Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario da estrea esta fin de semana de O que segue, a nova proposta da creadora Cristina Balboa, realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Cristina Balboa describe O que segue como “un acto de resistencia escénica a través da composición musical, o vídeo e a danza” para construír un “relato feroz” do cotiá a partir das contradicións entre a arte e a vida. A música xoga aquí un papel clave, de xeito que durante a súa creación foise xerando unha dramaturxia baseada na composición musical en vivo e no relato que sucede nese acto performativo.
Durante a 41 Semana do Cine de Lugo proxectaranse un total de 130 filmes, que estarán divididos en 10 ciclos. Destes, 112 serán gratuítos, sendo de pago só o ciclo infantil, con entradas a 2,50€, Xoias do Ano, a 4€ e o ciclo Oficial, que terá un prezo de 5€. Ademais, as persoas que acudan ás proxeccións do ciclo Oficial, recibirán cada día unha publicación do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá como agasallo. Como novidade deste ano, dentro do parque de frigsa acollerá o Paseo do Cine de Lugo, que conterá placas homenaxeando a figuras de Lugo que foron importantes no mundo do cine. Neste ano colocaranse as dúas primeiras placas adicadas a Antonio Mourelos e Prudencia Grifell.
Mileth, Costa escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda son as cinco bandas que o xurado escolleu como finalistas para a XI edición do concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña. Nun concerto que se celebrará no mes de novembro decidirase quen será a banda gañadora das cinco que compiten na XI edición do premio Narf da Deputación da Coruña. O xurado reunido hoxe na Coruña, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, no que tamén participou a música Su Garrido Pombo, gañadora da edición anterior, escolleu as cinco bandas finalistas entre os 24 presentadas.
Catro candidaturas galegas compiten como finalistas das cinco categorías dos Premios Nacionais de Artesanía. Nesta 12ª edición dos galardóns foron seleccionados como finalistas tres obradoiros galegos: Eferro (Vila de Cruces), Ojea Studio (Vigo) e Anaquiños de Papel (A Coruña). Ademais, a Fundación Artesanía de Galicia, aspira a gañar na categoría de Premio Promociona para Entidades Públicas, na que foi galardoada en dúas ocasións anteriores. Os Premios Nacionais de Artesanía son convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de recoñecer as traxectorias e actuacións máis destacadas no eido da artesanía contemporánea.
A USC e Afundación, Obra Social de Abanca, organizan o proxecto expositivo ‘O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)’, un percorrido pola vida e a obra do recoñecido compositor galego Andrés Gaos neste ano 2019, denominado ‘Ano Gaos’ no que se cumpren 60 anos do seu falecemento. Os comisarios e profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Montserrat Capelán e Javier Garbayo, e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, presentaron este martes en rolda de prensa os detalles da mostra. A exposición poderase visitar ata o vindeiro 14 de decembro na Sede Afundación da Coruña.
O vindeiro venres 11 todas as persoas que de decidan achegarse ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza 'Despois das ondas', baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares. Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia.
Foi presentado no Pazo de San Roque (Santiago de Compostela) o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Ao acto asistiron o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos próximos meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.
O centro museístico porá en marcha a segunda edición de Museo en familia, un programa de actividades que presta especial atención aos máis pequenos da casa así como aos seu contorno familiar. Neste sentido, ao longo deste trimestre conxugarase unha oferta cultural na que contacontos e artistas ofrecerán unha alternativa, musical e didáctica para os seráns. A iniciativa acollerá as actuacións musicais de Magín Blanco, Coralie Yap Chine, Mielitza, Rafa Fernández e Rosalía Cid e Juanma Varela; as sesións de contacontos O Paroleiro e Camiño de contos, e obradoiros sobre froitas e verduras, cómics ou monicreques. Tamén se realizarán percorridos guiados polo museo con contacontos e o espectáculo familiar de Xarope Tulú, Estrafalaria.
In Landscape Mode reflexiona acerca da distancia que as persoas adoitamos tomar fronte ao territorio que habitamos. O artista fálanos da paisaxe actual desde a escultura e a instalación, visibilizando escenarios ou non-lugares que chegamos a ocultar como sociedade, e convídanos a reflexionar sobre unha paisaxe en tensión, ao ilustrar o desapego e a violencia ao que se ve sometida esta pola acción humana. Finalmente, Villamide ironiza sobre as tendencias artificiais de encontro coa natureza na procura, en moitas ocasións, da mellor instantánea. O que agocha o gozo da vivencia mesma. Cunha linguaxe plástica e visual multidisciplinar, o artista evoca e provoca, nunha perfecta simbiose entre ética e estética.
Foi presentado na Coruña o catálogo de produtos da marca Artesanía de Galicia co que se pretende dar un novo pulo á promoción das pezas artesanais como elementos da vida diaria, tanto no ámbito do interiorismo e decoración como no da xoiaría, moda e complementos. A publicación, de 55 páxinas, caracterízase polo seu deseño e unha coidada maquetación, e outorga unha especial relevancia ás fotografías, que amosan escenas cotiás nas que a artesanía galega é a protagonista das imaxes. Ofrécese unha imaxe contemporánea do sector artesán galego, mesturando tradición e modernidade. Búscase amosar a heteroxeneidade do sector e poñer en valor a incorporación da artesanía no día a día.
« Anterior | 92  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

O martes 23 de abril, con motivo do Día do Libro, o MARCO súmase un ano máis á experiencia de Bookcrossing compartida con outras 54 bibliotecas de museos e centros de arte, na que se liberarán volumes relacionados con diferentes disciplinas procedentes dos fondos das súas respectivas bibliotecas. A solta de libros iniciarase a partir das 12.00 fronte á fachada principal na rúa Príncipe, e outros puntos da cidade.
Hércules de Ediciones únese ás homenaxes ao escritor Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas, a fin de contribuír a preservar a riqueza do seu legado intelectual. Así, a editorial publicou “Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios” (Hércules de Ediciones, 2019), unha obra dirixida principalmente a escolares, pero que pretende achegar a súa figura a calquera persoa interesada, de xeito didáctico e buscando integrar a súa vida e obra.
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) veñen de tirar do prelo Pondaliana, un libro disco que contén quince poemas musicados dun dos grandes escritores da literatura galega, Eduardo Pondal. O cedé, ilustrado por Leandro Lamas, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicos coordinados polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio, impulsora do proxecto.
O nome escollido é: 'O método Morris' e ao longo de dúas horas, o actor tentará desentrañar os segredos do que el mesmo chama “actuación autodidacta”, unha forma totalmente orixinal e xenuína de involucrarse en cada personaxe ata facelo seu, creado tras máis de tres décadas vinculado á interpretación. Ademais, tamén falará das experiencias que viviu dende dentro do audiovisual galego así como da súa evolución como actor.
O xornalista José Javier López Fraiz é o gañador do XXIX Premio de Periodismo 'Xosé Aurelio Carracedo' que convoca anualmente a Deputación de Ourense. O xurado, reunido hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel", ditaminou outorgar o galardón á súa serie de artigos publicados no xornal Faro de Vigo ao longo de 2018, un traballo cualificado como "rompedor" co xornalismo clásico, "tratando de igual a igual a escrita literaria e informativa nun equilibrio perfecto".
A poesía regresa o vindeiro luns ao centro Ágora da Coruña. O ciclo Poetas Di(n)versos, a única proposta estable de recitais con continuidade en España, retoma a súa actividade na primavera con tres recitais nos que participarán voces chegadas de Galicia, Alemaña, Estados Unidos e Nova Zelandia. A directora de Poetas Di(n)versos, a dinamizadora cultural Yolanda Castaño, foi quen deu a coñecer o programa.
A artista pontevedresa Cora Velasco presenta este xoves en Lugo o seu último traballo 'Sortilegios’', un álbum no que a artista achega a súa faciana máis íntima e persoal ao tempo que denota máis madurez que nas dúas entregas anteriores. Despois de catro anos de carreira musical, máis de 200 concertos, tanto en Galicia como alén das súas fronteiras, dúas xiras por dez países de Europa e tres traballos editados, Cora Velasco reaparece cunha nova proposta.
Os premios convocados están distribuídos en catro categorías: actuacións realizadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas galegas; actuacións realizadas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago; actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou pemes; e iniciativas de carácter académico, investigador ou educativo.
O 17º Ribeira Sacra mestura a música de artistas internacionais coa promoción patrimonial, natural, vitivinícola e gastronómica dos establecementos da zona. A programación inclúe concertos no Parador de Monforte, no Miradoiro de Santiorxo, na Praza de España de Chantada, no Catamarán de Doade, nas Adegas Regina Viarium, Vía Romana e Algueira, e na Reitoral de Gundivós. Nas próximas semanas iranse dando a coñecer máis novidades.
Tivo lugar a entrega dos III Premios de Investigación Audiovisual María Luz Morales. Durante o acto, que tivo lugar dentro da programación da ICC Week de Ourense, participaron representantes das catro Deputacións galegas, así como os premiados e membros do xurado. A Academia Galega do Audiovisual busca con estes premios dotar dun marco teórico e investigador ao ámbito audiovisual galego.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES