Noticias

A Fundación Blanco Amor conmemora o XL aniversario do pasamento do escritor

A Fundación "Eduardo Blanco Amor" conmemora o XL aniversario do pasamento do autor de A Esmorga cun amplo programa de actividades que inclúe o fallo do XXXVIII Premio de novela longa, a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, unha exposición e unha mesa redonda. A presentación das actividades tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial d Ourense, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense e presidente da Fundación, Manuel Baltar; o director da fundación, Luis González Tosar; e a padroa da fundación, Maribel Outeiriño. A fundación vai a propoñer un evento literario de ámbito internacional, evento que o presidente da Deputación de Ourense confirmou que será unha realidade en 2020.

O presidente do goberno provincial dixo que con estas actividades -que se desenvolverán entre os meses e novembro e decembro- "a fundación quere continuar a homenaxear a un dos xigantes das nosas letras, lembrando a súa personalidade, traxectoria, o seu compromiso e a súa obra, poñendo o foco en Blanco Amor como referente literario e tamén no ámbito persoal; un dos grandes da ourensanía", dixo. Manuel Baltar expresou que esta é "unha lembranza de Blanco Amor corenta anos despois da súa desaparición física, que non intelectual, xa que o noso labor como fundación é contribuír a axigantar aínda máis a súa figura, de maneira permanente".

A Fundación Blanco Amor, "unha das máis recentes en canto a fundacións de autor, de escritores relevantes na literatura galega e española", sinalou Luis González Tosar, e naceu coa misión de "reparar o silencio que existía ao redor da figura de Blanco Amor e poñela no lugar que lle corresponde", explicou, lembrando que "moi poucas cidades teñen a sorte de contar cunha figura literaria que as eleve á alta categoría intelectual das letras, como é o caso de Blanco Amor con Ourense", e afirmou que o autor de A Esmorga foi "un escritor incómodo en todos os aspectos: social, político e literario".

Ademais, Luis González Tosar avanzou que a fundación vai a propoñer un evento literario de ámbito internacional, "porque Blanco Amor é patrimonio da literatura con maiúsculas, un referente para moitos críticos, estudosos e escritores", evento que o presidente da Deputación de Ourense confirmou que será unha realidade en 2020, "ano en que Ourense conmemorará os cen anos do primeiro número da revista Nós, un ano netamente ourensán", remarcou Baltar.

Programa de actividades

As actividades comezarán o 23 de novembro, ás 13.00 horas, co fallo da XXXVIII edición do Premio de novela longa "Eduardo Blanco Amor", convocado pola Deputación de Ourense e a fundación. Posteriormente, o día 29 de novembro, ás 12.00 horas, celebrarase a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, na que participarán o Centro PEN Galicia, o IES Eduardo Blanco Amor, a Fundación "Eduardo Blanco Amor", a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia.

O 30 de novembro, ás 12.00 horas, as actividades trasladaranse ao centro cultural "Marcos Valcárcel", onde terá lugar a inauguración da exposición "Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor. Debuxos de Siro e mostra bibliográfica de Carlos Laiño". Maribel Outeiriño agradeceu a Siro que prestase os seus debuxos para a exposición e os doase á fundación, ao igual que a Carlos Laiño porque "o seu traballo de recompilación revalorízase co seu xesto xeneroso de doalo á fundación", destacando a colección bibliográfica de Laiño como "a máis importante que hai sobre Blanco Amor". Ademais, da exposición, ese mesmo día, ás 20.30 horas, o Liceo de Ourense acollerá a cea literaria de entrega do XXXVIII premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.

O 12 de decembro, ás 19.00 horas, celebrarase no centro cultural "Marcos Valcárcel" unha mesa redonda baixo o título "Eduardo Blanco Amor 40 anos despois". E, como peche das actividades, o 16 de decembro, ás 12.00 horas, terá lugar a presentación do catálogo e o peche da exposición no centro cultural "Marcos Valcárcel".

, 2019-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES