
A mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación la Caixa, recala desde hoxe na Cidade da Cultura como última parada do seu percorrido pola xeografía galega. A exposición reúne dez traballos de fotografía e vídeo de artistas actuais, tanto galegos como de fóra do país, que presentan unha nova ollada audaz e orixinal sobre a Ruta Xacobea.
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe esta mostra, que poderá visitarse de balde ata o 20 de xullo no Gaiás e está incluída dentro da programación cultural para o Xacobeo 21-22. Seis grandes contedores de barco transformados en salas de proxección albergan as propostas artísticas que dan forma a un itinerario de múltiples caras no que ten cabida a paisaxe e o territorio, a historia, a vertente espiritual pero tamén as emocións da experiencia do Camiño, manifestou.
Desde Galicia achegan as súas interpretacións Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, que se conxugan coas de notables fotógrafos internacionais aproveitando as conexións das rutas de peregrinación a Santiago de Compostela. Así, o traballo de Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum, representa o Camiño Inglés; André Cepeda, o Camiño Portugués; Michel Le Belhomme, o Camiño Francés; mentres os españois Miguel Ángel Tornero e Cristina de Middel Premio Nacional de Fotografía en 2017 mostran nos seus traballos a Vía da Prata e a Ruta da La, respectivamente.
Cada unha das olladas singulares que compoñen Percorrer o tempo pon de manifesto a vixencia da Ruta Xacobea como elemento conformador de cultura e fonte inesgotable de inspiración para a arte contemporánea, subliñou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Entre as propostas hai curtametraxes e traballos fotográficos que exploran o Camiño como redención, as novas formas de fe e expresión relixiosa na España actual, a confrontación directa coa paisaxe e a natureza nunha peregrinación en soidade ou o encontro entre a subxectividade do habitante de Santiago e a do peregrino que chega á súa meta.
Anxo M. Lorenzo estivo acompañado no acto de apertura da mostra pola xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; a responsable territorial de Fundación la Caixa, Susan Santos e o comisario da exposición, Nicolás Combarro.
Obradoiro de fotografía
Como actividades complementarias á exposición que se inaugurou esta mañá no Gaiás, a Xunta organiza para esta fin de semana un obradoiro de fotografía e unha conferencia impartidas pola presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, e a fotógrafa galega Carla Andrade. Ambas terán lugar no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
No obradoiro, que decorrerá esta tarde e na mañá do sábado 21, as artistas achegarán a súa metodoloxía de traballo e intercambiarán impresións coas persoas participantes que queiran compartir o seu propio material. Esta actividade está dirixida a persoas interesadas na práctica da fotografía contemporánea e require de inscrición previa. A asistencia á conferencia hoxe ás 20.00 horas é libre ata completar a capacidade da sala, previa confirmación no teléfono 881 867 401.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.