//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Un dos eixos centrais será a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida, coa que a Xunta arrancará a programación o vindeiro 9 de xuño e dará cumprimento ao desexo expreso da propia autora que, en maio de 2016 fixo unha doazón da súa biblioteca e arquivo á Biblioteca de Galicia e ao Arquivo de Galicia. A estes fondos sumaranse achegas de persoas próximas á autora, doutras bibliotecas e arquivos, e a documentación audiovisual sobre a súa figura. Está comisariada por Olivia Rodríguez e estruturada en 10 áreas temáticas a través das que se fai un percorrido pola súa vida, obra e contribución á cultura e pensamento. Poderá verse na Biblioteca de Galicia ata o 17 de outubro.
A mostra itinerante 'Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño' recala na Cidade da Cultura como última parada do seu percorrido pola xeografía galega. A exposición reúne dez traballos de fotografía e vídeo de artistas actuais, tanto galegos como de fóra do país, que presentan unha nova ollada audaz e orixinal sobre a Ruta Xacobea. Seis grandes contedores de barco transformados en salas de proxección albergan as propostas artísticas que dan forma a un itinerario de múltiples caras no que ten cabida a paisaxe e o territorio, a historia, a vertente espiritual pero tamén as emocións da experiencia do Camiño.
O Centro Dramático Galego (CDG) pon en marcha tres novas producións para a temporada 2022-2023. Os títulos provisionais das estreas son Recortes, caneos e outras formas de driblar, con Tito Asorey como director; Shakespeare en Roma, con catro equipos de dirección, e Un hotel de primeira sobre o río, que leva a escena o texto de Xohana Torres codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres. A previsión é realizar 110 funcións en total, cun modelo de distribución diferente para cada montaxe, cos obxectivos de chegar á maior cantidade de público posible e de crear novas audiencias.
O espectáculo sobre María Casares Continente María, coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña, chega ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se ofrecerán oito funcións ao longo de dúas semanas. O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura da artista.
Esta 13ª edición ten prevista a proxección de 138 pezas procedentes de 14 países, das que 53 son estreas internacionais e 47 poderán verse por vez primeira en España. O programa tamén inclúe presentacións, live performance, talleres e encontros profesionais coa participación de 53 artistas convidados, ademais de diferentes actividades para o alumnado de sete centros de ensino da Cidade. A presencialidade e a experiencia colectiva recuperan o seu protagonismo este ano, no que haberá unha importante representación do cinema experimental realizado por mulleres.
O Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo anunciou a programación completa da súa 23ª edición que, do 12 ao 17 de maio, ofrecerá un intenso programa con máis de 60 funcións e actividades complementarias arredor do teatro de monicreques. O festival contará cunha importante presenza de compañías galegas na súa programación, coa veterana compañía redondelá Tanxarina á cabeza e protagonizando, así mesmo, a exposición sobre os seus 40 anos de traxectoria. Outras formacións galegas en cartel son Catropés, Cascanueces Títeres, EducaTeatro, Mircromina Títeres, Paporrubio, Títeres Alakrán, Trécola Producións ou Viravolta Títeres.
A produción do Centro Dramático Galego (CDG) 'Ás oito da tarde, cando morren as nais' viaxa esta semana a Portugal, cunha función en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, e outra en Coímbra. A xira portuguesa do espectáculo que leva a escena o texto de AveLina Pérez, con dramaturxia e dirección de Marta Pazos, contará coa presenza do director do CDG, Fran Núñez, que se despraza mañá a Viana do Castelo para presentarlle o sistema de teatro inclusivo a Teatro do Noroeste-Viana do Castelo, interesado na ferramenta.
O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario' organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa en maio coas intervencións do director de teatro e de ópera Jorge Lavelli e do actor e director Josep María Flotats. Ambos mantiveron unha estreita relación con María Casares, tanto no eido profesional como persoal, da que darán testemuño en primeira persoa. Este ciclo prolóngase ata finais de ano en seis xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade á artista homenaxeada.
Variedade de estilos musicais, de escenarios e de localidades, pero sempre baixo os principios da orixinalidade e da calidade das propostas, a 11ª edición de Xacobeo Importa inclúe unha ducia de concertos que se comezaron en febreiro e que se celebrarán ata o mes de outubro na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, en escenarios como o Palacio da Ópera, a Sala Capitol, o Auditorio Mar de Vigo ou o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde rematará en outubro o ciclo. O programa incluíu os concertos de Eagles Of Death Metal e Joan As Police Woman, e contará cos concertos dos ingleses White Lies e de The James Hunter Six en maio.
O Centro Dramático Galego (CDG) inicia a xira da súa última produción Ás oito da tarde, cando morren as nais a vindeira semana en Cee. Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a montaxe leva a escena o texto da creadora escénica AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco. Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.
Os profesionais da xestión cultural fían a cumprimento das boas prácticas a futura celebración de eventos e espectáculos culturais, tal e como se recolle no manual elaborado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) xunto coa Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, que o vindeiro curso ofertará o título de grao en Xestión Cultural.
Trinta e catro palabras foron dabondo para que Álex Gallego Couñago (2010), alumno do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade, se fixese co primeiro premio da categoría infantil do IV Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. A súa historia, titulada 'Saíndo do túnel', foi a mellor valorada entre os máis de 300 contos presentados por nenos e nenas de ata 11 anos.
'Cadáver exquisito' é como se denomina este xogo impulsado polos surrealistas que consiste en crear un texto colaborativo. Ledicia Costas foi a encargada de comezar o relato, co único requisito de que Vigo debía ser o marco no que acontecese a acción. Seguiranlle Pedro Feijoo, María Reimóndez, Domingo Villar, María Xosé Porteiro, Marcos Calveiro, Francisco Castro, Rexina Vega, Manuel Esteban e Inma López Silva.
A abordaxe da cidade de Santiago de Compostela dende múltiples ópticas é o eixo que vertebra os dous libros que a Rede Galabra presentou este martes no Colexio San Xerome. O reitor Antonio López acompañou ao director da Rede e decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Torres Feijó, así como á integrante de Galabra, Marisa del Río, na presentación destes dous volumes titulados 'A cidade, o camiño e nós' e 'Visitar, comerciar e habitar a cidade', que pretenden reflectir como somos, como nos vemos, e como nos ven.
Unha historia de 128 palabras escrita por Paloma de Toro González (Ourense, 1985) é a gañadora do primeiro premio na categoría de adultos do IV Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal entre os case 800 textos de ata 200 palabras presentados. O segundo premio recaeu nun conto de Luca Chao Pérez (Lugo, 1988) e o terceiro, nun relato de María Cabaleiro Alfaya (Tui, 1993).
A partir dun traballo de dramaturxia das páxinas 52 a 88 do texto A casa da forza da escritora, actriz e directora de escena Angélica Liddell, a compañía da Aula de Teatro da USC encargarase de subir o pano da Mostra de Teatro Universitario de Galicia 2021. A representación terá lugar este luns no Teatro Principal de Santiago de Compostela, e servirá de colofón ao trinta aniversario desta compañía teatral. O martes 4 será a quenda da compañía da Aula de Teatro do Campus de Lugo.
Despois do éxito da primeira representación, a XXIII Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, regresou este mércores ao Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria coa obra A casa da forza 2, 52-88, un texto baseado nunha creación literaria da dramaturga catalá Angélica Liddell, premiada na Bienal de Teatro de Venecia no ano 2012.
Interdisciplinario, multicultural e transnacional. Estas son as características do proxecto Narrativas das novas diásporas que analizará, durante dous anos, a literatura de fronteiras do século XXI, desde unha perspectiva innovadora, ao centrarse en dous aspectos fundamentais, que facilitan un labor comparativista: as zonas de conflito e as zonas de confort.
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha, co financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello das Pontes, unha nova edición do programa de formación universitaria específico para os adultos maiores de 50 anos, que se desenvolverá nos meses de abril e maio, no Auditorio Municipal Cine Alovi.
Mes a mes dende que botara a andar a súa 12ª edición o pasado outubro, continúa o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS. Un luns de cada mes do curso, sobre o escenario do Centro Ágora séguense a xuntar as mellores voces poéticas de Galicia e do resto do mundo mesmo con todas as medidas de seguridade anti-Covid. Compensando mediante retransmisións por streaming as restricións de capacidade, o Servizo de Bibliotecas do Concello da Coruña segue a impulsar a poesía na voz dos seus propios autores e autora.