
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación da mostra In Landscape Mode do destacado artista lucense, Christian Villamide. A nova proposta expositiva do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), comisariada por Paula Cabaleiro, suscita a reflexión sobre a construción da paisaxe e os seus efectos a través de trece pezas que configuran diferentes instalacións como son Mont Ventoux, Parterres, PERturbacións e Inhumación.
Esta exposición, tal e como precisou o director xeral de Políticas Culturais, é un paso máis no equilibrio entre a forma e o fondo na traxectoria plástica de Christian Villamide á hora de dar resposta ás dúas grandes inquietudes presentes ao longo da traxectoria do lucense: o individuo e as súas problemáticas e a paisaxe e as súas alteracións. Trátase ‒explicou o director‒ dunha chamada de atención sobre o necesario espertar da conciencia ecolóxica perante a situación do medio ambiente natural e o ambiente construído e tamén dun convite á autocrítica respecto das nosas actitudes e accións propias perante a natureza.
As persoas e o territorio: desapego e violencia
In Landscape Mode reflexiona acerca da distancia que as persoas adoitamos tomar fronte ao territorio que habitamos. O artista fálanos da paisaxe actual desde a escultura e a instalación, visibilizando escenarios ou non-lugares que chegamos a ocultar como sociedade, e convídanos a reflexionar sobre unha paisaxe en tensión, ao ilustrar o desapego e a violencia ao que se ve sometida esta pola acción humana. Finalmente, Villamide ironiza sobre as tendencias artificiais de encontro coa natureza na procura, en moitas ocasións, da mellor instantánea. O que agocha o gozo da vivencia mesma.
Cunha linguaxe plástica e visual multidisciplinar, o artista evoca e provoca, nunha perfecta simbiose entre ética e estética, nesa acción de contemplar, tan propia do Romanticismo, na procura do sublime, pero desde un punto de vista analítico e partindo desas derivas case situacionistas, nas que camiñar, como práctica estética, xa constitúe unha forma de construír paisaxe.
A mostra abrirá hoxe, as 20,00 horas, e poderá visitarse até o 12 de xaneiro, en horario de 11,00 a 20,00 horas. Previamente, ás 19,00 horas terá lugar un encontro co artista no que participará a comisaria da mostra, Paula Cabaleiro e a continuación ofrecerase unha performance, Tal vez... en verde, completada por Chistian Villamide e o músico Abraham Cupeiro.
Un referente da arte galega actual
Christian Villamide nace en Lugo en 1966 e comeza a formarse na Escola de Artes Plásticas da súa cidade en 1985, aínda que a meirande parte da súa formación é declaradamente autodidacta. Entre as mostras individuais máis recentes de Villamide destacan A paisaxe contra a parede (Museo Provincial de Lugo, 2016), Topografías (Galería Luisa Pita, Santiago de Compostela, 2018), Hortus conclusus (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2018) e PERturbacións (CAB, Burgos, 2019).
A súa obra foi presentada en diversas de mostras colectivas, bienais e feiras. Entre outras, a feira Art Madrid (2018), a II Bienal de Canarias, Arte Paisaje y Arquitectura (2009) ou a exposición Foron novísimos (Ferrol, 2003). Recibiu, así mesmo, varios premios e bolsas de creación e participou en diversos programas de residencia artística en diferentes lugares de España. As pezas e creacións de Villamide están presentes en multitude de coleccións de entidades públicas e privadas.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.