
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, avanzou, este xoves que xa están abertas dúas novas exposicións no Museo Provincial de Lugo. A Sala Multiusos acolle A muller do século XXI, que estará aberta ata o día 30 de maio, e o Refectorio mostra Bruxa! Libres, rebeldes, insubmisas, dispoñible ata o vindeiro 8 de xuño.
A muller no século XXI, organizada por Mans Unidas, mostra un percorrido polo traballo a favor do cumprimento dos dereito humanos, o mellor camiño para alcanzar a dignidade e a igualdade entre todos. Dende esta organización, denuncian que a pobreza ten rostro de muller, polo que promoven proxectos de desenvolvemento especialmente centrado na figura femenina, protagonista esencial no seu traballo en educación para o desenvolvemento e nos seus proxectos de cooperación en arredor de 60 países.
Bruxa! Libres, rebeldes, insubmisas, de Viki Rivadulla, é un proxecto artístico sobre a violencia contra as mulleres e que reivindica a súa liberdade. A exposición mostra figura da bruxa coma muller empoderada. Esta figura da muller é unha peza fundamental para os cambios sociais e políticos necesarios na nosa sociedade. A exposición fala tamén da autoconciencia, a autoformación , deconstrución e a sororidade como ferramentas de loita.
As exposicións son de balde e os horarios: de luns a venres: de 9:00 a 21:00 horas, sábados: 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas e os domingos e festivos: 11:00 a 14:00 horas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.