31, ás 20.30 horas, á representación de A.K.A., a terceira das obras que conforman OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), o ciclo que pretende achegar ao públi-co as novas linguaxes escénicas través de propostas orixinais e cativadoras. Esta peza é un dos traballos máis exitosos e recoñecidos da tempada escénica, xa que na última edición dos premios MAX foi recoñecida co galardón á Mellor autoría revelación (Daniel J. Meyer) e Mellor actor protagonista (Alberto Salazar), ademais de catro Premios Butaca (Mellor espectáculo de pequeno formato, Mellor texto, Mellor dirección e Mellor actor).

Ao día seguinte, o venres 1, a noite comezará a partir das 20.30 horas coa entrega do Pre-mio de Xograresa de Outono a Patricia de Lorenzo. O festival recoñecece así á actriz polo seu traballo a prol da promoción e desenvolvemento da escena teatral galega. De Lo-renzo iniciou en 1990 a súa traxectoria profesional e, catro anos máis tarde, pasou a formar parte de Chévere, compañía de referencia en Galicia e tamén en España, galardoada co Premio Nacional de Teatro, o máis importante das artes escénicas a nivel estatal. Desde entón participou como actriz en montaxes que forman parte da historia teatral galega, como é o caso de Annus Horríbilis, Rio Bravo 02, Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso ou a recente Curva España. De Lorenzo é unha das “alma mater” deste proxecto e un dos seus piares fundamentais, tanto dentro como fóra dos escenarios, desenvolvendo labores de dirección, administración, xestión e produción. Ademais, a actriz tamén traballou con Teatro do Aquí, Elsinor ou o Centro Dramático Galego.

Prestixiosos galardóns, como varios María Casares ou o Maruxa Villanueva, recoñecen a traxectoria de Patricia de Lorenzo. Agora suma Xograresa de Outono, premio honorífico outorgado por anteriores Xograres de Outono e a Asociación Cultural Telón e Aparte, pro-motora do FIOT. En anteriores ocasións obtiveron este recoñecemento artistas como Ro-berto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño e Manuel Lourenzo.

Logo da entrega do galardón a De Lorenzo, o Pazo da Cultura acollerá a representación de Fariña, a adaptación teatral de José L. Prieto sobre o texto de Nacho Carrretero. A obra, dirixida por Tito Asorey, é un traballo coral no que Xosé A. Touriñán, María Vázquez, Marcos Pereiro, Cris Iglesias e Sergio Zearreta dan vida e voz sobre as táboas a numerosos personaxes recoñecibles no imaxinario do público. Drama, comedia, teatro documento e música ao vivo forman parte dun espectáculo único que iniciará en Carballo unha xira que levará ao seu reparto a percorrer Galicia nos vindeiros meses. O FIOT pecha con Fariña un Programa de Sala cunha obra que incide, precisamente, nun dos pratos fortes desta edición: a aposta pola creación galega contemporánea, da man de tres dos seus directores máis recoñecidos: Quico Cadaval, Cándido Pazó e Tito Asorey.

R., 2019-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES