Con motivo deste fito histórico, o titular do Executivo galego destacou que o Consello tomou razón hoxe dun informe sobre os principais avances acadados nos últimos meses neste eido, así como a 'folla de ruta' a seguir tras a entrada en vigor do acordo de traspaso do litoral, que se materializará, precisamente, mañá coa publicación do Decreto de asunción das funcións e servizos correspondentes, aprobado tamén hoxe polo Goberno galego.
No relativo ao procedemento e tramitación dos expedientes relacionados cos distintos usos da franxa costeira, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten preparadas dúas novidades que estarán operativas desde mañá.
Tal e como explicou Rueda, a través do teléfono de atención á cidadanía 012, porase en marcha un servizo específico para canalizar consultas sobre procedementos relacionados cos usos e ocupacións da franxa litoral, ao tempo que se habilitará, baixo o nome Galicia Litoral, un novo espazo web informativo na páxina da Consellería. Esta nova canle de atención telefónica axudará a resolver todo tipo de dúbidas de tramitación e sobre permisos e autorizacións de actividades no litoral para facilitar a relación coa Administración daquelas empresas e cidadáns que teñan algún tipo de interese na costa.
Ademais, habilitarase tamén un único formulario para todas as solicitudes relacionadas coa obtención de títulos habilitantes para intervir tanto no dominio público marítimo-terrestre coma na zona de servidume de protección. Este formulario estará á disposición da cidadanía na sede electrónica da Xunta tamén a partir de mañá e permitirá pasar dun modelo de solicitude en papel a outro dixital, coa conseguinte redución de tempos.
De igual xeito, o Goberno autonómico seguirá traballando noutras melloras programadas ou xa implementadas nos últimos meses para avanzar nos obxectivos de simplificación e axilización administrativa que se recollen na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).
En concreto, a Consellería adaptou xa todos os procedementos de autorización na zona de servidume (de competencia e xestión autonómica antes do acordo de traspaso) ao espírito da norma autonómica, o que se traduciu nunha redución dun 80% no número de emendas requiridas aos solicitantes e nun recorte significativo dos tempos de tramitación de case 500 autorizacións e de 276 declaracións responsables relacionadas con expedientes que afectan esta franxa da costa.
Así mesmo, seguiranse dando pasos para ofrecer canto antes un procedemento integrado e 100% dixital a aquelas persoas interesadas en conseguir as autorizacións administrativas correspondentes para exercer unha actividade, uso ou ocupación na costa galega. Tal e como acordou o Consello da Xunta o pasado 9 de xuño, o decreto regulador deste novo sistema de portelo único para tramitar os distintos títulos habilitantes e autorizacións do litoral someterase a consulta pública previa ata o día 10 de xullo e as posibles achegas que se reciban serán tidas en conta na redacción do documento definitivo, que se prevé aprobar a finais deste ano.
En canto ás actuacións estratéxicas para o litoral que a Xunta quere impulsar en 2025 baixo o paraugas da lei, convocarase este mesmo verán un concurso de ideas dirixido a estudos de arquitectura e profesionais independentes para deseñar un prototipo de chiringuito biosustentable e desmontable capaz de integrarse coa paisaxe das praias e das contornas naturais costeiras máis características de Galicia.
A idea é que un xurado profesional escolla as mellores propostas para, a partir de aí, poder ofrecerlles ás empresas interesadas, xa o ano que vén, un modelo tipo de proxecto básico coas pautas que seguir no deseño do seu propio chiringuito. Aínda que este tipo de instalacións deberá adaptarse en todo caso á normativa urbanística de cada concello e ás Directrices da paisaxe, o obxectivo é que, como punto de partida, haxa un ou varios chiringuitos de praia modelo con materiais sostibles, eficientes enerxeticamente e mimetizados co entorno e a natureza que os rodea, en liña co enfoque da bioarquitectura.
De forma complementaria a este concurso, seguirase traballando na elaboración dunha guía de integración paisaxística deste tipo de establecementos hostaleiros para fixar unha serie de pautas e recomendacións comúns (deseño, cor, materiais, etc) co obxectivo de avanzar cara unha rede de chiringuitos sostibles e uniformes por todo o litoral.
O presidente tamén salientou que nos últimos dous meses se avanzou na planificación e deseño da Rede de sendas do litoral de Galicia, que terá como principal reclamo unha gran ruta desde Ribadeo ata Tui, e nos traballos técnicos para a elaboración do Catálogo de bens de valor cultural no litoral, que se prevé aprobar antes de que remate o ano mediante un decreto que, precisamente, desde mañá e ata o 1 de agosto se someterá a consulta pública previa para recoller as opinións e posibles achegas da cidadanía.
Como punto de partida tomouse un inventario realizado pola Xunta no ano 2019 e no que se recollen 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salgadeiras, conserveiras...) que están sendo xa analizados desde a perspectiva da Loxilga e co informe previo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a súa revisión e posterior actualización.
O obxectivo é dignificar este patrimonio litoral, de enorme valor e distintivo de Galicia, e que no catálogo definitivo se identifiquen todos os bens seleccionados, con indicación da área do litoral en que se atopan, a xustificación da súa incorporación e concreción dos usos, tanto os orixinais como os futuros que sexan compatibles coa súa localización.
Rede de establecementos turísticos costeiros
En liña cun dos usos estratéxicos da franxa costeira recoñecidos na Loxilga o turismo, Rueda sinalou que outra das medidas que se impulsará nos vindeiros meses é a identificación daquelas edificacións preexistentes na costa (incluídas tamén aquelas destinadas orixinalmente a uso residencial) e que, polos seus especiais valores arquitectónicos, históricos ou culturais, poidan ter un uso turístico, logo de rehabilitación.
Xa se está a traballar nas bases reguladoras que deberán especificar as condicións e os requisitos que se lles exixirá cumprir ás edificacións que pretendan formar parte da futura Rede de establecementos turísticos do litoral, tendo en conta que a prioridade é ofrecer un servizo de calidade, diversificado e desestacionalizado que favoreza un desenvolvemento sustentable da franxa costeira galega desde o punto de vista do turismo.
Paralelamente, a Xunta seguirá avanzando no desenvolvemento dos órganos administrativos de organización e coordinación previstos na propia norma, así como nos distintos instrumentos de planificación que permitirán abordar a toma de decisións.
Así, o pasado 3 de xuño a Comisión interdepartamental de coordinación do litoral, órgano responsable de coordinar a elaboración, o seguimento e a aplicación das ferramentas de ordenación previstas na Loxilga, acordou crear o Comité técnico de planificación e actuacións estratéxicas. Sobre el recae a responsabilidade de supervisar todo o relativo ás medidas xa mencionadas de carácter estratéxico e que integran criterios tanto paisaxísticos como culturais, turísticos ou ambientais (o Catálogo de patrimonio cultural, as redes de sendas e de establecementos turísticos...).
En materia normativa, cómpre salientar que na actualidade se está a redactar o documento das Directrices de ordenación do litoral (DOL) co obxectivo de telo finalizado e sometelo a aprobación no último trimestre de 2025. Cando estean rematadas as DOL, como marco xeral de referencia para a elaboración dos restantes instrumentos, abordaranse os plans de ordenación costeira e de ordenación mariña.
Ademais, antes de que remate este verán, prevese aprobar tamén o decreto regulador do Foro do litoral de Galicia, órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta integrado por administracións públicas, universidades, organismos científicos, sectores produtivos e entidades ambientais.
Por último e co obxectivo de seguir consolidando Galicia como referente en materia de cogobernanza, no mes de setembro convocarase un cumio de municipios costeiros para impulsar o Pacto galego polo litoral, documento estratéxico que aspira a converter a costa galega nun exemplo de dinamismo económico sustentable, en liña coa tripla perspectiva da Loxilga (social, ambiental e económica).
Así mesmo, antes de que remate o ano está prevista tamén a celebración dun foro con todas as comunidades autónomas que xestionan o seu litoral.
Primeira comunidade en regular a costa en toda a súa extensión
Coa aprobación da Loxilga en xullo do ano 2023, Galicia converteuse na primeira comunidade en regular por lei a plena xestión da súa costa en toda a súa extensión, é dicir, incluíndo tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas. O obxectivo, en definitiva, é poder abordar a regulación da costa e dos usos que se desenvolven nela dunha forma integrada e por parte de quen mellor a coñece.
Neste sentido, cómpre lembrar que a Comunidade galega ten a costa máis extensa de España: algo máis de 2.500 quilómetros, contando o perímetro costeiro pero tamén illas, illotes, marismas e areais. Unha realidade xeográfica que, a diferenza doutras comunidades, explica por que o seu modelo produtivo e forma de vida estiveron historicamente ligados ao mar e, por tanto, requiren criterios e regulacións específicos.
Ao abeiro das súas competencias, a Xunta leva décadas regulando o litoral galego e desenvolvendo instrumentos de ordenación do territorio cunha incidencia directa e notable sobre a franxa costeira. Pero con esta lei, Galicia deu un paso máis para asumir, como xa fixeran outras comunidades, as competencias plenas e efectivas que lle atribuía o seu Estatuto de autonomía sobre a xestión do DPMT e que lle permitirán desde mañá, coa entrada en vigor do traspaso das funcións e servizos para a ordenación do litoral, xestionar arredor de 1,6 millóns de hectáreas marítimas e terrestres do seu territorio.