
A primeira das citas de maio terá lugar, así, este vindeiro luns día 10. Os convidados chegarán nesta ocasión dende Vigo e dende Bagdad. Alí naceron, en 1948 e en 1968 respectivamente, Vítor Vaqueiro e Abdul Hadi Sadoun, dous fondos coñecedores das tradicións literarias nas que se inscriben a galega e a iraquí, en lingua árabe e veteranos autores con nutrida obra ás súas costas.
Vaqueiro é ademais narrador, ensaísta, fotógrafo, historiador da fotografía e divulgador da cultura tradicional galega, licenciado en Química e Doutor en Ciencias da Comunicación. Como poeta recibira o Premio Esquío e o da Crítica Española, e os seus últimos poemarios son Palavras a Espártaco (2015) e 1968 (2018). Como cofundador do Centro de Estudos Fotográficos, comisariou as Fotobienais de 1984 e 1986. Mais dirixiu o Arquivo Pacheco entre 2007 e 2011.
Pola súa banda, o iraquí Abdul Hadi Sadoun é escritor e un dos grandes hispanistas actuais chegado do mundo árabe, doutorado en Filosofía e Letras pola Universidade Autónoma de Madrid. Imprescindible divulgador da poesía iraquí en España e tradutor de máis de trinta libros da mellor poesía en español, incluídos Machado, Becquer, Borges, Lorca ou Alberti. Polo seu propio traballo poético recibiu, ademais, distincións como a II Bolsa Antonio Machado (Fundación Antonio Machado, 2009), o título de Hóspede distinguido da Cidade de Salamanca (2016) e a IX Distinción Poetas de otros mundos (Fondo Poético Internacional, 2016).
Con 90 prazas permitidas de público presencial, non se espera que ninguén quede fóra deste acto aberto e gratuíto, coas debidas medidas de seguridade pero tamén retransmitido por streaming. Unha libraría da cidade volverá poñer ao dispor dos lectores e lectoras os títulos dos convidados, listos para estampar eventuais sinaturas nos exemplares.
Patrocinado polo Servizo Municipal de Bibliotecas da Concellería de Cultura do Concello da Coruña, o ciclo mensual POETAS DI(N)VERSOS Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural en 2014 comezou a súa edición número doce o pasado outubro e celébrase de xeito interrompido ata o mes de xuño.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.