
Hércules de Ediciones únese ás homenaxes ao escritor Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas, a fin de contribuír a preservar a riqueza do seu legado intelectual. Así, a editorial publicou Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios (Hércules de Ediciones, 2019), unha obra dirixida principalmente a escolares, pero que pretende achegar a súa figura a calquera persoa interesada, de xeito didáctico e buscando integrar a súa vida e obra.
Baixo a coordinación de Charo Baleirón Sóñora, este libro recolle varias rutas literarias a través de vilas e lugares que marcaron a vida de Antonio Fraguas combinando paradas en puntos clave con datos biográficos, anécdotas e textos literarios.
Nas últimas páxinas, inclúe tamén unha proposta de actividades para facer con nenos e nenas de infantil ata bacharelato en torno a este singular escritor nacido en Cotobade. Para que a lectura sexa dinámica e interactiva os textos das rutas compleméntanse con imaxes evocadoras e códigos QR que levan a puntos de interese en mapas ou sitios web onde o lector pode atopar máis información sobre o tema que está a ser tratado.
Con este libro, Hércules de Ediciones comeza a súa colección de Unidades didácticas das Letras Galegas, a través da cal cada ano dedicará unha publicación ao protagonista homenaxeado nesta efeméride.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.