Noticias

A Xunta de Galicia presenta a folla de ruta do Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu no Parlamento acompañado do seu equipo para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2020, un ano decisivo na preparación do Xacobeo 21, obxectivo no que a Xunta investirá 82 millóns de euros. Dáse así un impulso decisivo á planificación do Ano Santo, que se está a levar a cabo con máis antelación que nunca para permitir que se faga sentir en toda Galicia. Román Rodríguez sinalou que Cultura e Turismo disporá dun orzamento de máis de 157 millóns de euros, o que supón un crecemento de case o 9%, converténdose na consellería con maior crecemento porcentual.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento acompañado do seu equipo para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2020, un ano decisivo na preparación do Xacobeo 21, obxectivo no que a Xunta investirá 82 millóns de euros. Dáse así un impulso decisivo á planificación do Ano Santo, que se está a levar a cabo con máis antelación que nunca para permitir que se faga sentir en toda Galicia. Román Rodríguez sinalou que Cultura e Turismo disporá dun orzamento de máis de 157 millóns de euros, o que supón un crecemento de case o 9%, converténdose na consellería con maior crecemento porcentual.
t
“Esta subida fala do compromiso da Xunta coa cultura e o turismo do país, parte fundamental do noso presente e do noso futuro, en liña co enorme reto ao que nos enfrontamos: o Xacobeo 21”, subliñou.

“Son uns orzamento coherentes”, resumiu o conselleiro. “Coherentes -afirmou- co traballo que levamos feito desde a creación hai apenas un ano desta consellería. E coherentes cos nosos sectores e industrias culturais e co noso traballo para consolidar un modelo turístico propio”. Nesta liña, enmarcou a aposta do Goberno galego “por poñer en valor, en todo o mundo, o Camiño de Santiago, e con el a Galicia enteira, dando forma a un Xacobeo extraordinario que defina a Galicia da próxima década”.

Albergues, restauración e sinalización

O titular de Cultura e Turismo da Xunta detallou os orzamentos das distintas áreas da conselleira, pero antes resumiu as contas do Executivo autonómico para o Ano Santo, que cumpren co establecido no Plan Estratéxico do Xacobeo 21 presentado o pasado verán baixo tres principios: sustentabilidade, participación e descentralización.

Así, dos 82 millóns previstos para o próximo exercicio, 62 proceden de Cultura e Turismo e os 20 restantes distribúense entre distintas consellerías, enriquecéndose ademais coas achegas da sociedade civil a través do programa de patrocinios e á espera dun plan, ben definido e calendarizado, por parte do Goberno central.

“É un orzamento que non se destinará unicamente a actuacións en Santiago de Compostela nin só aos concellos polos que pasa o Camiño -declarou o conselleiro-, senón que se estenderá a todas as cidades e pobos da nosa Comunidade”.

Entre os principais plans, enumerou o Plan de Mantemento dos Camiños, con 3,7M€; o Plan de Embelecemento, con 1,2M€; o Plan de Albergues, que ascende a 8M€; o Plan de Sinalización, que en 2020 se corresponde co Camiño de Inverno, con 3M€; o Plan de BICS, con 4M€, ou a finalización do proxecto do Monte do Gozo, entre outros.

10 millóns para a programación

Román Rodríguez adiantou que a Xunta está traballando no deseño da programación do Xacobeo 21, que contará con 10 millóns de euros en 2020 e será presentada a finais de ano e que chegará a toda a Comunidade. Así mesmo, puxo en valor o éxito da primeira edición de O teu Xacobeo, o programa autonómico de 4,7M€ “co que todos os galegos están definindo un Xacobeo á súa medida” e que terá unha segunda edición.

Referiuse, igualmente, ás actividades de promoción, cun valor de 4 millóns de euros; ou a proxectos novidosos como a produción audiovisual 3 Camiños. Medidas todas que, como apuntou, “reverten directamente na mellora da competitividade e na modernización do noso tecido turístico e cultural” e xeran sinerxías entre ambos.

Analizadas as partidas dedicadas ao Xacobeo 21, o conselleiro fixo unha valoración global dos orzamentos do seu departamento, nos que medran todos os capítulos. A este respecto, reflexionou sobre a capacidade investidora da Consellería de Cultura e Turismo, “cuxo maior esforzo orzamentario vai ao tecido produtivo, xerando oportunidades e riqueza directamente no peto dos galegos e das galegas”.

Equipos de dinamización lingüística

Na súa análise por unidades, Román Rodríguez resaltou o incremento do 5,3% dos fondos cos que contarán en 2020 as políticas lingüísticas, “unha parte fundamental da nosa identidade como pobo e unha ferramenta de integración e convivencia”.

Como explicou, o incremento destinarase a fomentar un maior uso do galego nos ámbitos familiar, de lecer e socioeconómico. Así, dará respaldo ao Plan de Dinamización da Lingua na Mocidade, presentado este ano na Cámara, e potenciará sectores como o editorial e libreiro. Do mesmo xeito, veranse melloradas as partidas para investigación de bolseiros no Centro Ramón Piñeiro (un 17%) ou a colaboración coa Real Academia Galega (un 7,4%). Os recursos para os equipos de dinamización lingüística nos centros educativos tamén saen reforzados con un 11% máis de fondos. Ademais, haberá máis lectorados e porase en marcha o Celga 2 en liña, co que se completará todo o plan de formación Celga en liña do Goberno autonómico.

Apoio ao libro galego e aos museos

A aposta pola cultura é outro dos elementos definitorios das contas da consellería para 2020, toda vez que expande o seu crecemento un 5,4% nesta partida para poñer en marcha e desenvolver a Estratexia da Cultura Galega. “Trátase dunha folla de ruta para fortalecer a industria cultural; asegurar os servizos públicos básicos como bibliotecas, museos ou arquivos; estender a produción e a distribución da cultura de base, e crear canles estables para unha maior colaboración entre os promotores”, resumiu.

Entre outras melloras, puxo en valor as transferencias ao Consorcio de Santiago ou as axudas para equipamentos de concellos e entidades sen ánimo de lucro, así como o aumento en materia de fomento de actividades en arquivos e museos, “unha suba que -recordou- prepara o camiño para a aplicación da nova Lei de Museos”, que entra na súa fase final de tramitación. No ámbito da lectura, Román Rodríguez puxo tamén en valor que o apoio ao libro galego medra un 5%, ao igual que as feiras internacionais.

Coidado do noso patrimonio

O conselleiro debullou tamén as partidas dirixidas ao patrimonio cultural, con máis de 16M€ para traballar nos eidos da conservación e a rehabilitación. Entre as actuacións que se iniciarán atópanse algunhas tan destacadas como a igrexa de San Pedro en Lugo, con 800.000 euros; Santa María a Maior en Pontevedra, o Convento de Herbón, a Catedral de Ourense, as igrexas de Angustias e Dores en Ferrol, a Capela da illa de Cortegada ou a igrexa de San Vicente, en Pantón, entre outros proxectos previstos.

O conselleiro detívose especialmente no estado das obras de restauración da Catedral de Santiago, que encaran a recta final ante a inminencia do Xacobeo 21. Román Rodríguez anunciou que a Xunta investirá case 800.000 euros, necesarios para rematar proxectos en marcha e garantir así que as obras estean finalizadas o próximo ano. Na súa comparecencia, fixo balance do estado dos traballos, froito do investimento de 17M€ comprometidos en 2014 polo Goberno de Mariano Rajoy. En concreto, o 80% está xa rematado ou en execución e o 10% restante está en proceso de licitación.

Así mesmo, seguirán os traballos nas candidaturas a Patrimonio Mundial da Unesco: Ribeira Sacra, Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas e o Ferrol da Ilustración.

Potenciación do turismo interno

No ámbito específico do turismo, Román Rodríguez sinalou que a Axencia Turismo de Galicia verá incrementado o seu orzamento nun 15%, o que dará cobertura económica suficiente “para traballar por un turismo de calidade e innovador” e desenvolver os plans e programas do Xacobeo 21, que están vencellados e integrados na axencia.

De xeito específico, referiuse a iniciativas como o Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, que agora se estenderá tamén a establecementos de restauración, e o apoio ao propio sector e aos concellos e xeodestinos, ademais da promoción nacional e internacional para seguir abrindo novos mercados emisores.

Xunto ao investimento no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), de 1,5M€ e fondos específicos para convertelo nun polo de innovación, avanzou diversas novidades para Sinte Galicia, o programa de estadías que se estreará en 2020 para potenciar o turismo interno, propiciando que mozos, familias e maiores coñezan mellor as distintas provincias galegas. “Será financiado con 800.000 euros na súa posta en marcha, abrindo máis de 6.000 prazas”, comentou o conselleiro Román Rodríguez.

Festivais e coprodución minoritaria

No que respecta á Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), expuxo que manterá as súas principais liñas de actuación, entre as que citou a dotación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a Rede Galega de Música ao Vivo, así como o apoio ao desenvolvemento e á produción do sector audiovisual. A Xunta potenciará as axudas ao talento de novos creadores ou a internacionalización das empresas.

Os festivais verán tamén reforzado o seu apoio por parte do Goberno autonómico, tanto a través das axudas en concorrencia competitiva como da plataforma Fest Galicia, que aposta por valores como a igualdade ou a sustentabilidade. En conxunto, superarán os 500.000 euros para seguir consolidando o sector e impulsar Galicia como destino musical.

Unha das novidades da Agadic en 2020 serán as axudas á coprodución minoritaria, unha iniciativa pioneira en todo o Estado para facilitar que as empresas galegas poidan participar en grandes producións e fomentar así a súa internacionalización.

Tamén no apartado de artes escénicas a Xunta aumentará as axudas á creación ata os 800.000 euros e renovará o seu compromiso co proxecto Camiño Escena Norte, propiciando a circulación de compañías galegas por Asturias, Cantabria e País Vasco.

Culminación da Cidade da Cultura

O conselleiro pechou a súa intervención coa Cidade da Cultura, que se está convertendo “nunha infraestrutura cultural de primeira orde, humanizada e integrada na sociedade e perfectamente comunicada”. Tras lembrar que traballan xa nela 700 persoas e reúnen nos seus eventos a 170.000 persoas cada ano, celebrou que este proxecto rematará en 2020 coa culminación do Edificio Fontán, con 5,7M€ de investimento e a achega de 2,4 de fondos do Estado a través do CSIC. Entre outras dotacións, acollerá o CEIPAC, un centro de investigación referencial en España no estudo da paisaxe e dos itinerarios culturais, que se converterá nun observatorio permanente do Camiño de Santiago.

R., 2019-10-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Notas

O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES