Noticias

Celebración da Memoria Lingüística no único cemiterio de Galicia con todas as lápidas en galego

San Facundo de Ribas de Miño(Paradela) foi escenario da festa celebrada nas vísperas de Santos e Defuntos, para exaltar que todas as lápidas están en idioma galego, desde a restauración do cemiterio a finais dos anos noventa do pasado século. Un acto institucional no salón de plenos do Concello de Paradela foi ocasión para asinar unha acta de reafirmación da galeguidade.

O Alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a xefa territorial de Cultura e Turismo, María José Gómez Rodríguez; o Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; o vicario xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo; o crego e musicólogo, Xesús Mato, e o arquitecto Xurxo Salvador, participaron este venres nos actos con motivo do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia que se celebraron na Casa do Concello de Paradela e no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, o único de Galicia que ten todas as inscricións funerarias escritas en galego. Estes actos encádranse nunha iniciativa da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e do Concello de Paradela, co apoio da Xunta de Galicia, na véspera das celebracións de Todos os Santos e de Defuntos.

NoticiaValentín García sinalou que “queremos, por unha banda, lembrar hoxe a todos os galegos e galegas que nos precederon e nos legaron a lingua propia e maioritaria de Galicia, aquela que nos enorgullecemos de falar e de continuar transmitindo; por outra banda, aspiramos a animar a todos os bos e xenerosos, a todas as boas e xenerosas, a sumarse á iniciativa "En galego, agora e sempre" para que a lingua que nos identifica en vida se empregue tamén nas celebracións funerarias, de maneira que entre todos conquistemos tamén este ámbito de uso para o galego”.

‘En galego, agora e sempre’

NoticiaOs actos iniciáronse a mediodía na Casa do Concello de Paradela, onde se convidou aos asistentes a asinar a acta de reafirmación da galeguidade pola que os cidadáns e cidadás que o desexan participan na iniciativa "En galego, agora e sempre", coa que mostran a súa vontade de que a súa despedida vital, funerais e cerimonias fúnebres se celebren en idioma galego. Desde a capital do concello, autoridades e veciños trasladáronse despois á parroquia de San Facundo de Ribas de Miño, onde se descubriu unha placa que deixou constancia da conmemoración, se visitaron o cemiterio e a igrexa e o crego e musicólogo Xesús Mato Mato, fillo predilecto do concello de Paradela, rezou un responso polos que descansan naquel camposanto.

A parroquia de San Facundo de Ribas de Miño, situada no concello de Paradela, distínguese entre as do resto de Galicia porque o seu camposanto ten todas as lápidas en galego despois da restauración do Mosteiro a finais dos anos noventa do século pasado, en obra dirixida polos arquitectos Xurxo Salvador e Alberte González. Xurxo Salvador informou a todos os presentes da realización da obra, do estado anterior do mosteiro, e da riqueza monummental daquel conxunto situado ás beiras do Miño, nun paraxe solitario e moi fermoso, onde as viñas dominan a paisaxe.

A Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, celebra este outono actos de reafirmación da galeguidade semellantes ao que tivo lugar en Paradela en diferentes parroquias e concellos galegos, tales como Castro Caldelas, Quintela de Leirado, Parada de Sil, San Xoán de Río, Redondela, Ribadavia, Gondomar, Tui, Vila de Cruces, Agolada ou Outes.

R., 2019-11-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES