
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou esta mañá na Coruña o catálogo de produtos da marca Artesanía de Galicia co que se pretende dar un novo pulo á promoción das pezas artesanais como elementos da vida diaria, tanto no ámbito do interiorismo e decoración como no da xoiaría, moda e complementos. O acto tivo lugar no espazo de D-Raíz -obradoiro inscrito no rexistro de Artesanía de Galicia-.
A publicación, de 55 páxinas, caracterízase polo seu deseño e unha coidada maquetación, e outorga unha especial relevancia ás fotografías, que amosan escenas cotiás nas que a artesanía galega é a protagonista das imaxes. Ofrécese unha imaxe contemporánea do sector artesán galego, mesturando tradición e modernidade. Búscase amosar a heteroxeneidade do sector e poñer en valor a incorporación da artesanía no día a día, ocupando protagonismo nos fogares, na hostalería e na imaxe persoal, xa que o seu uso outorga personalidade, un toque de exclusividade e autenticidade.
A edición deste catálogo, que se distribuirá en tendas, locais de hostalería, revistas especializadas e outros puntos de interese, ademais das feiras internacionais nas que participa a marca, e enmárcase nas diferentes actuacións de promoción que vén desenvolvendo Artesanía de Galicia para dar a coñecer o sector e destacar a calidade, deseño e exclusividade dos produtos artesáns. A súa versión dixital pódese descargar na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.
As pezas que aparecen neste catálogo como mostra do sector artesán foron feitas e deseñadas por un total de 66 obradoiros. Estes artesáns representan oficios como a marroquinería, a olería e a cerámica, a forxa, a cestería contemporánea, o téxtil, o encaixe ou a tornería de madeira. Ademais inclúese tamén a elaboración de redes ou pezas de miga de pan, colares, coitelos, a xoiería, o calzado, a pintura téxtil, os bonecos e xoguetes e os instrumentos musicais, así como a elaboración de bicicletas e táboas de surf, cadros e lámpadas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.