//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Foi presentado o ciclo de concertos Xacobeo Interior, ciclo que terá comezo o venres 1 de xullo cunha programación que levará a música en directo ata vilas de Lugo e Ourense. Contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Guadi Galego, Leilía, Os DAbaixo e Uxía & Javier Ruibal. Mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humor. O Ciclo Xacobeo no Interior é unha aposta pola música en galego e de calidade, pensada para achegar a mellor música galega á veciñanza e camiñantes das comarcas da Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, apoiando promoción das nosas músicas e dos propios entornos rurais atravesados polo Camiño.
Atlántica 2022 contará coa participación de 42 narradores nacionais e internacionais de distintos lugares do mundo como Colombia, Bos Aires, Brasil, Portugal, Romanía, Hungría, Alemaña, Marrocos, Uruguai ou puntos de España (Guipúscoa, Madrid, Valencia, León e Zamora). Están previstas un total de 94 funcións, en concreto nas cidades de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Ferrol, así como nos concellos de Outes, Teo, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Mugardos, Boiro, Dodro, Paderne, Ribeira, Padrón e Zas na provincia da Coruña; Sanxenxo, Campo Lameiro, A Estrada, Cuntis, Pazos de Borbén e Lalín, na de Pontevedra, e Alfoz, Chantada e Mondoñedo, na de Lugo.
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. Baixo o lema 'Actuando nas marxes', a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.
USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo. Os espectáculos desenvolveranse na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño e terraza do auditorio da Universidade, así como no Teatro Principal e no Salón Teatro. Os cursos USCénica comezarán o mesmo día 20, mentres que a primeira das actuacións, a cargo de Paraíso Teatro, desenvolverase na terraza do auditorio da Universidade, o martes 21. Baixo a dirección de Roberto Leal, a compañía interpretará 'Os diarios de Eva e Adán (boleros no paraíso)'.
Foi inaugurada no Gaiás, no Día Internacional dos Arquivos, a exposición 'Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida', unha das actividades principais coas que se celebra o centenario do nacemento dunha das poetas galegas máis destacadas do século XX. A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo do Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 17 de outubro, pretende difundir o legado deixado por Luz Pozo Garza, unha muller polifacética que foi a primeira galega en ser proposta para un Premio Nobel, membro da Real Academia Galega, promotora e directora de revistas literarias e profesora de Lingua e Literatura española no ensino secundario.
Baixo o título 'O museo como escenario', o CGAC acolle unha mostra experimental sobre as artes vivas, a performance e os fenómenos escénicos que poderá visitarse ata o día 2 de outubro. Este proxecto busca converter o museo nun espazo escénico onde os espectadores teñen a posibilidade de experimentar coa arte dun xeito diferente. O museo como escenario incide en como ao longo do século XX a performance entendida como actuación sen escenario ou outros fenómenos como a danza ou as artes visuais son capaces de transformar as salas dun museo.
Galicia sitúase como epicentro do Festival New European Bauhaus, un evento que se celebra en paralelo en varias cidades europeas, e que busca transformar a Unión Europea impulsando un estilo de vida integral e sostible, que sitúe ás persoas no centro e poña á súa disposición recursos multisectoriais (arquitectónicos, paisaxísticos, económicos, culturais, tecnolóxicos) para unha vida mellor, cos profesionais da saúde como prescriptores deste cambio. O Servizo Galego de Saúde, como socio oficial da New European Bauhaus, impulsa este evento na Cidade da Cultura de Galicia, na que se celebrou un forum, e que acollerá diferentes workshops sobre novas tendencias.
O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. Nesta nova xeira de charlas procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos, etc.) correse un maior risco de perda, como é o caso daqueles lugares que están a vivir un forte despoboamento ou a sufrir amplos procesos de transformación do territorio.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) afonda na memoria dos lugares e das súas formas de ocupación coa mostra Nalgures, da australiana Narelle Jubelin. Esta iniciativa procura un achegamento ao contexto galego, coa incorporación de fotografías da catalana Anna Turbau realizadas a finais dos anos 70 e que reflicten o territorio, a memoria e a identidade dunha Galicia en tránsito. A artista inclúe por primeira vez nunha exposición outras creacións artísticas, como as imaxes mencionadas ou pezas descatalogadas de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, algunhas pertencentes ao Laboratorio de Formas.
A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño o Serán03, no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional no maior evento organizado ao redor da pandeireta. Neste III Encontro Galego de Cultura Popular as pandeireteiras serán as grandes protagonistas de tres xornadas cun intenso programa de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, obradoiros e espectáculos para público familiar.
'Son conscientísima de que o utilizar unha lingua minoritaria cérrame portas e de que iso non me fará cambiar de idioma'. Coa lectura destas verbas escritas por Xela Arias en 1988 deu comezo o relatorio co que a profesora Chus Nogueira repasou a traxectoria da autora homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas 2021. A USC sumouse á celebración cun libro no que se reuniu unha serie de estudos, textos e materiais que ilustran distintas facetas da vida e da obra da autora homenaxeada.
A área de Cultura da UDC remata o Mes das Letras co espectáculo poético/musical 'Idioma da tinta', a cargo de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos na sala Cubo do espazo de intervención cultural da UDC. Inquedos dinamizadores culturais ambos os dous desde A Coruña e Vigo, a poeta Yolanda Castaño e o músico e compositor Isaac Garabatos comezaron en 2006 a unir as súas linguaxes creativas en videocreacións e pequenos espectáculos multidisciplinares.
Irene Montero Díaz, con Lúa Nova, é a autora galardoada nesta oitava edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. Así se deu a coñecer no salón de plenos do consistorio ribeirense nun acto que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz e contou tamén coa participación de Fran Alonso, director de Edicións Xerais; da concelleira de Cultura, Maria Sampedro; da propia autora e de varios membros do xurado, entre outos.
A partir dos testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia, o documental percorre a vida e obra da homenaxeada no día das Letras deste ano, deténdose en todas as arestas que fixeron de Xela Arias unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, tradutora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo amplía a súa área expositiva, cuxa fase de renovación se prolongará ata mediados de xuño, coa mostra de ósos e restos faunísticos do banquete mitraico, tal e como se denomina o momento da celebración máis importante da liturxia relixiosa do Deus Mitra e durante o que as persoas que estaban a render culto comían.
A maior satisfacción dunha universidade é ver como as persoas que nela se forman contribúen ao desenvolvemento da sociedade en calquera dos seus ámbitos. Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) foi poeta, tradutora, editora, narradora e profesora; feminista e reivindicativa; urbana e transgresora... e tamén alumna de Filoloxía Hispánica durante varios anos na Universidade de Vigo.
Entre xaneiro de 2015 e xuño de 2020, Xosé Luis Méndez Ferrín publicou no Faro de Vigo 261 textos xornalísticos acubillados na sección No Fondo dos Espellos. Estes escritos efémeros agora están dispoñibles para o público xeral nun libro editado pola Universidade de Vigo. Este volume constitúe un xeito de homenaxear ao escritor e doutor Honoris Causa pola UVigo e de compilar todos estes contidos que publicou cada sábado durante eses cinco anos e medio no xornal vigués.
O Espazo de Cine da Área de Cultura da USC impulsa a creatividade audiovisual da mocidade a través da convocatoria da sexta edición do maratón Findecurta, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo, que se desenvolverá do 4 ao 8 de xuño de 2021. O certame propiamente dito comezará o 4 de xuño cunha sesión informativa que se desenvolverá de xeito telemático, a través da plataforma Zoom.
'Xela Arias: unha voz transgresora, insubmisa, desconforme, defensora radical da independencia. Dende o non privilexio, cuestionou a orde, fuxiu do establecido, interrogou, afastouse do esperado. Poeta fóra das convencións, desobediente, Xela escribiu e viviu por elección'. Con esta apelación preséntase o volume Xela Arias. A literatura e a vida, por elección co que a USC se suma á conmemoración do Día das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias.
Por primeira vez nos 12 anos de historia deste ciclo, o presente trimestre de POETAS DI(N)VERSOS non acolle tres senón catro recitais con autores en galego e do resto do mundo. Máis concretamente, este maio adoito alcumado como mes das letras será o que reciba dúas sesións de lecturas públicas na voz dos seus propios autores/as. Sempre no Auditorio do Centro Ágora, ás 20h e conducidos pola fundadora e coordinadora do proxecto, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.