
Complementando esta iniciativa editorial, a USC ten prevista a celebración dun acto académico arredor do Día das Letras Galegas 2021 o vindeiro 26 de maio.
Baixo a coordinación da profesora María Xesús Nogueira Pereira e editado polo Servizo de Publicacións da USC, o volume bebe das augas dos desbordantes mares da palabra da escritora e reúne estudos que ilustran distintas facetas dunha figura poliédrica coñecida sobre todo pola súa poesía. Tamén se inclúen os poemas publicados na revista Dorna e reproduce textos en prosa pouco coñecidos polo seu difícil acceso.
Como sinala a coordinadora na introdución, alén dunha homenaxe, o libro quere tamén engrosar unha produción crítica sobre a autora e a súa obra polo de agora escasa. Será o tempo coa súa perspectiva, o encargado de escolmar unha produción que estes días medra á calor dos afectos e das honras. Ao longo das súas páxinas, na obra recóllense as achegas de Xulián Maure Rivas, Ana Iglesias Álvarez, Ramón Lorenzo Vázquez, Xosé Lois Gutiérrez Faílde, Montse Pena Presas, Dolores Vilavedra Fernández ou María Xesús Nogueira Pereira para abordar outros tantos aspectos da obra da poeta, como a súa relación co mundo editorial, a participación na revista Dorna, a súa dimensión persoal ou a produción en prosa, entre outras cuestións.
O libro recolle igualmente as respostas a unha enquisa realizada entre escritoras para avaliar a relación e posible influencia de Xela Arias nas súas respectivas producións. Así, incorpóranse as respostas de Susana Sánchez Aríns, Olga Novo, María Reimóndez, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Antía Otero, Oriana Méndez, Andrea Nunes Brións, Lara Dopazo Ruibal, Alicia Fernández e Berta Dávila.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.