Noticias

O CGAC afonda na memoria da paisaxe coa mostra ‘Nalgures’ da australiana Narelle Jubelin

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) afonda na memoria dos lugares e das súas formas de ocupación coa mostra Nalgures, da australiana Narelle Jubelin. Esta iniciativa procura un achegamento ao contexto galego, coa incorporación de fotografías da catalana Anna Turbau realizadas a finais dos anos 70 e que reflicten o territorio, a memoria e a identidade dunha Galicia en tránsito. A artista inclúe por primeira vez nunha exposición outras creacións artísticas, como as imaxes mencionadas ou pezas descatalogadas de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, algunhas pertencentes ao Laboratorio de Formas.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) afonda na memoria dos lugares e das súas formas de ocupación coa mostra Nalgures, da australiana Narelle Jubelin. A exposición foi presentada hoxe polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto que contou coa participación da artista, a comisaria, Natalia Poncela López, e do director do CGAC, Santiago Olmo. Deseñada por Marcos Corrales Lantero, pódese visitar a partir de hoxe e ata o 16 de outubro.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou o achegamento ao contexto galego da iniciativa, coa incorporación de fotografías da catalana Anna Turbau realizadas a finais dos anos 70 e que reflicten “o territorio, a memoria e a identidade dunha Galicia en tránsito”. “A artista inclúe por primeira vez nunha exposición outras creacións artísticas, como as imaxes mencionadas ou pezas descatalogadas de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, algunhas pertencentes ao Laboratorio de Formas”, apuntou.

Segundo o director xeral de Cultura, o punto de partida do proceso de traballo de Narelle Jubelin é a análise dos contextos que enmarcan os seus proxectos, con obxectos ou pezas literarias como referentes. Nesta liña, referiuse á intervención caligráfica sobre as ventás do CGAC na que a artista australiana interpreta o poemario A desvértebra, da galega Ana Romaní. “De aí saen os primeiros fíos deste urdido ao que se unirán outros cabos que percorren distintos espazos”, engadiu.

Presenza central da técnica do bordado

Anxo M. Lorenzo destacou tamén a presenza central da técnica do bordado nos proxectos de Jubelin, mediante a que reinterpreta con gran precisión outras obras ou documentos fotográficos. Para o director xeral, o resultado “son pezas coas que consegue unha gran capacidade analítica, crítica e conceptual”.

Ademais de obras realizadas especificamente para Nalgures, na exposición únense elementos de series anteriores, como Shumakom, Flamenco primitivo, The Presence of Black e Afterimage, que formaron parte de exposicións en diversos países. Afóndase así na memoria da paisaxe e das construcións humanas habitacionais, pero tamén nos modos de ocupación espacial e na redefinición formal das distintas producións culturais.

R., 2022-06-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES