Noticias

Máis dunha vintena de actividades para conmemorar o Día da Biblioteca, o 24 de outubro

Máis dunha vintena de actividades están programadas esta semana para celebrar o Día da Biblioteca, entre as que destacan obradoiros, visitas guiadas, contacontos e exposicións en Santiago de Compostela, Ourense, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Vigo co obxectivo de celebrar o Día da Biblioteca, unha data que, como cada ano, terá lugar o 24 de outubro. No caso da Biblioteca de Galicia cómpre salientar a mostra Querida Biblioteca, na que se difundirá o valor estético e documental das tarxetas postais, un material do que se custodian neste centro da Cidade da Cultura máis de 3.000 exemplares, moitos deles impresos antes do ano 1958, data de entrada en vigor da normativa de depósito legal. Trátase dunha exposición que se inaugurará o xoves e que contará con catro seccións, unha por cada provincia galega.

Ademais desta exposición, a Biblioteca de Galicia completará a programación para a conmemoración desta data cunha visita guiada polas instalacións que terá lugar o xoves, ás 12,00 horas, e co agasallo de libros en galego para todos os tramos de idade.

Na Biblioteca Pública Ánxel Casal da capital galega, celebrarase no salón de actos un obradoiro de iniciación á maxia, que culminará cunha gala final na que a rapazada poderá demostrar todo o aprendido. Esta gala terá lugar o sábado 26, ás 12,00 horas, e o acceso ao publico é gratuíto ata completar a capacidade da sala. Ademais, o xoves, coincidindo coa celebración do Día da Biblioteca, está prevista unha visita guiada (12,00 horas), a entrega de lotes de libros aos usuarios adultos e infantís que levaron o maior número de títulos en préstamo ao longo de todo o ano e o espectáculo familiar Fantasía musical (18,30 horas), no que se creará unha peza musical para cada letra do abecedario.

Os actos deseñados para esta conmemoración tamén terán lugar na Biblioteca Pública Miguel González Garcés onde o xoves, entre as 12,00 e as 17,00 horas, se celebrará unha xornada de portas abertas e, ás 18,30 horas, haberá un obradoiro de escritura creativa a cargo de Chus Molina. Ademais, todos os usuarios que durante o xoves leven en préstamo algún documento ou se fagan un carné recibirán un premio. A programación continuará o sábado, ás 12,00 horas, co contacontos O ratiño presumido.

No caso de Vigo, o Día da Biblioteca celebrarase no centro Juan Compañel onde o xoves haberá dúas visitas guiadas (12,30 e 18,00 horas) e o contacontos Ohhhhh! Os contos de Candelaria, a bibliotecaria, que terá lugar ás 18,00 horas. Para completar a axenda de actos, a biblioteca acollerá o sábado un obradoiro de inglés baseado na celebración do Halloween (12,00 h.) e as mostras bibliográficas Bibliotecas: núcleos de transformación e Pregoeiras e pregoeiros do Día da Biblioteca.

En Ourense, pola súa banda, a programación conta cun concurso literario e fotográfico, un contacontos para bebés e o sorteo dunha invitación dobre para asistir á inauguración das novas instalacións entre aqueles usuarios que fagan algún préstamo durante a xornada do xoves. Ademais, todos os usuarios que recollan un libro durante ese día recibirán un agasallo.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra conmemorará este día cunha sesión de contos e co VI Certame de relato curto. A sesión de contos correrá a cargo de Bea Campos e terá lugar o venres (18,00 horas). En relación ao concurso literario cómpre destacar que este ano o tema dos relatos é a igualdade de xénero e os tres premiados serán expostos no segundo andar da biblioteca.

En Lugo, a biblioteca acollerá a representación teatral infantil Zapatos na que se narran todas as historias que levan dentro os zapatos e que xa non teñen dono. Haberá dous pases o venres 25, un ás 18,00 horas e outro unha hora despois. Esta obra teatral está dirixida a bebés de 0 a 4 anos e para asistir é preciso inscribirse previamente na sala infantil da biblioteca.

R., 2019-10-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES