
Baixo o título 'O museo como escenario', o CGAC acolle unha mostra experimental sobre as artes vivas, a performance e os fenómenos escénicos que poderá visitarse ata o día 2 de outubro.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da mostra, na que estivo acompañado do director do CGAC, Santiago Olmo; do comisario da exposición, Iñaki martínez, e das artistas Rosana Antolí, Berio Molina e Marta Pazos.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou que este proxecto busca converter o museo nun espazo escénico onde os espectadores teñen a posibilidade de experimentar coa arte dun xeito diferente. O museo como escenario incide en como ao longo do século XX a performance entendida como actuación sen escenario ou outros fenómenos como a danza ou as artes visuais son capaces de transformar as salas dun museo.
Así, a partir das propostas de Rosana Antolí, Marta Pazos e Berio Molina, os espazos do CGAC convértense nos próximos meses nun lugar de produción e experimentación onde as instalacións creadas polos artistas para este proxecto funcionan de xeito autónomo, pero tamén poden ser activadas polo espectador.
Obras expostas
Rosana Antolí presenta A charca, que funciona como espazo coreográfico con estrutura dunha ópera clásica é conta a historia ficcionada sobre un paraíso perdido e resistente dentro dunha charca no medio da nada, convidando así a entender a hibridación entre especies.
En Dislocación Berio Molina propón un exercicio de toma de posesión do museo. Durante nove días, habitará as salas do CGAC xunto a Alejandra Pombo e Calís Pato, facendo funcionar as bucinas instaladas na terraza do centro. Os performers (bucineiros) decidirán cando tocalas. Só poderán falar entre eles durante as comidas e terán unha palabra de seguridade por se nalgún momento teñen que saír da acción. Un deles gravará en vídeo indefinidamente, sen pausa, todo o que ocorra. Ao final do día acabará cunhas 18 cintas gravadas (unha por hora) e, tras nove días de acción, editarase unha película que funcionará como resumo de todo o sucedido.
Marta Pazos en Contemplación presenta unha instalación a modo de gran piscina habitada por unha escultura xigante que se ancora á parede e á que se adhiren unha serie de elementos fluídos. A cor xoga un papel fundamental na instalación, o mesmo que o son, para proporcionar esa experiencia de habitar no fondo dun espazo acuático. A instalación será activada coa colaboración dos actores cegos Lola Robles e Miguel Escabias. Na acción tomarán como inspiración o I Ching, o libro oracular chinés que data do 1200 a. C.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.