Notas de prensa

Os Premios Ícarus 2025 reafirman a fortaleza da cultura emprendedora na USC

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC entregou os Premios Ícarus 2025, nos que resultaron distinguidos 20 traballos das cinco áreas de coñecemento e diferenciados nas categorías de teses de doutoramento e traballos de fin de grao e máster. O acto, desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación, estivo presidido polo delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero.

Participaron tamén a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño; a directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez; o subdirector de Ciencias Sociais e Xurídicas da Escola de Doutoramento Internacional da USC, José Miguel Túñez; e a decana de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo.

O Programa Ícarus cumpre este ano a súa terceira edición cunha participación histórica, cun total de 90 traballos presentados, dos que 28 resultaron finalistas. Esta crecente participación no Ícarus reafirma a fortaleza da cultura emprendedora da USC nos campus de Santiago e de Lugo, tal e como puxo de relevo na súa intervención o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, AVTE, José Luis Villaverde, que tamén destacou “o gran nivel” dos proxectos e a alta representación feminina nos galardóns, xa que o 70% das persoas premiadas nesta edición son mulleres.

Teses de doutoramento

Na categoría de teses de doutoramento, recoñeceuse na Área de Artes e Humanidades Berta Álvarez Buylla, que obtivo o primeiro premio pola súa tese Emprendemento Cultural en Galicia do 2000 ao 2024. Na de Ciencias Sociais e Xurídicas, o primeiro galardón foi para César Fieiras Ceide por Intelixencia artificial, innovación e novas tecnoloxías en medios de comunicación públicos e privados, e o segundo premio para Anxela Fernández da Silva por Políticas de eSaúde e equidade en España. Unha oportunidade perdida?.

Na área de Ciencias experimentais, o primeiro premio foi para Cristina González Barreira, pola súa tese Materiais moleculares de lantanoides como imáns e termómetros luminescentes, e o segundo para Andrés Manuel Álvarez Constantino, polo traballo doutoral Catalytic methodologies for the valorization of C2 hydrocarbons and mechanistic studies. En Enxeñería e Arquitectura, gañou Jorge González Rodríguez coa tese Conceptual design, operation and scale-up of photocatalytic processes integrating magnetic nanocomposites for the removal of micropollutants in wastewater, mentres que o segundo posto foi para Carlos Alberto Pena Puga por Liquid systems for the valorisation of lignocellulosic biopolymers.

Xa na área de Ciencias da Saúde, Uxía Yáñez Ramil fíxose co primeiro premio pola tese A ecografía como ferramenta para mellorar a eficiencia reprodutiva no gando vacún e Paula Rodríguez Villamayor co segundo con Características neuroanatómicas e de expresión xénica do sistema olfactivo accesorio do coello. Implicación da comunicación mediada por feromonas no comportamento reprodutivo e na fisioloxía animal. Concedeuse ademais un accésit a Ana Iglesias Mejuto pola tese Development of aerogel-based formulations for regenerative medicine.

TFG e TFM

Na categoría de TFG e TFM, e en concreto na Área de Artes e Humanidades, Noa Rodríguez Rodríguez obtivo o primeiro premio polo traballo Entre a Extinción e a Adaptación. Proxecto expositivo sobre arte e ecoloxía en Galicia e Cristina Huertas Gómez o segundo por Liber Sancti IAcobi. Proposta dun chatbot para divulgar o patrimonio documental do Códice Calixtino a través da IA.

En Ciencias Sociais e Xurídicas, o primeiro premio foi para Ángela Varela García polo traballo Proxecto ‘Raiceiras’: un servizo público de atención á diversidade para crianzas a partir de 6 anos no rural galego, e o segundo para Denise Lobeiras Casal, por Gamificación e Matemáticas, unha combinación gañadora. Na Área de Ciencias, Gabriel Otero Moreira gañou o certame por Análise preditivo de fibrilación auricular en rexistros de ECG, quedando co segundo premio Raquel Romero Lorenzo polo traballo Modelos de crecemento tumoral baixo radioterapia fraccionada.

Na área de Enxeñería e Arquitectura, o primeiro premio foi para Martín Romero Romero, por Deployment of Deep Learning Networks in the Edge using Compression Techniques, e o segundo para María Corredoira Iglesias, por Formulación e caracterización tribológica de nanofluidos de transmisión para vehículos eléctricos.

Por último, as persoas recoñecidas na Área de Ciencias da Saúde foron Sara Míguez Martín polo traballo Fabricación e caracterización de lentes autoadherentes para corrección visual e Mireya Conde Raña, que obtivo o segundo premio por Factores de risco asociados á ideación suicida na poboación adulta en contextos rurais e urbanos.

Ícarus

O Programa Ícarus ten como obxectivo favorecer e impulsar a aplicación social e económica do coñecemento xerado na USC. Para iso, establece premios para Teses de doutoramento e TFG/TFM que estean enfocados á súa aplicación social e económica nas áreas de coñecemento que se imparten na Universidade de Santiago de Compostela. No caso das teses, hai unha dotación económica de 1.000€ para os primeiros premios e 500€ para os segundos, mentres que a dotación nos TFG/TFM é de 800 e 400 euros respectivamente.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-07-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES