Arranca o programa de democratización do coñecemento da Universidade Sénior da UDC
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha, co financiamento da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello das Pontes, unha nova edición do programa de formación universitaria específico para os adultos maiores de 50 anos, que se desenvolverá nos meses de abril e maio, no Auditorio Municipal Cine Alovi.

Un total de 48 alumnos e alumnas maiores de 50 anos ponteses participarán entre abril e maio neste programa que leva como título Coñecendo o Camiño coa Universidade Sénior, que será inaugurado mañá mércores, 28 de abril, ás 17:00 horas, coa presenza da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, e máis a concelleira delegada da Área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude do Concello das Pontes, Tania Pardo Cabarcos.
O Programa consta de tres palestras, impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, que abordarán as seguintes temáticas:
- 28 de abril, de 17:00 a 19:00h., Santiago Apóstolo : Historia, Mito e Lenda, a cargo do profesor Alvaro J. Iglesias Maceiras
- 5 de maio, de 17:00 a 19:00h. A influencia provenzal na lingua e literatura a través do Camiño de Santiago a cargo do profesor Xoán López Viñas
- 12 de maio 17:00 a 19:00h. O Camiño: Paisaxes, Pontes e Fonte", a cargo do profesor José Manuel Álvarez-Campana Gallo
O día 12 de maio, a partir das 19:00h. terá lugar o acto de clausura. Con este Programa, a Universidade Sénior achégase un ano máis ás persoas maiores de 50 anos das Pontes de García Rodríguez, respondendo ás súas inquedanzas e necesidades formativas como xa vén facendo desde o ano 2001 nos campus da Coruña e Ferrol.
Universidade da Coruña, 2021-04-27
Actualidad

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.

A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.
Notas
A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.