Noticias

O Salón Teatro acolle a estrea da versión en galego do espectáculo 'Desde o invisible'

A compañía La Quintana Teatro traerá esta semana a Santiago de Compostela Desde o invisible, a súa primeira e aplaudida produción, gañadora do premio Max a mellor espectáculo revelación en 2008 e que se representa agora en versión galega con tradución a cargo de Santiago Cortegoso. O Salón Teatro acollerá a montaxe de xoves a domingo con catro funcións para público xeral e dúas destinadas a escolares. Dirixida por Rolando San Martín a partir da dramaturxia de Irma Correa e Rubén Tejerina, Desde o invisible amosa situacións cotiás que non sempre son consideradas nin están en primeiro plano da actualidade social. A peza descubre distintas perspectivas dunha mesma realidade, o que fai que o espectador reformule o concepto do que é ser normal.

Dúas actrices interpretan máis de dez personaxes nun quebracabezas de vidas moi descoñecidas para moitos de nós, pero que tentan ser felices como o resto do mundo. Esther Aja, Nacho Martín e Victoria Teijeiro compoñen un elenco que se move na escenografía ideada por Alicia de Miguel e Ikerne Jiménez. A potencia do espectáculo reside no seu contido social tanto como na posta en escena, cunha estética sinxela que non fai concesións ao artificio nin ao sentimentalismo.

A primeira das funcións no escenario do Centro Dramático Galego (CDG) será o xoves (20,30 h.) e incluirá un coloquio co equipo da compañía ao seu remate. O venres haberá dous pases matinais para escolares e, xa pola tarde, retomaranse os de público xeral, que se estenderán ao sábado e ao domingo (Día do Espectador, ás 18,00 h.). As localidades están xa á venda no web entradas.abanca.com e tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes nos días de apertura desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

A estadía de La Quintana no Salón Teatro complétase coa proxección da película A gran voda 2.0, realizada pola asociación de teatro inclusivo La Quinta del Arte. Rodado na madrileña praza de Lavapiés, o filme é unha falsa voda entre dúas persoas con discapacidade e nel participaron máis de 80 actores con e sen diversidade funcional (afeccionados e profesionais). Poderá verse o sábado ás 18,00 h., con entrada gratuíta.

R., 2019-10-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES