Notas de prensa

Xela, poeta nas aulas. Por Ana Iglesias

A maior satisfacción dunha universidade é ver como as persoas que nela se forman contribúen ao desenvolvemento da sociedade en calquera dos seus ámbitos. Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) foi poeta, tradutora, editora, narradora e profesora; feminista e reivindicativa; urbana e transgresora... e tamén alumna de Filoloxía Hispánica durante varios anos na Universidade de Vigo.

Por este motivo, o Día das Letras Galegas 2021, dedicado á autora lucense, ten para esta institución académica un significado especial. En homenaxe a Xela Arias, Ana Iglesias, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, compañeira de facultade da escritora e amiga, fai un repaso pola traxectoria persoal, profesional e literaria dunha “poeta sen xeración” que destacou pola súa “valentía”.

Xela, poeta nas aulas. Por Ana Iglesias

Cando, no curso 1991-92, Xela Arias chegou ás aulas do CUVI (daquela Colexio Universitario de Vigo), a estudar Filoloxía, xa era a poeta urbana e transgresora de Denuncia do equilibrio eTigres coma cabalos, a poeta sen xeración, que se sentía soa moitas veces por esa vontade de facer as cousas ao seu xeito, sen pregarse aos mandados. Porque Xela, como boa autodidacta, soubo aproveitar os contextos privilexiados que a vida lle foi ofrecendo: primeiro, nacer nunha familia galeguista no final da ditadura, cun pai, Valentín Arias, que se atrevía a ser mestre nunha escola innovadora (granxa-escola de Barreiros), familia numerosa da que se empapou de libros, inconformismo e coidados, porque ser a maior de cinco irmáns tamén a converteu na coidadora dos máis pequenos, así como sería despois coidadora das palabras.

Máis tarde, recén acabados os estudos de bacharelato, cando se incorpora ao proxecto de iniciar unha nova editorial en galego (Xerais), da man do seu pai e Xulián Maure, tampouco desaproveita a oportunidade, nin ela, nin a editorial, que sabe darlle voz e escoitar as súas propostas, influíndose, neses anos nos que o galego aínda estaba nos inicios da normalización e era urxente fixar unha normativa e construír unha base de literatura universal no noso idioma, necesidades ambas que Xela perseguía con afán, convencida e implicada. De recepcionista a tradutora, correctora e editora, co típex na man, como conta Celia Torres, meticulosa e perfeccionista. Jorge Amado, Castelo Branco, Gianni Rodari, James Joyce, Baudelaire, Roald Dahl, Bran Stoker… son moitos os autores cos que ela dialogou nesa tarefa de construír un fondo bibliográfico na nosa lingua, tarefa que ela centraba ademais na xuventude, sabedora de que nela reside o futuro.

Porén, ansiosa de retos, decidiu retomar os estudos, con case trinta anos, e entre esas paredes acristaladas e aulas con pingueiras nos días de chuvia, eu tiven a sorte de encontrala e coñecérmonos, xunto con Clara Pino e Mónica Soto, Xela e mais eu. E puidemos compartir momentos fundamentais da súa vida, como foi o nacemento do seu fillo Darío, revulsivo que lle cambiaría a forma de ver o mundo e que tamén expresou en versos (Darío a diario), deixándonos unha visión diferente de ser nai, nun libro que fala da maternidade, pero que abonda con saber amar libremente, sen necesidade de posuír, para entendérmolo.

Así, este ano temos o privilexio de homenaxear polas Letras Galegas a unha muller, a quinta durante 58 anos de celebración, que recibiu a formación regrada na nosa universidade, aprendizaxe que tamén cultivou con ilusión, disposta sempre a sacar o máximo partido, unha muller versátil: poeta, tradutora, editora, narradora, profesora. Unha muller feminista e reivindicativa, loitadora contra as inxustizas, “negra por elección”, que ambicionaba “o equilibrio dos extremos” e que proclama en Intempériome, o seu último poemario, que sairía á luz no mesmo ano que se fixo a escuridade para ela: “A temeridade sálvame de senti-la covardía”. Indignada polos “cormoráns inmensos”, negros de chapapote, berrou Nunca máis! e Non á guerra!, compartindo a súa rebeldía coas súas alumnas, alumnos e seres queridos.

Como último agasallo, a poeta que gustaba de xogar coa gramática, sentíndose con dereito de levala aos límites, dona das palabras, “miñas, de primeira man as palabras que uso”, deixounos un libro de contos (Non te amola!), publicado postumamente, no que demostra que tamén é quen de escribir na pel dela mesma con 9 anos, cunha linguaxe próxima, aínda que sen renunciar nunca ao seu espírito crítico, coa reflexión filosófica que lle era tan característica sempre como fondo, filosofía da rúa, da familia, da educación, da (des)igualdade… Estes contos, escritos co afán de establecer vínculos interxeracionais, a través da cultura e a lingua, completan o seu legado, un legado enorme nunha vida breve, que hoxe nos permite continuar a conversar con ela, nas innúmeras lecturas, nunca iguais, que nos permite a literatura. Grazas, Xela, pola túa valentía, convidándonos contigo ao “espectáculo de non ser para ser de todo”.

*Os fragmentos entre aspas pertencen á obra de Xela Arias Intempériome.

Universidade de Vigo, 2021-05-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES