Noticias

O Gaiás celebrará o maior evento ao redor da pandeireta cun milleiro de intérpretes na III edición do encontro galego de cultura popular Serán03

A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño o Serán’03, no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional no maior evento organizado ao redor da pandeireta. Neste III Encontro Galego de Cultura Popular as pandeireteiras serán as grandes protagonistas de tres xornadas cun intenso programa de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, obradoiros e espectáculos para público familiar.

O programa do Serán’03 foi presentado hoxe no Museo Centro Gaiás polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que destacou que este encontro “amosa toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto afeccionado como profesional, erguéndose non só como lugar de encontro para o sector, senón nunha verdadeira celebración da nosa cultura popular e un escaparate para achegar a todo tipo de público as nosas artes e patrimonio inmaterial”.

O responsable de Cultura da Xunta de Galicia lembrou que “máis de 40.000 persoas forman parte dalgunha agrupación folclórica en Galicia, o que reflicte a vitalidade da música tradicional na nosa Comunidade”. Neste senso, subliñou que máis de 10.000 persoas pasaron polas dúas primeiras edicións do Serán, centradas no baile tradicional e nas bandas de música populares.

O acto de presentación contou coa participación do director artístico do encontro, o coreógrafo, investigador, intérprete e docente no ámbito da música e a danza tradicional galega, Henrique Peón; a cantante do grupo IALMA e cofundadora e integrante da directiva do Centro de Música do Mundo Muziekpublique en Bruxelas, Marisol Palomo, e as pandeireteiras Ángela Varela e Begoña David, da agrupación Cantigas e Agarimos. Ademais, asistiron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

A pandeireta, protagonista

O director artístico do encontro explicou que a temática central deste Serán’03 será a pandeireta, “que é xunto coa gaita o instrumento máis icónico do noso folclore tradicional” e sinalou que esta terceira edición do evento busca renderlle homenaxe a todas as mulleres pandeireteiras “gardiás da historia e tradición da nosa música, que interpretaron este instrumento ao longo dos séculos e nos legaron ata un xeito de tocar único en toda a Península Ibérica”. Peón quixo lembrar tamén o papel clave que xogaron as agrupacións folclóricas desde a aparición das pandeireteiras de Mens dos anos 70 para “a reconstrución musical e estética deste instrumento, ata chegar ao momento actual no que xa é imposible entender a música galega sen a figura das pandeireteiras”.

Completo programa musical

O Serán’03 prevé un intenso programa coa participación dun milleiro de artistas e intérpretes, tanto afeccionados como profesionais, que inclúen destacados nomes da nosa música como Faltriqueira, Davide Salvado, Fransy González ou Óscar Ibáñez, e algúns dos principais grupos folclóricos de Galicia como Donaire, Rebulir, Trébede, Ultreia, Etnográfico das Mariñas, Xacarandaina, Cantigas e Agarimos ou Alxibeira.

Aos xa tradicionais festival folclórico e foliadón que encherán o Gaiás de música e baile nas noites do venres 10 e o sábado 11 de xuño, súmase como novidade desta edición o Festival Portas do Camiño, que reunirá cinco grupos de pandeireteiras de diferentes lugares da Península, co nexo común das Rutas Xacobeas: Xeitu, de Asturias; Seronda, de León; Denise e Bea, do Bierzo; Adufeiras de Monsanto, de Portugal, e Pandereras de Salamanca, con repertorio de Peñaparda.

Contidos formativos

Outro dos pratos fortes deste encontro serán os contidos formativos dirixidos a profesionais da música e o baile tradicional, con oito masterclasses de percusión, pandeireta e técnica vocal impartidas polo profesorado máis destacado do momento, e un espazo de reflexión, cunha mesa redonda e dúas conferencias a cargo da etnomusicóloga Beatriz Busto e o presidente da delegación española do Consello Internacional de Organización de Festivais do Folclore e as Artes Tradicionais, Rafael Cantero.

Non faltará tampouco a programación para gozar en familia, cun obradoiro de estampaxe sobre tea e un concerto de Cé Orquestra Pantasma. Por último, un desfile de traxe tradicional a cargo da Asociación Etnográfica Sete Espadelas e un concerto dos coros centenarios de Cantigas de Agarimos e Cántigas da Terra serán os pratos fortes da última xornada desta terceira edición do Serán.

Todo o encontro é con entrada libre e de balde, coa excepción dos contidos con prazas limitadas, como as masterclasses e obradoiros, para os que pode realizarse xa a reserva previa de praza na web da Cidade da Cultura de Galicia.

R., 2022-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (educacion-secundaria.jpg) A Xunta de Galicia vén de remitir ás organizacións sindicais a proposta para adiantar a 2028 a redución de ratios na etapa de Secundaria, que será abordada na Mesa Sectorial Docente que terá lugar o vindeiro día 30. A documentación elevada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recolle que a partir de setembro de 2028 implantarase a redución de ratios ata 25 alumnos por aula na ESO fronte aos 30 vixentes no conxunto de España. Esta diminución arrancará para 1º curso de ESO e irá implementándose ano a ano e curso a curso. Unha vez completada toda a etapa de ESO, arrancará a redución a 30 alumnos por aula en Bacharelato, fronte aos 35 a nivel estatal, aínda que en Galicia xa está a 33.
Foto de la tercera plana (medallas-castelao-2026.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2026, despois de que o Consello aprobase concedérllelas ao músico Esteban Batallán Cons, á científica Mar Capeáns Garrido, ao atleta Adrián Ben, á propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre, e á Fundación Andrea. É un dos recoñecementos máis importantes da nosa Comunidade. O Consello acordou recoñecer o traballo da Fundación Andrea, que apoia de xeito integral ás familias con nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.

Notas

O grupo de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO acaba de incorporar un microscopio hiperespectral de campo escuro que permitirá estudar nanopartículas individuais e coñecer con maior precisión as súas propiedades ópticas. A nova infraestrutura supón un importante avance para o desenvolvemento do proxecto Chiral-Pro, centrado en comprender como interactúan as nanopartículas quirais con proteínas e outras biomoléculas.
A Deputación da Coruña entregou no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, os Premios do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES