
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. A Xunta de Galicia renovou un ano máis o seu compromiso coa MIT, da que é unha das principais entidades colaboradoras en virtude dun convenio que lle recoñece ao encontro ribadaviense o seu relevante papel no sistema teatral galego.
Así o expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jacobo Sutil, quen interveu nesta presentación xunto aos representantes da organización e do resto de entidades implicadas. Fixo fincapé, ademais, en que o apoio do Goberno galego a esta mostra insírese no seu programa xeral de dinamización dos festivais galegos de artes escénicas, do que forma parte tamén a convocatoria anual de subvencións, que este ano distribuirá 200.000 euros entre outros eventos considerados estratéxicos no seu ámbito.
Unha edición especial
Sutil subliñou, ademais, o carácter especial desta 38ª entrega da MIT, que volve recibir espectáculos de fóra de Galicia, reforza as súas actividades complementarias e fai gala dun novo mérito que se engade aos moitos que xa posúe o encontro: unha estrutura tan flexible como sólida, capaz de superar as moitas dificultades destes dous últimos anos, sinalou.
Baixo o lema Actuando nas marxes, a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.
Apoio a producións e coproducións
O responsable de Industrias Culturais lembrou que moitos dos títulos galegos que se exhibirán nesta 38ª edición contan con apoio económico da Xunta ben a través da convocatoria anual de axudas á creación escénica, ben a través do programa de coproducións que mantén a través do Centro Dramático Galego.
Neste apartado, puxo o foco na estrea o 21 de xullo de Relato para un incendio, espectáculo de aAntena en coprodución co CDG e a propia MIT, a partir do texto escrito por Ernesto Is no marco da I Bolsa de Dramaturxia e Creación que convocou en 2021 a Xunta de Galicia. En Ribadavia poderán verse, así mesmo, outras montaxes participadas polo Centro Dramático Galego, como Arte sen guión, de Galeatro; A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, ou O péndulo, de Inversa Teatro e tamén coa Mostra Internacional de Teatro como coprodutora.
Ademais de felicitar a organización polo programa deste ano, que inclúe o concerto inaugural de Sheyla Patricia, presentacións de libros e coloquios coas compañías, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais trasladoulle publicamente os seus parabéns ao actor, director teatral e titiriteiro Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, a quen a MIT honra este ano co seu Premio Roberto Vidal Bolaño. Este é, sen dúbida, un ano importante parta el, cando ademais acaba de obter o premio María Casares ao mellor actor pola súa interpretación en Terceiro acto, do CDG, concluíu.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.